miniatura|Columna do ascensor de Begoña. O Ascensor de Begoña é un ascensor actualmente en desuso situado na cidade de Bilbao. Historia Construíuse en 1943 con deseño do arquitecto Rafael Fontán, e entrou en servizo en 1949. Encargado pola familia Aranguren, tiña como obxectivo salvar o desnivel entre o barrio de El Arenal e a Zona vella, concretamente a rúa Esperanza. Dese xeito, enlazaba directamente coa estación de tren coñecida como Bilbao Aduana e posteriormente como San Nicolás. Actualmente sitúase alí a parada de metro de Zazpikaleak/Zona vella. Segue modelos de ascensores suízos similares de principios do século XX.
Construído en formigón armado, consta dunha pasarela que chega a un miradoiro (con certa referencia á estética maquinista). Dende aí parte unha columna oca que transporta os pasaxeiros até a zona baixa da cidade. Xa no século XIX ideárase un ascensor para Bilbao, proxecto que nunca chegou a realizarse.
Debido á súa grande altura (salva 45 metros) e á súa localización no centro da cidade, é visíbel desde diferentes puntos, co que se converteu nun fito arquitectónico. Deixou de funcionar o 8 de xullo de 2014 tras pedir a concesionaria ao Goberno Vasco a caducidade da adxudicación por falta de rendibilidade, malia non expirar até 2044.
Os servizos de ascensor son prestados provisionalmente polos do Metro de Bilbao, na estación de Zona vella.
Atópase nun estado de abandono á espera dun proxecto municipal que permita o seu aproveitamento. En maio de 2019 o concello asumiu o custo e execución das reparacións subsidiarias.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Ascensores de Txurdinaga-Basarrate Ascensor de Iturribide-Zabalbide Funicular de Artxanda
Categoría:Transporte en Bilbao Categoría:Ascensores