O CD32 (grupo ou cluster de diferenciación 32), tamén coñecido como FcγRII (FcgammaRII) ou FCGR2, é unha glicoproteína receptora da superficie celular pertencente á familia xénica das inmunoglobulinas. O CD32 pode encontrarse na superficie de diversas células inmunitarias. Ten unha baixa afinidade polo rexión Fc dos anticorpos IgG en forma monómera, pero unha alta afinidade polos complexos inmunes IgG. O CD32 ten dúas funcións principais: regulación da resposta celular e captación de complexos inmunes. As respostas celulares reguladas polo CD32 inclúen a fagocitose, a estimulación de citocinas e o transporte endocítico. A desregulación do CD32 está asociada con diferentes formas de autoinmunidade, como o lupus eritematoso sistémico. En humanos, hai tres grandes subtipos de CD32: CD32A, CD32B e CD32C. Mentres que o CD32A e CD32C están implicados en respostas de activación celular, o CD32B é inhibitorio.

Estrutura e sinalización

O CD32 é unha proteína transmembrana de tipo I cunha rexión transmembrana helicoidal. Mentres que a rexión extracelular consta de tres dominios de inmunoglobulina (duns 100 aminoácidos de lonxitude), a rexión citosólica varía segundo o subtipo. O CD32A e o CD32C posúen un motivo de activación baseado na tirosina inmunorreceptor (ITAM), mentres que CD32B ten un motivo inhibidor baseado na tirosina inmunorreceptor (ITIM). Ambos os tipos de motivos dependen de interaccións con proteínas que conteñen o dominio SH2 para transducir sinais despois de unírense a un complexo inmune IgG. Cando un ITIM é fosforilado, activa as proteínas efectoras que desfosforilan dianas augas abaixo do cadoiro de sinalización de ITAM, como as quinases MAP.

Os receptores CD32 únense á rexión bisagra inferior da IgG por medio dun dominio extracelular. Ademais, todos os subtipos de CD32 únense doadamente a complexos inmunes IgG1 e IgG3, pero difiren nas súas afinidades de unión a IgG2 e IgG4. O CD32A únese a complexos inmunes IgG2, pero non IgG4. O CD32B e CD32C únense a complexos inmunes IgG4, pero non IgG2. O uso de anticorpos monoclonais pode distinguir entre CD32A e CD32B; porén, o alto grao de homoloxía entre os dominios extracelular de CD32A e CD32C fai que sexa difícil diferencialos.

Funcións e localización

CD32A

O CD32A é un subtipo activador do CD32 que se pode encontrar en diversas células inmunes, especialmente en plaquetas, neutrófilos, macrófagos e células dendríticas. Nas plaquetas, axuda á internalización de células de Escherichia coli opsonizadas por IgG, e está máis xeralmente implicada na mediación de respostas das plaquetas activadas por bacterias. O CD32A tamén desempeña un importante papel na activación de plaquetas, adhesión e agregación en resposta a danos nos vasos sanguíneos. Cando se une a complexos inmunes IgG, o ITAM citosólico pode promover a actividade fagocítica e a secreción de citocinas en neutrófilos e macrófagos. O CD32A tamén axuda á activación da endocitose mediada por recubrimento de clatrina en varios tipos de células. En células dendríticas, o CD32A xoga un importante papel na maduración e a regulación á alza de moléculas coestimuladoras na superficie celular, reforzando a capacidade das células dendríticas de presentar antíxenos a células T. A activación do CD32A é necesaria e suficiente para producir inmunidade celular de células T antitumoral. O CD32A está tamén ligado á autoinmunidade; por exemplo, a produción de anticorpos contra o factor plaquetario 4 (PF4) unido a CD32A está ligada ao desenvolvemento de trombocitopenia inducida por heparina.

O CD32A tamén se encontra en células de Langerhans, mastocitos, basófilos, eosinófilos, monocitos, megacariocitos e unha subpoboación de células T CD4+ activadas. É exclusivo dos primates.

CD32B

O CD32B é un receptor de superficie inhibitorio que forma parte dunha gran poboación de correceptores de célula B, que actúan modulando o sinal. O CD32B activado ten a capacidade de establecer ligazóns cruzadas con receptores de célula B (BCRs), o cal incrementa o limiar para a activación da célula B e regula á baixa a produción de anticorpos en presenza de IgG. Este bucle de retroalimentación fai diminuír a produción de IgG polas células B cando hai un exceso de IgG no corpo. O CD32B tamén se encontra na superficie de células dendríticas foliculares, que utilizan o CD32B para a retención e reciclaxe de complexos inmunes que posteriormente presentan ás células B. Así, o CD32B xoga un importante papel na resposta de anticorpos e na memoria inmunolóxica.

O balance entre o CD32B e as súas moléculas activadoras é crucuial para un axeitado funcionamento celular. Ter pouco CD32B foi asociado co funcionamento desregulado da produción de anticorpos, así como cun incremento de respostas celulares inflamatorias dependentes de anticorpos. Algúns individuos que herdan xenes de CD32B mutados inactivos teñen un menor risco de contraer a malaria; isto atribúese a unha potenciación das funcións fagocíticas. A falta de balance do CD32B está tamén asociada coa autoinmunidade. Os ratos deficientes en CD32B son máis susceptibles á autoinmunidade mediada por complexos inmunes. Igualmente, o lupus eritematoso sistémico en humanos está asociado cunha diminución do CD32B na superficie de células B de memoria. En pacientes de artrite reumatoide é frecuente unha diminución de células dendríticas. O uso terapéutico de anticorpos monoclonais contra o CD32B pode ser efectivo para inducir a citotoxicidade contra as células de linfoma de células B.

O CD32B tamén se encontra en basófilos, neutrófilos, monocitos e macrófagos.

Localizacións fóra do sistema inmunitario

O CD32B pode encontrarse en células musculares lisas das vías aéreas, en células endoteliais sinusoidais hepáticas e en células epiteliais das glándulas salivares.

CD32C

O CD32C exprésase no ~20% da poboación humana e non se comprende ben. Pode encontrarse en células B e células asasinas naturais (NK). Cando se expresa, exerce un importante papel na activación da citotoxicidade celular dependente de anticorpos (CCDA ou, en inglés, ADCC). En estudos animais asociouse o CD32C co aumento de respostas inflamatorias patolóxicas.

Notas

Véxase tamén Outros artigos FCGR2A FCGR2B FCGR2C Receptor do Fc-gamma

Ligazóns externas

Categoría:Antíxenos CD