Aldonza Lourenzo de Valadares, finada despois de 1360, foi unha nobre portuguesa (galega para Eduardo Pardo de Guevara), e nai de Alvar Peres de Castro e Inés de Castro. Traxectoria Filla do nobre portugués Lourenzo Soares de Valadares, ricohome, conselleiro dos reis Afonso III e Dinis de Portugal, tenente de Riba Fouga e de Riba Minho e señor de Tangil, e de Sancha Nunes de Chacim, filla de Nuno Martins de Chacim, ricohome, tenente de Braganza, meiriño maior de Afonso III e mordomo maior do rei Dinis I de Portugal, e da súa segunda esposa, Teresa Nunes Queixada. O pai de Aldonza foi aio de Pedro Fernández de Castro, quen lle foi entregado pola súa nai para a súa protección despois da morte do seu pai.

Tivo varias irmás de nai e pai, entre elas: Berenguela Lourenzo de Valadares, esposa de Afonso Téllez de Meneses O Raposo; Branca, que casou con Martín Eanes de Briteiros; Xoana, comendadora do Mosteiro de Santos até 1348; e Constanza e Beatriz Lourenzo de Valadares, ámbalas dúas monxas no Mosteiro de Arouca.

Aldonza, que nunca chegou a casar, mantivo unha relación con Pedro Fernández de Castro co que tivo dous fillos:

Alvar Peres de Castro, (m. en xullo de 1384), conde de Arraiolos e primeiro Condestable de Portugal;

Inés de Castro (m. en 1355), raíña a título póstumo de Portugal, polo seu matrimonio secreto con Pedro I de Portugal.

Francisco Fernández de Béthencourt mantén que Aldonza estivo lexitimamente casada con Pedro Fernández de Castro "aunque se anulara después por motivos que no ha logrado descubrir nuestra diligencia".

A data de falecemento de Aldonza sería despois de 1360, ano no que figura unha doazón ao mosteiro de Ancede dos seus dereitos na igrexa de Leocadia de Lágea.

Notas

Categoría:Nobres de Portugal

Categoría:Nados no século XIV Categoría:Nobres de Galicia do século XIV