Constantina Pérez Martínez, coñecida como Tina Pérez, nada en Santa Cruz de Mieres en 1929 e finada o 14 de outubro de 1965, foi unha militante comunista española. Levou a cabo labores decisivos durante a Huelgona de 1962 xunto ás súas compañeiras Anita Sirgo e Celestina Marrón.
Traxectoria Tina Pérez naceu no seo dunha familia cunha arraigada conciencia política. O seu pai foi fusilado durante a Guerra civil e a súa nai fora detida e encarcerada. Ela e os seus seis irmáns tiveron que ser recollidos por unha tía. Politicamente activa desde a súa mocidade, aos dezaseis anos foi rapada por primeira vez pola policía ao negarse, xunto coa súa amiga Amor Gutiérrez, a fregar os locais da Falanxe.
En 1946 casou con Víctor Bayón, tamén militante activo, e tiveron en 1947 á súa filla, Blanca. En 1955 trasladáronse a vivir a La Joécara (Langreu), onde Bayón comezou a traballar no pozo Fondón e coñeceu o marido de Anita Sirgo, Alfonso Braña.
Cando comezaron as folgas mineiras de 1962, Tina Pérez, xunto a Anita Sirgo e outras compañeiras, tivo un papel moi activo e decisivo para o desenlace da folga. Por mor diso, ambas foron detidas e interrogadas pola Garda Civil, que ademais lles propinou malleiras e rapounas como forma de humillación. O seu marido viuse obrigado a fuxir ao exilio en Francia tras a súa participación noutra folga en 1964 e o 20 de marzo de 1965 Tina Pérez e a súa filla foron detidas de novo. Blanca logo foi liberada debido á súa idade. Con todo, Tina Pérez non saíu até o 3 de maio, coa súa saúde gravemente deteriorada polos golpes recibidos en prisión. Faleceu o 14 de outubro de 1965. O seu enterro foi multitudinario e foi considerado como unha manifestación non só de dó, senón tamén da unión e irmandade presentes nas loitas mineiras.
Homenaxes e aparicións na cultura popular
Tina Pérez e a súa compañeira Anita Sirgo teñen unha rúa dedicada en Xixón, no barrio de La Camocha. O pintor Eduardo Arroyo lembrou a Tina Pérez en óleos e litografías a partir de 1968. Carlos Álvarez Cruz dedicoulle un poema tamén a Tina Pérez. A directora asturiana Amanda Castro lembrou na súa curtametraxe A golpe de tacón a Tina Pérez e á súa compañeira, Anita Sirgo. Aparece como personaxe no cómic Los llazos coloraos de Alberto Vázquez García.
Notas
Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Feministas de Asturias Categoría:Comunistas de España Categoría:Nados en Mieres Categoría:Nados en 1929 Categoría:Finados en 1965