O Red Bull Bragantino, coñecido simplemente como Bragantino, é un club de fútbol brasileiro con sede en Bragança Paulista, São Paulo. Fundado en 1928, compite na Serie A, a máxima categoría do fútbol brasileiro, así como no Campionato Paulista.
Denominouse Clube Atlético Bragantino ata 2020, cando a administración do club pasou a mans de Red Bull, que cambiou o nome do club e as cores do equipamento, do tradicional branco e negro ao branco e vermello.
Historia O 8 de xaneiro de 1928, os antigos socios do Bragança Futebol Clube fundaron o Clube Atlético Bragantino. En 1949 o club disputou por primeira vez a Segunda División do Campionato Paulista e en 1965 ascendeu por primeira vez á Primeira División do campionato estatal, antes de descender de novo en 1966.
En 1988 proclamouse campión da Segunda División do Campionato Paulista e en 1989 ascendeu por primeira vez ao Campionato Brasileiro de Serie A, despois de ser campión da Serie B. En 1990, con Vanderlei Luxemburgo como adestrador, conquistou o Campionato Paulista, vencendo ao Novorizontino. na final alcumada "a final caipira".
En 1991, con Carlos Alberto Parreira no banco e con destacados futbolistas como Mauro Silva, Gil Baiano, Mazinho Oliveira, Robert ou Marcelo, o equipo estivo preto de gañar o Campionato Brasileiro. Quedou segundo na primeira fase e enfrontouse nas semifinais do campionato ao Fluminense no estadio do Maracanã. Diante de 74.000 espectadores, o Bragantino venceu 1-0 cun gol de Franklin. O Bragantino certificou a eliminación do Fla no partido de volta, cun empate 1-1. Na final, o São Paulo de Telê Santana acabou conseguindo o título, despois de gañar por 1-0 no Morumbi e empatar sen goles no Marcelo Stéfani. Foron as dúas mellores tempadas da historia do club brasileiro e o seu baluarte, Mauro Silva, recibiu a Bola de Ouro de 1991, que premia ao mellor xogador do campionato brasileiro.
En 1992 o Bragantino competiu por primeira vez nunha competición internacional, concretamente na Copa CONMEBOL, repetindo participación ao ano seguinte. En 1998 descendeu á Serie B do Campionato Brasileiro, e en 2002 á Serie C.
Tras varios anos subindo e baixando entre a Serie B e a C, en abril de 2019, o Bragantino asinou un acordo con Red Bull GmbH, empresa que se encargaba da xestión de todos os activos de Red Bull relacionados co fútbol. A partir de 2020, de novo na Serie A, presentouse un novo escudo e o nome do club pasou a ser Red Bull Bragantino.
Estadio O estadio do Red Bull Bragantino é o Estadio Nabi Abi Chedid, construído en 1949 cunha capacidade máxima de 21.210 espectadores. O estadio, propiedade do club, honra co seu nome a Nabi Abi Chedid, antigo presidente do club e pai do tamén presidente Marco Antônio Abi Chedid. Antes fora chamado Estadio Marcelo Stéfani, en homenaxe a Marcelo Stéfani, xogador e tamén ex presidente do club. Por aquel entón o estadio tamén era coñecido polo alcume de Marcelão. O cambio de nome realizouse o 6 de xaneiro de 2009 entre críticas da poboación de Bragança Paulista.
Equipo filial O 26 de marzo de 2019, o presidente do Bragantino anunciou un acordo co Red Bull Brasil para que este se convertese en equipo filial do primeiro. O 16 de xaneiro de 2023, o Red Bull Brasil cambiou o seu nome a Red Bull Bragantino II.
Palmarés
Nacional
Campionato Brasileiro Serie B (2): 1989, 2019. Campionato Brasileiro Serie C (1): 2007.
Estatal
Campionato Paulista (1): 1990. Campionato Paulista Serie A2 (1): 1965, 1988. Campionato Paulista Serie B2 (1): 1979. Campionato Paulista do Interior (1): 2020. Torneio Início (1): 1991.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos RB Leipzig New York Red Bulls
Ligazóns externas Sitio web oficial
Categoría:Equipos de fútbol do Brasil Categoría:Fútbol no estado de São Paulo