Janina Hosiasson-Lindenbaum, nada en Varsovia o 5 de decembro do 1899 e finada en Vilnius en abril do 1942, foi unha filósofa e lóxica polaca. Publicou cerca de vinte artigos de investigación, ademais de traducir tres libros de Bertrand Russell ao polaco. O seu traballo centrouse principalmente en problemas fundamentais da probabilidade, a indución e a confirmación. Foi a primeira autora en publicar un traballo sobre o paradoxo dos corvos, que ela atribuíu a Carl Hempel. Hosiasson-Lindenbaum foi asasinada pola Gestapo no 1942, do mesmo xeito que moitos outros lóxicos da escola polaca, incluído o seu esposo, Adolf Lindenbaum.
Traxectoria Janina Hosiasson naceu o 6 de decembro do 1899 en Varsovia, filla do comerciante Josef Hosiasson e a súa muller, Sophia Feigenblat. Estudou na Universidade de Varsovia, onde tivo como profesores a Tadeusz Kotarbinski e Jan Łukasiewicz. Doutorouse no 1926 cunha tese sobre a xustificación do razoamento indutivo. Posteriormente, traballou como profesora de filosofía na educación secundaria, ao tempo que continuaba as súas investigacións. Cara finais da década dos vinte, era xa unha respectada filósofa da lóxica da escola de Lwów-Varsovia. Hosiasson participou no Segundo Congreso de Filosofía de Polonia en setembro do 1927, así coma no Primeiro Congreso de Matemáticos Eslavos en setembro do 1929. No curso académico de 1929/1930, estudou filosofía na Universidade de Cambridge, grazas a unha bolsa do goberno polaco. Hosiasson interveu no primeiro Congreso pola Unidade da Ciencia, celebrado en París no 1935, e asistiu tamén ao segundo (Copenhague, 1936).
A finais do 1935, Hosiasson casou co matemático e lóxico Adolf Lindenbaum, cambiando o seu apelido por Hosiasson-Lindenbaum. O matrimonio trasladouse ao distrito de Zoliborz, en Varsovia. No 1939, Hosiasson tiña previsto asistir ao quinto Congreso pola Unidade da Ciencia, organizado en Harvard. Porén, o seu visado foi denegado e non puido coller o barco cara América. O 1 de setembro dese mesmo ano, Alemaña invadiu Polonia. O 6 de setembro, con Varsovia asediada polas tropas inimigas, foxe da cidade co seu marido. Hosiasson escribe cartas a Otto Neurath e G.E. Moore, nas que expresa a dificultade de escapar cara ao leste polos bombardeos da Luftwaffe. A parella separouse cando Hosiasson aceptou viaxar até Rivne, en Ucraína. Dende alí, desprazouse a Vilnius, onde descubriu que o seu esposo estaba refuxiado en Białystok. As forzas soviéticas entraron en Polonia o 17 de setembro, polo que ambas cidades caeron baixo dominio ruso. Hosiasson reuniuse co seu esposo en Białystok; porén, decidiu volver soa a Vilnius.
O 22 de xuño do 1941, Alemaña invadiu os territorios polacos anexionados pola Unión Soviética e, aos poucos días, tomaron Białystok e, posteriormente, Vilnius. Lindenbaum trasladouse a Vilnius e, en agosto do 1941, foi detido e fusilado xunto coa súa irmá Stefanja. Hosiasson sería detida pola Gestapo durante sete meses; en abril do 1942, foi fusilada en Paneriai, nas aforas da cidade.
Publicacións Why do we prefer probabilities relative to many data? (1931). Mind, 40(157), 23-36. On confirmation (1940). Journal of Symbolic Logic, 5(4), 133-148. Induction et analogie: Comparison de leur fondement (1941). Mind, 50(200), 351-365. Theoretical Aspects of the Advancement of Knowledge (1948/9). Synthese, 7(4/5), 253-261.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas The Janina-Project (Bet Debora Podcast)
Categoría:Alumnos da Universidade de Varsovia Categoría:Alumnos da Universidade de Cambridge Categoría:Finados en 1942 Categoría:Nados en 1899 Categoría:Filósofos de Polonia Categoría:Asasinados polo réxime nazi