Ernesto Ekaizer, nado en Bos Aires (Arxentina) en 1949, é un xornalista e escritor arxentino que reside e traballa en España.
É autor, entre outros, do libro Indecentes, publicado en 2012, obra que interpreta a crise económica de 2008 en diante e, de maneira específica, a española, como unha estafa á sociedade por parte do sector financeiro nacional e internacional.Indecentes, Ernesto Ekaizer, Espasa (2012) (arquivado en Archive.org), páxina web do libro.
Traxectoria Primeiros anos Naceu en Bos Aires, no seo dunha familia emigrante de orixe xudía asquenací, por liña paterna. Tras traballar na revista Panorama e o diario La Opinión (entre outras publicacións arxentinas), trasladouse a España, onde foi redactor xefe do diario barcelonés La Vanguardia en Madrid, columnista da revista Cambio 16, subdirector da revista El Globo, director do diario económico Cinco Días e director adxunto do diario El País. É un colaborador asiduo en radio e televisión.
Xornal El País En 1998 foi enviado especial do xornal El País para cubrir os acontecementos relacionados co caso Pinochet. Ekaizer narrou os episodios xudiciais do ex-ditador chileno en Londres, e seguiu a evolución política e diplomática do caso, que se desenvolveu en Madrid, Santiago de Chile, Londres, Nova York e Washington. Este seguimento do caso permitiulle realizar o guión do documental Augusto Pinochet, prisionero de la ley, para a canle Tele 5, colaborando tamén na dirección do mesmo; como conselleiro técnico, colaborou con Patricio Guzmán na realización do seu filme El caso Pinochet. Ekaizer obtivo o premio Ortega y Gasset de xornalismo en maio do ano 2000 polos seus traballos sobre o caso Pinochet. Tres anos despois publicou o libro Yo, Augusto sobre o ditador chileno.
Dende El País, Ekaizer cuestionou o tratamento dado aos atentados do 11-M en Madrid por outros medios de comunicación, con duras críticas a Pedro J. Ramírez, director do diario El Mundo, e a Federico Jiménez Losantos, director do programa «La mañana» da cadea de radio COPE e vicepresidente de Libertad Digital. Tamén publicou, co título "Actas", as charlas mantidas durante a reunión nun rancho de Crawford do entón presidente español José María Aznar co presidente dos Estados Unidos George W. Bush tres semanas antes do ataque estadounidense a Iraq, nas que o presidente español solicitaba ao seu homólogo estadounidense argumentos para superar a oposición da opinión pública española.
Diario Público En 2008, após acadar o posto de adxunto ao director de El País, Ekaizer abandonou o diario para incorporarse, o 1 de febreiro dese ano, ao novo diario Público, fundado en 2007. Asumiu o posto de editor executivo, coordinando tamén o consello asesor á dirección na súa liña editorial e escribindo como analista e columnista.
Televisión e radio Dende principios da década de 2000, Ekaizer participa asiduamente en faladoiros xornalísticos sobre actualidade política para televisión e radio, en programas como La mirada crítica, Ruedo ibérico, Al rojo vivo, Las mañanas de Cuatro, Madrid opina, Versió RAC 1, Espejo Público ou Las cosas claras.
Obras José María Ruiz-Mateos, el último magnate (1985) Banqueros de rapiña (1994) Vendetta (1996) El farol (1997) Yo, Augusto (2003) Guerra y castigo (2004) Indecentes. Crónica de un atraco perfecto (2012) El caso Bárcenas (2013) Queríamos tanto a Luis (2015) El libro negro: la crisis de Bankia y las cajas (2018) La novel·la de la rebel·lió: Cròniques del judici (2019) El crispavirus (2020) El rey al desnudo (2021) Operación Jaque Mate (2023)
Notas
Categoría:Xornalistas da Arxentina Categoría:Nados en 1949