Marc Casadó Torras, nado en Sant Pere de Vilamajor o 14 de setembro de 2003, é un futbolista español que xoga como centrocampista defensivo no Deportivo da Coruña, da Primeira División.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no CF Vilamajor da súa vila natal, pasando logo polo PB Sant Celoni, o Granollers e o Damm, antes de ingresar aos 13 anos na canteira do Barcelona. Na tempada 2020/21 capitaneou o primeiro equipo na conquista da División de Honra e da Copa de Campións.

No verán de 2022 foi subido ao Barcelona Atlètic, co que debutou na Primeira División RFEF o 27 de agosto, nunha vitoria por 3-2 contra o Castellón no Johan Cruyff. Axiña se asentou na titularidade do filial e só dous meses despois de debutar con este, fíxoo tamén co primeiro equipo na Liga de Campións, no último partido da fase de grupos diante do FC Viktoria Plzeň no Doosan Arena de Plzeň. Entrou ao campo na segunda parte, substituíndo ao marfilés Kessié.

Na tempada 2023/24 foi nomeado capitán do equipo e comezou a adestrar de xeito habitual co primeiro equipo ás ordes de Xavi. O 17 de marzo de 2024 debutou na Primeira División, nun partido ante o Atlético de Madrid no Metropolitano, no que saltou ao terreo de xogo nos minutos finais substituíndo a Héctor Fort.

Para a seguinte tempada, xa con Hansi Flick no banco, subiu definitivamente ao primeiro equipo e comezou a campaña conquistando a Supercopa de España, sendo titular tanto nas semifinais contra o Athletic como na final contra o Real Madrid. Axiña se asentou na titularidade tamén na liga, favorecido pola grave lesión de Marc Bernal na primeira xornada, e o 2 de marzo de 2025 anotou o seu primeiro gol co Barça, nunha vitoria por 4-0 sobre a Real Sociedad no Lluís Companys. Pechou a tempada cun total de 36 partidos, 29 deles como titular, e conquistou tamén a liga e a Copa do Rei.

Na tempada 2025/26 revalidou os títulos de Supercopa e liga, e sumou 34 encontros, 15 deles saíndo dende o inicio. Con todo, a recuperación de Gavi da súa lesión, así como a fichaxe de Rodri, provocaron que o club buscase o seu traspaso no verán de 2026. Ante a falta dunha oferta satisfactoria, o xogador acabou saíndo cedido nos últimos minutos do período de fichaxes ao Deportivo da Coruña, que viña de ascender á Primeira División.

Selección española Foi internacional coas seleccións sub-16 e sub-17 de España entre 2019 e 2020. En outubro de 2024 foi convocado pola selección sub-21.

En novembro de 2024, coincidindo coa súa irrupción no primeiro equipo do FC Barcelona, foi convocado por Luis de la Fuente para os partidos da selección española absoluta na Liga das Nacións da UEFA contra Dinamarca e Suíza. Debutou no partido contra os dinamarqueses no estadio Parken de Copenhague, substituíndo a Martín Zubimendi no minuto 70.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente .

Categoría:Nados en 2003 Categoría:Nados na provincia de Barcelona Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña