Durbin Duran Feeling (en ; romanizado como Wili Duvinv), nado o 2 de abril de 1946, e finado o 19 de agosto de 2020, foi un lingüista cherokee que escribiu o primeiro dicionario cherokee-inglés en 1975. É considerado o meirande colaborador moderno da conservación da lingua cherokee.
Traxectoria Feeling naceu o 2 de abril de 1946, fillo de Jeff e Elizabeth Feeling, na comunidade de Little Rock, en Locust Grove, Oklahoma. Aprendeu o cherokee como primeira lingua e aprendeu o inglés cando estaba en primeiro de primaria. Comezou a ler silabario cherokee cando tiña 12 anos.
Feeling graduouse no Chilocco Indian School (un internado indíxena dos Estados Unidos de América) en 1964 e obtivo un título de asociado no Bacone College en 1966. Foi recrutado polo Exército en 1967 e serviu como artilleiro durante a guerra de Vietnam. Comezou a escribir en silabario cherokee cando lle escribía cartas á súa nai mentres estaba en Vietnam. Recibiu o Corazón púrpura, e licenciouse con honras en 1970.
Lingüista cherokee Durbin comezou o seu traballo coa lingua cherokee cando regresou de Vietnam. En 1975, Feeling coescribiu o primeiro dicionario cherokee-inglés. Esa obra segue a ser considerada a "publicación estándar de referencia en lingua cherokee".
Feeling obtivo unha licenciatura en xornalismo na Universidade Estatal do Nordeste en 1979 e un mestrado en ciencias sociais na Universidade de California en Irvine en 1992.
Feeling ensinou cherokee nas universidades, incluíndo a Universidade de Oklahoma, a Universidade de Tulsa e a Universidade de California. Foi autor ou contribuíu en moitos libros e artigos de investigación sobre o cherokee. Os seus materiais para estudantes de lingua cherokee seguen sendo moi utilizados, e moitos profesores de lingua cherokee aprenderon directamente de Feeling.
Feeling traballou para a Nación Cherokee de 1976 a 2020, incluído no seu departamento de tradución lingüística e tecnoloxía. Na década de 1980, engadiu o silabario cherokee a un procesador de textos. Tamén contribuíu a engadir o silabario cherokee a Unicode, o que permite que estea amplamente dispoñible en ordenadores e teléfonos intelixentes.
Influencia e legado Polas súas achegas á preservación da lingua e cultura cherokee, Feeling foi nomeado Tesouro Nacional Cherokee pola Nación Cherokee. Tamén recibiu un doutoramento honoris causa pola Universidade Estatal de Ohio. Chuck Hoskin Jr., Xefe da Nación Cherokee, describiu a Feeling como "un Sequoyah moderno" (en referencia ao creador do silabario cherokee) e dixo que "[todo o que estamos a facer para a revitalización lingüística é grazas a Durbin". En 2019, a Nación Cherokee elixiu a Feeling como o primeiro asinante na "Lista de Falantes da Lingua Cherokee".
Feeling é o nome do centro de aprendizaxe de linguas da Nación Cherokee (o Durbin Feeling Language Center) e da lexislación de 2022 que protexe as linguas indíxenas (a Lei de linguas nativas americanas de Durbin Feeling).
O Museo Sam Noble contén a colección Durbin Feeling, cos seus extensos materiais en lingua cherokee, incluíndo cartas escritas en cherokee entre os membros da familia de Feeling.
Escolma de obras Feeling, Durbin. Cherokee–English Dictionary. Tahlequah: Cherokee Nation, 1975. Feeling, Durbin. A structured approach to learning the basic inflections of the Cherokee verb. Neff Publishing Company, 1994.
Pulte, William, and Durbin Feeling. "Morphology in Cherokee Lexicography." Making dictionaries: Preserving indigenous languages of the Americas (2002): 60. Feeling, Durbin, ed. See-say-write: Method of Teaching the Cherokee Language. Cherokee Nation, Indian Adult Education, 2002. Feeling, Durbin, et al. "A handbook of the Cherokee verb: a preliminary study." Tahlequah, Okla.: Cherokee Heritage Center (2003). Feeling, Durbin, et al. "Why revisit published data of an endangered language with native speakers? An illustration from Cherokee." Language Documentation & Conservation 4 (2010): 1-21.
Herrick, Dylan, Marcellino Berardo, Durbin Feeling, et al. "Collaborative documentation and revitalization of Cherokee tone." Language Documentation & Conservation 9 (2015): 12-31. Feeling, Durbin. Cherokee Narratives: A Linguistic Study. University of Oklahoma Press, 2018.
Notas
Categoría:Nados en 1946 Categoría:Finados en 2020 Categoría:Pobo cherokee Categoría:Lingua cherokee Categoría:Lingüistas nativos americanos Categoría:Lingüistas dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Oklahoma