miniatura|Boca (cavidade oral). miniatura|As amígdalas palatinas co padal brando, úvula e lingua visibles. As amígdalas palatinas, tamén chamadas tonsilas palatinas (TA en latín tonsilla palatina) son dúas tonsilas de tecido linfoide situadas nos lados esquerdo e dereito da parte posterior da garganta, que adoitan verse como vultos de cor carnosa ou rosada. Só teñen aspecto branco cando se inflaman ou están infectadas con síntomas de exsudados (drenaxes de pus) e inchamento.

A amigdalite (tamén chamada popularmente anxinas) é unha inflamación das amígdalas palatinas, que con frecuencia pode causar dor de gorxa e febre. En casos crónicos pode estar indicada a súa extirpación, chamada amigdalectomía.

Estrutura

As amígdalas palatinas están localizadas no istmo das fauces, entre o arco palatoglosal e o arco palatofarínxeo do padal brando.

As amígdalas palatinas son tecidos linfoides asociados ás mucosas (MALT), localizados na entrada dos tractos respiratorio e gastrointestinal para protexer o corpo da entrada de material exóxeno nas mucosas. En consecuencia é un foco potencial de infeccións e é un dos tecidos inmunocompetentes clave da orofarinxe. Forma parte do anel de Waldeyer, que comprende a amígdala farínxea ou adenoide, o par de amígdalas tubáricas, o par de amígdalas palatinas e as amígdalas linguais. No lado farínxeo está cuberta cun epitelio escamento estratificado e unha cápsula fibrosa únea á parede da farinxe. A través da cápsula pasan trabéculas que conteñen pequenos vasos sanguíneos, nervios e vasos linfáticos. Estas trabéculas dividen a amígdala en lobos.

Rego sanguíneo e innervación

Os nervios que chegan ás amígdalas palatinas proceden da división maxilar do nervio trixémino por medio dos nervios palatinos menores e das ramas tonsilares do nervio glosofarínxeo. O nervio glosofarínxeo continúa alén da amígdala palatina e innerva o terzo posterior da lingua para proporcionar a sensación xeral e do gusto. Este nervio é moi probable que se dane durante unha amigdalectomía, o que causa unha redución ou perda da sensación xeral e gustativa no terzo posterior da lingua.

O rego sanguíneo proporciónano as ramas tonsilares de cinco arterias: a arteria lingual dorsal (da arteria lingual), a arteria palatina ascendente (da arteria facial), a rama tonsilar (da arteria facial), a arteria farínxea ascendente (da arteria carótide externa), e a arteria palatina menor (unha rama da arteria palatina descendente, que á súa vez é unha rama da arteria maxilar). A drenaxe venosa das amígdalas faina o plexo peritonsilar, que drena nas veas lingual e farínxea, que á súa vez desembocan na vea xugular interna.

Criptas tonsilares miniatura|300px|Imaxe microscópica a poucos aumentos dunha sección transversal a través dunha das criptas tonsilares (que discorren diagonalmente), cando se abre na superficie da garganta (na parte superior). O epitelio estratificado (e) cobre a superficie da garganta e continúa tapizando a cripta. Baixo a superficie hai numerosos ganglios (f) de tecido linfoide. Moitas células linfáticas (rexión de cor escura) pasan dos ganglios cara á superficie e finalmente mesturan a saliva como corpúsculos salivares (s).

As amígdalas palatinas constan dunhas 15 criptas, o que orixina unha gran superficie interna. As amígdalas conteñen catro compartimentos linfoides que inflúen nas funcións inmunes, concretamente o epitelio reticular da cripta, a área extrafolicular, as zonas do manto dos folículos linfoides e os centros xerminais foliculares. Nas amígdalas palatinas humanas a primeira parte exposta ao ambiente exterior é o epitelio tonsilar.

Función

Inmunidade local As células B tonsilares (relacionadas coa amígdala palatina) poden madurar producindo as cinco grandes clases de inmunoglobulinas (Ig ou anticorpos). Ademais, cando se incuban in vitro con mitóxenos ou con antíxenos específicos, producen anticorpos específicos contra a toxina diftérica, poliovirus, Streptococcus pneumoniae, Haemophilus influenzae, Staphylococcus aureus e o lipopolisacárido de Escherichia coli. A maioría das inmunoglobulinas A producidas polas células B tonsilares in vitro parecen ser monómeros 7S, aínda que unha proporción significativa poden ser IgA dímeras de l0S.

Ademais da inmunidade humoral orixinada polas células B adenoides e tonsilares despois da estimulación antixénica, hai unha considerable resposta de células T nas amígdalas palatinas. Así, a infección natural ou a inmunización intranasal coa vacina de virus vivos atenuados da roséola ceba os linfocitos tonsilares moito mellor que a vacina subcutánea. Ademais, a infección natural polo virus da varicela-zóster estimulan os linfocitos tonsilares mellor que os linfocitos do sangue periférico.

Acción das citocinas

As citocinas son proteínas inmunomoduladoras humorais ou glicoproteínas que controlan ou modulan as actividades de células diana, causando a activación de xenes, orixinando a división mitótica, crecemento e diferenciación, migración, ou apoptose. Son producidas por unha gran variedade de tipos celulares por estímulos específicos e non específicos de antíxenos. Moitos estudos indican que o resultado clínico de moitas enfermidades infecciosas, autoinmunes ou malignas parece estar influenciado polo balance global da produción (perfís) de citocinas proinflamatorias e antiinflamatorias. Por tanto, a determinación de perfís de citocinas en estudos das amígdalas proporciona información clave para unha análise máis en profundidade da causa e mecanismos subxacentes deses trastornos, así como do papel e posibles interaccións entre os linfocitos T e B e outras células inmunocompetentes.

A rede de citocinas representa un sistema regulador moi sofisticado e versátil que é esencial para que o sistema inmunitario supere as diversas estratexias de defensa dos microorganismos. As citocinas de Th1 e Th2 e ARNm de citocinas son ambos detectables nos grupos con hipertrofia tonsilar (ou apnea do sono obstrutiva) e con amigdalite recorrente. A amígdala palatina humana é un órgano inmunolóxico activo que contén unha ampla variedade de células produtoras de citocinas. Tanto as células Th1 coma as Th2 están implicadas na fisiopatoloxía das condicións hipertrofia tonsilar e amigdalite recorrente. De feito, as amígdalas humanas albergan persistentemente antíxenos microbianos mesmo cando o suxeito é asintomático de infeccións en curso. Podería tamén ser un efecto da ontoxenia do sistema inmunitario.

Importancia clínica A patoxénese da enfermidade infecciosa/inflamatoria nas amígdalas moi probablemente ten a súa base na súa localización anatómica e as súas funcións inherentes como órgano da inmunidade, procesando o material infeccioso e outros antíxenos e converténdose despois, paradoxalmente, nun foco de infección/inflamación. Porén, aínda non foi aceptada ningunha teoría simple da patoxénese. A infección viral cunha invasión bacteriana secundaria pode ser un mecanismo da iniciación da enfermidade crónica, pero poden ter un papel os efectos do ambiente, factores do hóspede, o uso xeneralizado de antibióticos, consideracións ecolóxicas e a dieta. Un recente estudo revelou unha alta taxa de infeccións víricas prevalentes en pacientes con enfermidade non aguda que sofren unha amigdalectomía de rutina. Porén, ningún dos 27 virus detectados mostraron unha asociación positiva coa enfermidade tonsilar.

Nos nenos, as amígdalas son sitios comúns de infección que poden dar lugar a amigdalite crónica ou aguda. Porén, aínda é unha cuestión aberta se a hipertrofia tonsilar é tamén causada por unha infección persistente. A amigdalectomía é unha das operacións maiores máis comúns en nenos. As indicacións para a operación complicáronse pola controversia sobre os beneficios de extirpar un tecido infectado cronicamente e o posible dano causado ao eliminar un importante tecido indutivo inmune.

A información que cómpre para tomar unha decisión racional para resolver esta polémica pode obterse ao comprendermos o potencial inmunolóxico das amígdalas palatinas normais e compararmos estas funcións cos cambios que ocorren cando estes teñen enfermidade crónica.

Amigdalite aguda miniatura|Animación que mostra a amigdalite. A amigdalite é a inflamación das amígdalas palatinas. A amigdalite aguda é a manifestación máis común da enfermidade tonsilar. Está asociada coa dor de gorxa, febre e dificultade ao tragar. As amígdalas palatinas poden parecer de tamaño normal ou estar agrandadas, pero son xeralmente eritematosas. A miúdo, pero non sempre, poden verse nelas exsudados. Non están presentes todos estes síntomas e signos en todos os pacientes.

Amigdalite recorrente

A infección recorrente foi definida variadamente como ter de catro a sete episodios de amigdalite aguda ao ano, ou cinco episodios en dous anos consecutivos ou tres episodios por anos en 3 anos consecutivos.

Hipertrofia tonsilar

A hipertrofia tonsilar é o agrandamento das amígdalas palatinas, pero sen a historia de inflamacións. A hipertrofia tonsilar obstrutiva é actualmente a razón máis común para a amigdalectomía. Estes pacientes preséntanse con varios graos de alteración do sono que poden incluír síntomas de ronquidos fortes, respiración irregular, sufocacións nocturnas e tose, espertar frecuentemente, apnea do sono, disfaxia e/ou hipersomnolencia diúrna. Isto pode orixinar cambios no comportamento/humor en pacientes e facilitar a necesidade dunha polisomnografía para determinar o grao no cal estes síntomas están alterando o seu sono.

Galería

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Sistema linfático Categoría:Farinxe Categoría:Órganos