Athenea del Castillo Beivide, nada en Solares, Medio Cudeyo, o 24 de outubro de 2000, é unha futbolista española que xoga como dianteira no Real Madrid da Primeira división. Internacional dende 2020 coa selección española, conquistou con esta a Copa do Mundo de 2023.
Traxectoria
Inicios en Cantabria Comezou a xogar no Reocín, na súa Cantabria natal, aos 11 anos, pasando máis tarde ás filas do equipo sucesor deste, o Ave Fénix Racing, que acabou por converterse na sección feminina do Racing de Santander. Permaneceu no club ata o final da tempada 2018/19, militando na Segunda División.
Deportivo da Coruña En agosto de 2019 asinou polo Deportivo da Coruña, equipo que acababa de ascender á Primeira División, tras unha dura disputa entre os dous clubs pola ficha da xogadora.
Debutou na máxima categoría o 8 de setembro de 2019, nun partido ante o Espanyol e marcou o seu primeiro gol o 19 de xaneiro de 2020, cunha espectacular xogada na que se internou na área caneando a varias xogadoras do Betis antes de disparar á portería. O equipo acadou esa tempada o cuarto posto na liga. Xogou durante dúas campañas no club galego, disputando 49 partidos e logrando 11 goles.
Real Madrid O 26 de xullo de 2021, tras o descenso do Deportivo, anunciouse a súa fichaxe polo Real Madrid. Titular indiscutible durante os seguintes anos superou os 150 partidos oficiais, converténdose na cuarta xogadora con máis partidos na historia do club (só por detrás de Olga Carmona, Misa Rodríguez e Tere Abelleira) e na terceira máxima goleadora histórica con 31 tantos (superada só por Esther González e Caroline Weir).
Selección española
Selección sub-19 Internacional coa selección española sub-19, con só 17 anos foi convocada polo seleccionador Jorge Vilda para disputar a Eurocopa sub-19 en Suíza. Marcou un gol no último partido da fase de grupos ante Francia e xogou a final contra Alemaña no Tissot Arena, onde o equipo español se proclamou campión.
Xogou tamén a seguinte edición do torneo, un ano despois. Participou en todos os partidos da súa selección, que perdeu nas semifinais ante Francia por 3-1, sendo Athenea a autora do único gol español no partido.
Selección absoluta Debutou coa selección absoluta en outubro de 2020, nun partido ante a República Checa en La Cartuja, converténdose na primeira xogadora do Deportivo da Coruña en vestir a camiseta da selección española. Once meses despois anotou o seu primeiro gol internacional, facendo o cuarto dos sete goles españois ante Hungría.
En 2022 foi convocada por Vilda para disputar a Eurocopa en Inglaterra e participou en todos os partidos de España no torneo, caendo en semifinais ante a selección anfitrioa. Un ano despois disputou a Copa do Mundo celebrada en Australia e Nova Zelandia. Participou en tres dos partidos da selección española, que acabou gañando o seu primeiro título mundial tras derrotar na final a Inglaterra.
Vida persoal Mantén unha relación sentimental co futbolista galego Isra Pérez, ao que coñeceu mentres el defendía a camiseta do Fabril e ela a do Deportivo da Coruña Feminino.
Palmarés Selección española Copa do Mundo (1): 2023.
Selección española sub-19 Eurocopa sub-19 (1): 2018.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos da xogadora en BDFutbol . Datos da xogadora en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados en Solares Categoría:Futbolistas de Cantabria Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino Categoría:Xogadoras do Real Madrid CF Feminino Categoría:Xogadoras da selección de fútbol de España