miniatura|Helene Thiesen coa súa segunda familia durante a súa estancia en Dinamarca. miniatura|A raíña Ingrid de Suecia visitando Fedgaarden en 1951. O experimento dos pequenos dinamarqueses, tamén coñecido sinxelamente como o experimento (en ), foi unha operación de Dinamarca realizada en 1951 durante a cal 22 nenos inuit groenlandeses (coñecidos como "nenos do experimento"; en ) foron enviados a familias adoptivas dinamarquesas nunha tentativa de reeducalos como "pequenos dinamarqueses". Aínda que se supoñía que todos os nenos eran orfos, a maioría non o eran. Seis nenos foron adoptados mentres estaban en Dinamarca, e dezaseis volveron a Groenlandia e foron trasladados a orfanatos de fala dinamarquesa e nunca máis volveron vivir coas súas familias. A metade dos nenos sufriu trastornos da saúde mental, e tamén a metade deles morreron sendo adultos novos. O goberno de Dinamarca pediu desculpas oficialmente en 2020, despois de varios anos de demandas dos funcionarios groenlandeses.

Contexto Despois da segunda guerra mundial, os funcionarios do goberno dinamarqués e as organizacións non gobernamentais crían que a sociedade groenlandesa estaba subdesenvolvida e intentaron redeseñala. Xunto coa Cruz Vermella e Save the Children deseñaron un experimento para crear un sistema no que os nenos groenlandeses serían levados ao continente, aprenderían dinamarqués, serían acollidos por familias dinamarquesas e despois volverían a Groenlandia como "pequenos dinamarqueses": Unha poboación que se convertería, segundo a investigadora de estudos coloniais Claire Louise McLisky, na "nova clase dirixente dos groenlandeses". Suponse que os nenos eran seleccionados polos sacerdotes groenlandeses segundo certos criterios: ao redor de seis anos, sen deficiencias mentais ou físicas, e orfos.

Experimento miniatura|A raíña Ingrid en Fedgaarden en 1951. Aínda que se supoñía que os participantes escollidos eran orfos e tiñan uns seis anos, os sacerdotes non puideron atopar abondos nenos que cumprisen esas características. Como resultado, só seis eran orfos e un neno tiña nove anos cando comezou o experimento. Unha vez feita a selección, o MS Disko partiu de Nuuk en maio de 1951 levando 22 nenos inuit groenlandeses: trece nenos e nove nenas. Axiña chegaron a Copenhague, Dinamarca, un país do que Helene Thiesen, unha das nenas, "nunca oíra falar". Despois de ser trasladados a un suposto campamento de vacacións en Fedgaarden operado por Save the Children, inmediatamente foron postos en corentena por temor a que portasen doenzas contaxiosas. Esta corentena durou todo o verán; alí, Thiesen desenvolveu un eccema. A raíña de Dinamarca, Ingrid, visitou o campamento e fixo fotos cos nenos. Thiesen dixo que "non entendeu nada" da visita da raíña, e que o seu malestar xeral polo experimento amosouse na foto, na que "ningún de nós está sorrindo".

Despois, os nenos foron enviados coas familias de acollida dinamarquesas durante máis dun ano. Alí, aprenderon a lingua dinamarquesa e esqueceron o groenlandés. Supoñíase que debían ser enviados de volta a Nuuk despois duns seis meses, mais a construción do orfanato polo programa paralizouse, e ao longo da súa estadía dun ano en Dinamarca, seis deles foron adoptados por familias dinamarquesas.

Consecuencias e desculpas miniatura|Nenos no orfanato de Groenlandia. Dezaseis nenos regresaron a Groenlandia, mentres que seis foron adoptados por familias dinamarquesas. Os que regresaron a Groenlandia eran de "primeira clase" segundo os documentos de arquivo.: "". Ningún deles volveu vivir coa súa familia, e aínda que puidesen, xa non podían falar a mesma lingua. Foron levados a un orfanato no cal só se lles permitiu falar dinamarqués (ao igual que ao persoal inuit do centro); esta política tiña como obxectivo transmitir os "beneficios" da vida dinamarquesa aos nenos. En 1960, todos os nenos abandonaran o seu orfanato, e 16 dos 22 nenos viviron fóra de Groenlandia durante a maior parte das súas vidas. Aproximadamente a metade dos nenos sufriron trastornos de saúde mental, abuso de substancias e intentos de suicidio ao longo das súas vidas, e a metade dos nenos morreron sendos adultos mozos. Experimentaron un amplo illamento cultural e alienación social, e Thiesen dixo que "perderan o sentido do propósito na vida". Nas décadas de 1960 e 1970 realizáronse formas modificadas do experimento, onde os nenos ían a Dinamarca só por un tempo curto, e despois eran devoltos ás súas familias; estes experimentos tamén afectaron negativamente aos nenos.

En 1996, un arquiveiro dinamarqués díxolle a Thiesen por primeira vez que participara nun experimento, e en 1998, a Cruz Vermella dinamarquesa expresou o seu "remorso" por iso. En 2009, o primeiro ministro de Groenlandia, Kuupik Kleist, esixiu desculpas ao goberno dinamarqués, dicindo que o experimento era un "caso colonial clásico". A mesma demanda tamén foi feita polos socialdemócratas de Dinamarca, cualificándoo de "capítulo negro" para a nación, xunto con solicitudes dunha comisión de investigación do experimento. Malia estes chamamentos, Lars Løkke Rasmussen, o primeiro ministro de Dinamarca, non pediu desculpas, e no seu canto declarou: "A historia non se pode cambiar. O goberno considera o período colonial como unha parte pechada da nosa historia compartida. Debemos estar satisfeitos co feito de que os tempos mudaran." Pola contra, Save the Children pediu desculpas polo experimento, ao tempo que dixo que poderían ter destruído intencionadamente os seus documentos relacionados con el; volveron pedir desculpas en 2015, e o secretario xeral dixo que "nunca volverían a cooperar en accións destas características coas autoridades". Do mesmo xeito que Rasmussen se negou a pedir desculpas, tampouco o fixeron os seguintes primeiros ministros de Dinamarca, e Helle Thorning-Schmidt rexeitou participar nunha investigación. En 2019, dous membros groenlandeses do Folketing fixeron novas demandas: Aaja Chemnitz Larsen (Inuit Ataqatigiit) esixiu que se fixera unha desculpa, e Ineqi Kielsen (Siumut) esixiu que se crease unha comisión de investigación. Como resultado da petición de Kielsen, Rasmussen acordou co primeiro ministro groenlandés Kim Kielsen crear unha comisión, aínda que se volveu negar a pedir desculpas.

Ao ano seguinte, despois de agardar o informe da comisión, o goberno de Dinamarca e a súa primeira ministra, Mette Frederiksen, desculpáronse oficialmente polo experimento dos pequenos dinamarqueses. Daquela só quedaban seis membros sobreviventes do experimento, entre eles Helene Thiesen, entón de 76 anos, que fora partidaria de recoñecelo oficialmente. En decembro de 2021, os sobreviventes demandaron a Dinamarca por 250.000 coroas en compensación pola "violación da lexislación dinamarquesa e dos dereitos humanos actuais"; Astrid Krag, a ministra dinamarquesa de Asuntos Sociais, asegurou que o Goberno está "a dialogar" cos seus avogados, aínda que subliñou que o aspecto máis importante para Dinamarca "foi a desculpa oficial". En marzo de 2022, o goberno anunciou que os seis membros do experimento sobreviventes recibirían unha desculpa cara a cara do primeiro ministro e a súa indemnización solicitada de 250.000 coroas; Frederiksen viaxou a Nuuk para pedir desculpas nun discurso.

Notas

Referencias

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Eksperimentet

Categoría:Desprazamento de nenos indíxenas Categoría:1951 Categoría:Historia de Groenlandia Categoría:Historia de Dinamarca Categoría:Historia dos inuit Categoría:Experimentos de ciencias sociais Categoría:Racismo en Dinamarca Categoría:Abusos dos dereitos humanos en Dinamarca