David Edú García Mitogo, nado en Bata o 18 de maio de 1990 e finado o 11 de maio de 2023 no cruzamento entre os ríos Avia e Miño, foi un futbolista ecuatoguineano que xogaba como dianteiro. Desenvolveu a maior parte da súa carreira deportiva entre o Bierzo e Galicia e foi internacional coa selección de Guinea Ecuatorial.

Traxectoria Naceu na cidade ecuatoguineana de Bata, sendo fillo dun español e unha ecuatoguineana da etnia fang, e aos tres anos instalouse coa súa familia en Vilafranca do Bierzo. Comezou a xogar ao fútbol co CD La Morenica de La Bañeza, e xogou unha tempada no equipo cadete da Ponferradina, antes de regresar ao La Morenica. Aos 16 anos volveu á Ponferradina e un ano despois debutou co filial na Terceira División.

O 20 de setembro de 2009, con 19 anos, produciuse a súa estrea co primeiro equipo da Ponferradina, nun partido da Segunda División B ante o Eibar, no que marcou ademais o seu primeiro gol, que serviu para colocar ao seu equipo líder. Disputou outros seis encontros coa primeira escuadra nesa tempada, na que o conxunto berciano logrou o ascenso á Segunda División.

O 24 de outubro de 2010, xogando coa Ponferradina B ante o CD Huracán Z, sufriu unha rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo esquerdo, polo que estivo seis meses de baixa, e non volveu vestir a camiseta do primeiro equipo. Na tempada 2012/13 xogou no Teruel, tamén de Segunda B, co que acabou descendendo a Terceira. En 2013 regresou ao Bierzo fichando polo Atlético Bembibre. Tras unha breve experiencia no fútbol maltés, vestindo a camisola do Vittoriosa Stars de Birgu, e de xogar de novo no Atlético Bembibre, recalou en 2015 en Galicia, onde xogou durante os seguintes anos, coa única excepción duns meses no Unionistas de Salamanca. Así, militou no Barco, no Compostela, no Arenteiro, no Somozas, no As Pontes e no Atlético Arnoia, no que xogaba no momento da súa desaparición.

Selección nacional En abril de 2010 foi convocado pola selección sub-20 de Guinea Ecuatorial para o un partido contra Gabón correspondente á clasificación para o Campionato Africano Xuvenil de 2011. Marcou o gol ecuatoguineano, nun encontro que acabou en empate (1-1).

A finais de xullo de 2010 recibiu a súa primeira convocatoria para a selección absoluta de Guinea Ecuatorial, coa que debutou nun amigable ante Marrocos o 11 de agosto no estadio Mohammed V de Rabat. Entrou como substituto de Juan Mbela no minuto 67 pero non puido evitar a derrota do seu equipo (2-1). Nos seis anos seguintes disputou outros cinco partidos coa selección.

Desaparición Desapareceu o 12 de maio de 2023, despois de enviar varias mensaxes de despedida ás súas amizades que fixeron pensar nun posible suicidio. Saíu da casa dun amigo de madrugada, foi a un bar na Arnoia e despois desapareceu. O seu teléfono móbil apareceu na ponte que une A Arnoia e Ribadavia, e as autoridades iniciaron unha busca de varios días no río Miño. O 23 de maio, 11 días despois da súa desaparición, o seu corpo foi finalmente localizado sen vida na gallada onde se xuntan as augas do Avia coas do Miño, máis próximo do lugar da Barca, na ribeira sur, a uns 250 metros de onde se presume que se botou ao río.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Guinea Ecuatorial Categoría:Finados en 2023 Categoría:Ecuatoguineanos de ascendencia española Categoría:Futbolistas de Guinea Ecuatorial Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Futbolistas de España Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do CD Teruel Categoría:Xogadores do CD Barco Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do Unionistas de Salamanca Categoría:Xogadores do CD Arenteiro Categoría:Xogadores da UD Somozas Categoría:Xogadores do CD As Pontes Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Guinea Ecuatorial