Luisa Revuelta Revuelta, nada en Santiago de Compostela o 26 de xaneiro de 1905 e finada en Córdoba (Andalucía) en 1983, foi unha profesora e pedagoga galega.
Traxectoria Filla de Adolfo Revuelta Fernández e Gregoria Revuelta Lázaro. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, e nesa época estivo na directiva da Asociación de Estudiantes Católicos de Derecho. Licenciouse en 1929 na Universidade Central de Madrid pola sección de Historia.
Presentouse ás oposicións á cátedra de instituto de Lingua e literatura española, obtivo praza en Logroño en 1933 e accedeu ao corpo de catedráticos en 1935, destinada a Teruel. En 1940 trasladouse a Córdoba, e en 1942, logo dun proceso de depuración, obtivo a cátedra. Exerceu como docente ata a xubilación en 1975.
Na docencia adoitaba realizar co seu alumnado representacións teatrais, actividade que xa practicara na infancia na Juventud Antoniana. Levou a cabo representacións de pezas como o auto sacramental La siega no teatro Marín de Teruel (1935) ou a adaptación da comedia La hermosa fea no Instituto de Córdoba (1944), pezas as dúas de Lope de Vega. En 1943 representou o paso El convidado de Lope de Rueda, e en 1946 o poema dramático Gran Reina de Blanco Belmonte. O 23 de abril de 1947, co gallo do IV Centenario do nacemento de Miguel de Cervantes, representou Don Quijote en casa de los Duques, La gitanilla e La elección de los alcaldes de Daganzo.
En 1945 nomeárona académica correspondente da Real Academia de Ciencias, Bellas Letras y Nobles Artes de Córdoba, e en 1946 pasou a ser académica de número.
Obra Caminos de España (Valencia, 1939) Las armas y las letras, Renacimiento de nuestros valores universitarios (Córdoba, 1943) "Valera estilista". Boletín de la Real Academia de Córdoba nº 45 (1946)
Editora Los pechos privilegiados, de Juan Ruiz de Alarcón (Biblioteca de Clásicos Ebro, 1946).
Recoñecementos Leva o seu nome o segundo centro de formación do profesorado de Córdoba, inaugurado en 1996.
Véxase tamén Bibliografía
Notas
Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1983 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Catedráticos