A Met-encefalina, tamén chamada metencefalina (DCI) ou met-encefalina, ás veces denominada factor de crecemento opiáceo (OGF), é un péptido opiáceo endóxeno natural que ten efectos opiáceos de duración relativamente curta. É unha das dúas formas de encefalina, a outra é a Leu-encefalina. As encefalinas son consideradas os ligandos endóxenos primarios do receptor opiáceo δ debido á súa alta potencia e selectividade para o sitio sobre os outros opiáceos endóxenos.

Historia A Met-encefalina descubrírona e caracterizárona John Hughes, Hans Kosterlitz, et al. en 1975 despois de estar investigando os ligandos dos receptores opiáceos.

Química A Met-encefalina é un pentapéptido coa secuencia de aminoácidos Tyr-Gly-Gly-Phe-Met. O residuo de tirosina na posición 1 pénsase que é estruturalmente análogo ao grupo 3-hidroxilo da morfina.

Bioquímica

Distribución

A Met-encefalina atópase principalmente na medula adrenal e en todo o sistema nervioso central, incluíndo o corpo estriado, córtex cerebral, tubérculo olfactorio, hipocampo, septum, tálamo e substancia gris periacuedutal, así como no corno dorsal da medula espiñal. Tamén está presente na periferia, concretamente nalgunhas fibras aferentes primarias que innervan as vísceras pelvianas.

Biosíntese A Met-encefalina sintetízase a partir da proencefalina por corte proteolítico en dous pasos metabólicos. A proencefalina A redúcese primeiro pola acción dun dos dous encimas endopeptidases similares á tripsina chamados prohormona convertase 1 (PC1) e prohormona convertase 2 (PC2); despois, os intermediarios resultantes son de novo reducidos polo encima carboxipeptidase E (CPE; antes coñecida como encefalina convertase (EC)). A proencefalina A contén catro secuencias de Met-encefalina (nas seguintes posicións: 100–104; 107–111; 136–140; 210–214), e como resultado, o seu corte xera catro copias de péptidos de Met-encefalina á vez. Ademais, o anabolismo da proencefalina A ten como resultado a produción dunha copia de cada un dos dous derivados da Met-encefalina ampliada no C-terminal, que son o heptapéptido Met-encefalina-Arg-Phe (261–267), e o octapéptido Met-encefalina-Arg-Gly-Leu (186–193), aínda que non está moi claro se estes derivados afectan aos receptores opiáceos de maneira similar a como o fai a Met-encefalina.

Eliminación A Met-encefalina e Leu-encefalina son metabolizadas por diversos encimas, como a aminopeptidase N (APN), endopeptidase neutra (NEP), dipeptidil peptidase 3 (DPP3), carboxipeptidase A6 (CPA6), e encima convertedor da anxiotensina (ACE). Estes encimas denomínanse ás veces encefalinases.

Actividade biolóxica A Met-encefalina é un potente agonista do receptor opiáceo δ e en menor medida o receptor opiáceo μ, cun pouco ou ningún efecto sobre o receptor opiáceo κ. Por medio destes receptores a Met-encefalina produce os seus efectos opiáceos, como a analxesia e os efectos similares a antidepresores.

Tamén é un ligando endóxeno do receptor do factor de crecemento opiáceo (OGFR; antes coñecido como receptor opiáceo ζ), que exerce un papel na regulación do crecemento e rexeneración dos tecidos; velaí polo que á Met-encefalina se lle chama ás veces OGF.

Farmacocinética A Met-encefalina ten unha baixa biodispoñibilidade, é metabolizada rapidamente e ten unha vida media moi curta (minutos). Estas propiedades son consideradas moi pouco convenientes en farmacéutica xa que se necesitan grandes doses que habería que administrar múltiples veces nunha hora para manter un efecto terapeuticamente relevante, o que fai improbable que a Met-encefalina chegue a ser utilizada algunha vez en medicina.

A [D-Ala2]-Met-encefalinamida (DALA) é unha encefalina sintética análoga que non é susceptible á degradación polos encimas cerebrais e a baixas doses (de 5 a 10 microgramos) causa unha analxesia profunda de longa duración e similar á da morfina cando se microinxecta no cerebro de ratas.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Encefalina Leu-encefalina

Categoría:Péptidos opiáceos