O tesouro de Duarría é un depósito monetario de áureos romanos achado en Duarría, Castro de Rei, en 1831, de cuxo paradoiro non fican rastros, logo de que os derradeiros exemplares coñecidos fosen espoliados durante a guerra civil española.

Descuberta e historia O achado deste tesouro de áureos romanos produciuse no mes de xuño de 1831 na contorna da igrexa parroquial de Duarría, no concello de Castro de Rei, no interior de dous recipientes cerámicos.Rodríguez Casanova, I. (2008). Páxinas 192, 196.

Ata tempos recentes coñecíanse moi poucos datos sobre este tesouro. O primeiro autor en facer mención del foi Manuel Amor Meilán en 1919.Amor Meilán, M. (1919). Páxina 74. En datas posteriores, xa na década de 1970, Milagros Cavada Nieto volveu facer mención dalgúns destes áureos en varios artigos, sinaladamente nun de 1976 xunto con Felipe Arias,Rodríguez Casanova, I. (2008). Páxina 192.Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (1976). Páxina 263. e tamén Rui Centeno nun traballo seu de 1987.Centeno, R. M. S. (1987). Páxina 22, Nº 3. Xa máis recentemente, en 2008 o traballo de Rodríguez Casanova contrasta toda a documentación existente ata o moneto e achega luz acerca das vicisitudes deste conxunto de moedas.

O 29 de setembro de 1831 notificouse formalmente á Real Academia da Historia o achado de "dez moedas de ouro" que, logo de examinadas e identificadas, foron trasladadas ao Gabinete Numismático da Biblioteca Real. Da documentación destas datas despréndese que eses 10 áureos foran emitidos a nome de Vespasiano, Hadriano, Traxano, Nerón e Faustina. En outubro, a Academia acordou ademais encargar unhas escavacións arqueolóxicas na contorna de Duarría, co expreso desexo do rei Fernando VII de que se recollesen todas as moedas achadas.Rodríguez Casanova, I. (2008). Páxinas 193-194.

Ás 10 moedas iniciais cumpriría engadirlles ademais, como mínimo, outro lote de 18 que se acharon na casa de Juan Varela, o responsable das escavacións, cando este faleceu en 1839. Ao carecer este de testamento, as moedas ofrecéronselle á Academia, mais esta rexeitounas aducindo que xa tiña unha boa representacuión do achado, polo que foron sacadas a poxa xudicial, e nese momento perdeuse a súa pista para sempre. Rodríguez Casanova, I. (2008). Páxinas 194-195.

As 10 pezas chegadas en 1831 á Real Academia da Historia, e quizais algunha outra das recuperadas posteriormente nas escavacións, foron remitidas á Biblioteca Real —que a partir de 1836 pasou a ter a actual denominación de Biblioteca Nacional—, e en 1867 pasaron ao Gabinete Numismático do Museo Arqueolóxico Nacional, onde hai constancia documental de que se mantiveron ata os anos da guerra civil española. Unicamente un áureo de Hadriano sobreviviu ao espolio, e segue a formar parte da colección numismática do museo; do paradoiro das restantes, nada se soubo desde entón.Rodríguez Casanova, I. (2008). Páxinas 196-197.

Contido Ademais das 10 pezas identificadas pola Real Academia da Historia e as outras 18 achadas na casa de Juan Varela, é de supor que a composición orixinaria do tesouro era moito máis numerosa. Nun informe remitido á Academia no mesmo 1831 fálase de que o seu peso total era de "algunhas libras", o que implicaría que se tratase de varios centos de áureos.Rodríguez Casanova, I. (2008). Páxinas 194-196.

Esta é a atribución dos 10 áureos do tesouro entregados á Real Academia da Historia, consonte a identificación de 1839:Rodríguez Casanova, I. (2008). Páxinas 195 e 210 (cadro 3).

+Áureos identificados pola Real Academia da Historia en 1839PeríodoDataciónExemplaresNerón54-68 d.C.2Vitelio69 d.C.1Vespasiano69-79 d.C.3Traxano91-117 d.C.1Hadriano117-138 d.C.1Antonino Pío138-161 d.C.1Marco Aurelio161-180 d.C.1

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Amor Meilán, M. (1919). Historia de la provincia de Lugo. II: Dominación romana. El Norte de Galicia, Lugo. Páxina 74. Arias Vilas, F.; Cavada Nieto, M. (1976). “Antoninianos de un tesorillo hallado en la Terra Cha (Lugo)”. En Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo IX. Nº 85-86. Páxinas 257-263. Centeno, R. M. S. (1987). Circulaçâo monetária no noroeste de Hispânia até 192. Anexos Nummus, nº 1. Porto. Rodríguez Casanova, I. (2008). "Archivos y Numismática: el tesoro de áureos de Duarría (Castro del Rey, Lugo)". En Revista General de Información y Documentación. 18. Páxinas 191-211. Outros artigos Áureo Categoría:Tesouros monetarios Duarría Categoría:Tesouros romanos Categoría:Castro de Rei Categoría:Gallaecia Categoría:Moedas da Roma antiga Categoría:Artigos de Galicia sen imaxes