O Colexio Manuel Peleteiro é un colexio galego privado fundado en 1951 co nome de Academia Minerva por Manuel Peleteiro Irago e a súa muller Dolores Ramos Fernández. Impártense ensinanzas dende educación infantil ata segundo de bacharelato, e está considerado un dos mellores colexios privados de España. En 2023 tiña 1370 alumnos matriculados e 128 profesores.

Historia Na década de 1940, Xesús Pereira foi contratado, co apoio de varias familias da cidade, para dirixir a Preceptoría San Xosé, onde Manuel Peleteiro comezou o seu labor docente. A preceptoría xuntouse cun centro de secundaria para crear a Academia Minerva, con Manuel Peleteiro como primeiro director.

Tras o falecemento de Manuel Peleteiro en 1965, ós 45 anos, a xerencia pasou ás mans da súa muller Dolores Ramos, que mudou o nome da academia a Colexio Manuel Peleteiro no curso 1967-68. O colexio continuou crecendo, e pasou temporalmente ó control do subdirector Manuel Paz por problemas de saúde. En 1993 abriuse tamén o Centro Dolores Ramos, para a educación infantil. No curso 2024-25 o director é Luis Ildefonso Peleteiro Ramos, fillo do fundador.

En maio de 2026 anunciouse que o colexio Manuel Peleteiro pasaría a formar parte do grupo educativo Globeducate. Malia isto, o director Luis Peleteiro e máis o seu fillo Diego, quen actúa coma director adxunto, permanecerían ó mando do colexio, polo menos, durante dous anos máis, aínda que o director afirmou que desexa seguir no seu posto "tanto tempo como llo permita o corpo".

Nese mesmo mes anunciouse a detención e despedimento dun docente de primaria debido a unha presunta agresión sexual a, polo menos, unha nena de 6º de primaria.

Instalacións Dispón dunha pista de patinaxe, varios campos de fútbol, un comedor e residencia, un polideportivo deseñado polos arquitectos Rafael Baltar, José Antonio Bartolomé e Carlos Almuíña, e dúas piscinas, unha delas cuberta.

Recoñecementos Medalla de prata de Galicia (2001), polo traballo nos seus 50 anos de ensinanza. Premios extraordinarios de bacharelato: máis de 90 alumnos recibiron esta distinción. Premio nacional de bacharelato: recibírono 6 alumnos. Premios extraordinarios da ESO, é o centro galego con máis premiados.

Alumnos ou docentes distinguidos

Xosé Ramón Gómez Buhigas, escritor e mestre. Luís Alonso Girgado, escritor, investigador, e tradutor. ElXocas, youtuber. Benito Varela Jácome, mestre e crítico. Francisco Río Barxa, xeógrafo e escritor. Arce, rapeiro.

Notas

Categoría:Institucións de ensino de Santiago de Compostela Categoría:Santiago de Compostela sen imaxes