miniatura|Sinalización da Ruta do Padre Sarmiento ó seu paso polo istmo da Lanzada A Ruta do Padre Sarmiento é unha variante do Camiño Portugués que se desvía en Pontevedra e percorre os concellos de Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, Vilanova, A Illa, Vilagarcía e Catoira, para enlazar co Camiño Portugués oficial en Pontecesures.

Foi deseñada pola Deputación de Pontevedra e a Mancomunidade do Salnés en 2016 dentro dun proxecto para potenciar o turismo polos concellos do Salnés. "Ciento noventa kilómetros para recorrer en ocho días", en La Voz de Galicia, 16.01.2016.

O cartel oficial da sinalización da ruta consiste nun rectángulo de fondo azul sobre o que vai impresa unha Cruz de Santiago vermella e, ó seu carón, a silueta dun peregrino en negro. Baixo estas dúas imaxes está a frecha característica dos Camiños de Santiago, se ben neste caso é de cor laranxa, e un código QR desde o que se pode descargar o plano da Ruta e outra información. Como non sempre resulta suficiente a sinalización oficial (por veces vandalizada ou, directamente, roubada), en moitos puntos se foron pintando frechas de cor azul sobre postes, pedras, muros ou mesmo no asfalto, indicando a dirección a seguir.

O Padre Sarmiento Esta variante recibe o seu nome do propio Frei Martín Sarmiento, que percorreu esta ruta no Ano Santo de 1745 e a describiu no seu libro Viaxe a Galicia a modo de diario de viaxe desde Pontevedra a Santiago.

miniatura|Retrato de Sarmiento, exposto no Museo de Pontevedra (José Vicente Cousiño, c. 1755-1772)

En maio do ano 1745 ten que asistir en Valladolid ó Capítulo Xeral da orde bieita, e aproveita a ocasión para achegarse a Galicia, comezando a viaxe o 23 de maio e chegando a Pontevedra o 9 de xuño. Segundo conta, tras estar un mes longo cos seus parentes de Pontevedra e visitando os arquivos dos mosteiros de Lérez e Tenorio, saíu de Pontevedra o luns 19 de xullo e chegou a Santiago o xoves 22, para gañar o xubileu (1745 foi Ano Santo). Permaneceu uns quince días en Santiago, tempo que aproveitou para estudar os arquivos de San Martiño Pinario (onde se hospedaba) e o do convento de San PaioNeste segundo destaca o feito de que "a maior parte dos pergameos, que son moitos, están en galego". e visitar algunhas das localidades próximas. Finalmente, o 6 de agosto abandonou Santiago cara Ferrol.

Na descrición que fixo da ruta vai mencionando os lugares polos que pasa e cita algunhas das súas características xeográficas (praias, montes, illas etc) e certos elementos patrimoniais (igrexas, torres, ruínas etc), pero desde Catoira en diante só menciona cinco lugares sen deterse a facer descrición ningunha.

A maiores desta Viaxe a Galicia, Sarmiento redactou uns Escritos xeográficosPublicados pola Xunta de Galicia en 1996. onde escribe:

Distribución da ruta

A ruta esténdese ó longo de 190 quilómetros de Pontevedra a Santiago, e o itinerario divídese en oito etapas máis unha novena que discorre entre Padrón e Santiago, e que coincide coa última etapa do Camiño Portugués. Como en calquera outro Camiño, esta división é orientativa e o peregrino pode redistribuír as etapas en función dos seus intereses particulares. A dificultade do traxecto é baixa xa que vai case sempre polo bordo do mar, agás a subida desde A Granxa (en Dorrón (Sanxenxo) e un par de puntos máis na etapa que arrodea a península do Grove.

Cómpre advertir que esta Ruta non está recoñecida pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, polo que non existe credencial para o peregrino nin, por conseguinte, puntos para selar a credencial nin se recibirá a Compostela."O Salnés camina hacia la Compostela", en La Voz de Galicia 4.11.2024.En calquera caso, na web da Mancomunidade do Salnés é posible descargarse unha credencial e ofrécese o envío dun certificado acreditativo. Tampouco existe unha rede de albergues, agás os que existan en Pontevedra ou en Vilanova ou Vilagarcía.

Primeira etapa: Pontevedra-Sanxenxo miniatura|Sinal á saída da praia de Laño, en Samieira (Poio) A primeira etapa percorre o tramo entre Pontevedra e Sanxenxo e ten unha lonxitude de 22-25 km, segundo as fontes.As discrepancias entre as distintas fontes sobre os quilómetros das diferentes etapas dos Camiños son algo habitual e débense ás distintas referencias que toman -pero que non especifican- como comezo e fin de etapa. Por outra banda, houbo variacións no itinerario ó longo do tempo. Sae da capital da provincia pola Ponte do Burgo e toma cara San Pedro de Campañó, unha parroquia de Pontevedra. Desde aquí descende cara o Mosteiro de Poio, punto onde se separa da chamada Variante Espiritual do Camiño Portugués que se dirixe, atravesando o monte Castrove, ó mosteiro da Armenteira (no concello de Meis).Esta Variante Espiritual, outra vía alternativa ó Camiño de Santiago Portugués, vai desde Pontevedra a Vilanova de Arousa, pasando polos mosteiros –e de aí o nome- de Poio, A Armenteira (en Meis) e o de Cálago, en Vilanova.

O itinerario deixa o mosteiro de Poio e, tras atravesar a estrada PO-308, baixa ata Combarro, localidade que percorre pola beiramar para ir logo costeando por O Covelo (en Samieira (Poio)) e Raxó.

Desde A Granxa (en Dorrón, Sanxenxo) sube á estrada PO-308 e percórrea durante un treito, para volver a entrar por pistas e camiños ata achegarse ata a Punta Festiñanzo e, finalmente, tras bordear a praia de Areas, volver á estrada ata entrar no casco urbano de Sanxenxo, que percorre en toda a súa extensión ó longo da praia de Silgar.

Segunda etapa: Sanxenxo-O Grove miniatura|Sinalización no muro sobre a praia de Silgar A segunda etapa, de 14,3-19,5 km, deixa Sanxenxo, atravesa a Punta do Bicaño e entra en Portonovo bordeando a praia de Baltar. Cruza a vila de Portonovo e vai dar á praia de Canelas, que bordea, para ir dar á Punta de Cabicastro e ó pouco volve, unha vez máis, a seguir a estrada PO-308. Deixa á esquerda a Praia de Montalbo (parroquia de Arra) e baixa á praia nudista de Bascuas e praia de Major. Tras outro treito pola estrada, achégase ata a Punta Faxilda, praia de Foxos e, desde aquí, á ermida da Virxe da Lanzada."Cun faro derruído, que parece romano", di Sarmiento.

Continúa agora por unha pasarela de madeira que bordea toda a praia da Lanzada ata chegar ó seu extremo norte onde, no chamado Sanatorio,Un antigo sanatorio antituberculoso, hoxe reconvertido en Pousada do Salnés. remata a etapa.

Terceira etapa: O Grove miniatura|Réplica da moeda da Translatio, atopada en Adro Vello e exposta no Museo das Peregrinacións e de Santiago Trátase da única etapa circular deste Camiño (tódalas demais son lineais), e fai unha circunvolución case completa da península do Grove ó longo de 29 quilómetros.No folleto editado pola Mancomunidade do Salnés dan esta distancia de 29 km desde o Sanatorio ata volver ó mesmo lugar, pero na web turismoriasbaixas só a calculan en 19 km porque a dan por rematada na Illa da Toxa.

Comeza seguindo a beiravía da estrada PO-317 cara San Vicente do Mar, aínda que moito antes se desvía á dereita cara o monte para ir dar a San Vicente do Grove. Descende cara o Con Negro, no extremo occidental da península, e vai bordeando as praias de Con Negro e de Castiñeiras, para ascender outra vez ata Os Coupríns, en San Vicente, nunha dura subida.

Segue bordeando a costa norte da península polas praias do Carreiro (onde pasa a carón da necrópole de Adro Vello), Area Grande, a Mexilloeira, Area de Reboredo e Pipas. Tras atravesar a enseada de Moreiras entra xa na zona urbana do Grove (Virxe das Mareas e Terra de Porto) e o propio núcleo do Grove, que percorre pola súa fachada marítima. Entra na Illa da Toxa e achégase ata a capela de San Caralampio, coñecida polos seus muros cubertos por cunchas de vieira.Cómpre advertir que en tempos do Padre Sarmiento non existía esta capela. O itinerario regresa á península e segue cara o sur pola estrada PO-316 pero antes de entrar no istmo torce á dereita e sobe polo Camiño de Feáns ata o cume do Monte Siradella, onde o Padre Sarmiento recolle a lenda do Meco e conta que cortou unhas ramas da figueira onde o Meco foi aforcado. Esta subida é outro dos puntos difíciles desta ruta.

Desde a Siradella, a ruta descende ata a estrada PO-317 para chegar de novo ó Sanatorio.

Cuarta etapa: O Grove-Cambados

Etapa de 19-22 km que leva ó peregrino ata a vila de Cambados. Etapa chá (a altitude máxima non chega ós 20 msnm), toda pola beira do mar. Este treito bordea totalmente a Enseada do Vao, zona húmida de especial protección de aves migratorias.

Déixase O Grove descendendo cara o sur pola mesma pasarela de madeira da Lanzada ata que se desvía á esquerda, atravesa o istmo e chega ata o lugar da Revolta, xa no concello de Sanxenxo. Por esta zona estiveron as salinas que deron nome á comarca do Salnés, a Comarca Saliniense xa mencionada século VI. Pasa por Rouxique e A Fianteira, ámbolos dous en Sanxenxo, e polo lugar de Seixiños (en Dena, xa no concello de Meaño), para pasar axiña ó de Cambados (O Couto, O Facho e As Quintáns, xa na desembocadura do Umia.

Pola beira do Umia chega ata a Ponte da Barca e entra en Cambados pola estrada PO-550, pero axiña abandona a estrada para seguir pola zona vella ata a Praza de Fefiñáns, onde se dá por rematada esta etapa.

Quinta etapa: Cambados-A Illa de Arousa miniatura|Faro de Punta Cabalo, ó norte da Illa Etapa de 17-18 km, tamén predominantemente chá agás algunhas subidas, de escasa consideración, na Illa. Sae de Cambados pola Ribeira de Fefiñáns cara Tragove, onde se pasa ó pé do muíño de mareas A Seca (un dos poucos exemplos de muíños de mareas en Galicia, hoxe convertido en museo etnográfico).

Avanza bordeando o mar e pasa por San Roque do Monte (en Deiro, Vilanova), ata chegar á ponte de acceso á Illa de Arousa.Sarmiento recolle a crenza de que "estivo continente co territorio de Tragove, pois case se pasa en baixamar a ela". Unha vez cruzada a ponte segue cara o norte e rodea o peirao e a praia do Cabodeiro ata chegar ó porto do Xufre, xa no centro da vila.

O itinerario atravesa a vila da Illa e segue polo bordo do mar ata o faro de Punta Cabalo, a Area da Secada e a ruta dos Cons, para regresar ó casco urbano. Nestra tramo pásase xunto ó miradoiro de Con do Forno, o punto máis alto da Illa. Segue un treito polas rúas da vila e, onda a casa do concello e o Centro de Interpretación da Conserva, dáse por rematada a etapa.

Sexta etapa: A Illa de Arousa-Vilanova de Arousa

De novo unha etapa totalmente chá (con altitudes máximas duns 20 msnm) e unha distancia duns 17 km. Abandona o casco urbano da Illa cara o sur e chega ata o Parque do Carreirón (que forma parte do Complexo Intermareal Umia-O Grove), ó que rodea completamente. Sobe agora cara o norte, pola beira leste da Illa ata chegar á ponte, que se volve a percorrer para alcanzar o continente.

Superada a ponte, o Camiño torce cara o norte, pola praia do Terrón e, por unha pequena ponte peonil, chégase ó casco urbano de Vilanova.

En Vilanova, a Ruta do Padre Sarmiento volve a encontrarse coa Variante Espiritual do Camiño Portugués que, como se dixo máis arriba, vén do Mosteiro da Armenteira para chegar ata o Mosteiro de Cálago, do que só se conserva un resto do campanario.

Sétima etapa: Vilanova de Arousa-Vilagarcía de Arousa miniatura|Sinalización ó paso por Vilagarcía, no Parque do Centenario Etapa curta, duns 12 km, e chá, sen máis dificultade que a de transitar case toda ela por asfalto e espazo urbano.

Abandónase Vilanova de Arousa cara o norte, pasando xunto á praia das Sinas pola estrada EP-9702. Á esquerda do camiño pódese ver unha zona de praia dedicada á construción de bateas de mexillón. O itinerario chega axiña á estrada PO-549, que se debe seguir durante pouco menos dun quilómetro ata que, pasada a rotonda do Rial, desvía á esquerda para bordear a costa -pero sempre por vía asfaltada- ata entrar en Vilaxoán, xa en Vilagarcía de Arousa.