Sara Berenguer Laosa, nada en Barcelona o 1 de xaneiro de 1919 e finada en Montadin (Francia) o 8 de xuño de 2010, foi unha militante anarcosindicalista e feminista libertaria catalá, activa na organización Mujeres Libres.
Traxectoria Naceu nunha modesta familia de clase traballadora. O seu pai era albanel e activista libertario. Deixou a escola aos 12 anos e aos 13 empezou a traballar nunha carnizaría. Porén, rebelouse ante a explotación e o machismo e foi posteriormente despedida doutros traballos. Traballou de costureira nunha fábrica e, despois, continuou exercendo pola súa conta até xullo de 1936. Cando estalou a guerra civil española tiña 16 anos. O seu pai morreu loitando na fronte.
Sara participou no Comité revolucionario do barrio de Les Corts até xuño de 1937, no Comité revolucionario do sindicato da madeira xunto a Antonio Santamaria, para quen fixo tarefas de mecanografía e contabilidade. Foi nomeada responsábel da distribución das armas.
Exerceu cargos de responsabilidade no comité local da Federación Ibérica de Juventudes Libertarias e no secretariado do Ateneo Libertario, onde exerceu de mestra de nenos da rúa. Coñeceu a Sol Ferrer, a filla de Francesc Ferrer i Guardià, de quen aprendeu francés.
Durando os sucesos de maio de 1937 pa5rticipou nos enfrontamentos armados contra os comunistas e defendeu o Casal de la Dona Treballadora, dirixido por Amparo Poch y Gascón. A comezos de 1937 foi nomeada membro do comité central da Solidariedade Internacional Antifascista (SIA) con Ángel Aransaez e fixo numerosas visitas á fronte.
En outubro de 1938 uniuse ao movemento Mujeres Libres e ocupou o secretariado rexional da asociación. Implicouse en «educar social e culturalmente as mulleres para que puidesen construír e defenderse a si mesmas como seres humanos libres e conscientes».
Exilio e resistencia En xaneiro de 1939, durante a Retirada (o éxodo a Francia), continuou o seu traballo como membro da SIA en Perpiñán e Besiers. Alí tratou de rescatar os prisioneiros dos campos, incluído o seu compañeiro Jesús Guillén Bertolín.
Durante a ocupación nazi foi membro do grupo da CNT de Bram e serviu de enlace coa Resistencia francesa en Aude, Ariège, Hérault e Alta Garona. Tras a liberación continuou xunto con Jesús o seu traballo na CNT no exilio. En 1947 foi responsábel dos cursos de taquigrafía da CNT para persoas refuxiadas e participou activamente nos grupos de teatro organizados polo movemento libertario. Mantivo contactos estreitos con activistas anarquistas, entre eles Octavi Alberola Suriñach e Cipriano Mera. En 1965 participou nas actividades do grupo que publicou o diario Frente Libertario.
De 1972 a 1976 retomou con Suceso Portales a redacción e publicación da revista Mujeres Libres (47 números de 1964 a 1976).
De toda la vida A súa casa, preto de Besièrs, segue a ser un lugar de encontro do movemento libertario. Alí rodouse gran parte do filme De toda la vida (1986), dirixido por Lisa Berger e Carol Mazer. Nel participaron Pepita Carpeña, Dolors Prat Coll, Federica Montseny, Suceso Portales, Mercè Comaposada i Guillén e Conxa Pérez.
Obra
Poesía
Cardos y flores silvestres (1982) Jardín de Esencias (1982) El lenguaje de las flores (1992) Sentiments (2004)
Bibliografía
Notas
Categoría:Membros españois da Resistencia francesa Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Feministas de Cataluña Categoría:Nados en 1919 Categoría:Finados en 2010 Categoría:Anarcosindicalistas Categoría:Anarcofeministas