A píllara de Leschenault (Anarhynchus leschenaultii, antes Charadrius leschenaultii) é unha pequena ave limícola da familia Charadriidae. O epíteto específico leschenaultii déuselle en honra do botánico francés Jean Baptiste Leschenault de la Tour. Igual que a maioría das outras especies do xénero Anarhynchus, estaba ata hai pouco incluída no xénero Charadrius.
Distribución Reprodúcese na zonas semidesérticas de Turquía e cara ao leste por Asia central, onde nidifica nunha pequena depresión escavada no chan sen vexetación. Esta especie é fortemente migratoria, e pasa o inverno en praias areosas do leste de África, sur de Asia e Australasia. É un vagante raro en Europa occidental, onde foi rexistrado mesmo en Islandia. Foi rexistrado dúas veces en América do Norte, o caso máis recente o 14 de maio de 2009 en Jacksonville, Florida.
Subespecies
Existen tres subespecies:Svensson, L., Mullarney, K., & Zetterström, D. (2009) Collins Bird Guide, ed. 2. , pages 144-145Carlos, C. J., S. Roselaar, & J-F. Voisin (2012). A replacement name for Charadrius leschenaultii crassirostris (Severtzov, 1873), a subspecies of Greater Sand Plover. Bulletin of the British Ornithologists' Club 132 (1): 63–65. A. l. leschenaultii, a subespecie nomeada, na parte leste da área de distribución da especie en Mongolia e noroeste da China. Cun bico intermedio; plumaxe de verán cunha débil banda laranxa no peito. A. l. scythicus, no centro da súa área de distribución en Asia central. Co bico máis longo nesta especie; plumaxe de verán cunha banda peitoral laranxa moderada. Sinónimo A. l. crassirostris; porén, este nome estaba ocupado previamente por unha subespecie da píllara de Wilson (Anarhynchus wilsonia) denominada A. wilsonia crassirostris descrita 48 anos antes. A. l. columbinus, comprende as poboacións do oeste no suroeste de Asia ata Turquía central. Co bico máis pequeno na especie; plumaxe de verán cunha forte banda peitoral laranxa.
Descrición
Esta robusta píllara mide 19–22 cm de longo, e é lixeiramente máis grande que a píllara real, e ten as patas claramente longas e un bico groso. Os machos reprodutores teñen dorsos de cor beixe area e partes ventrais brancas. O peito, fronte e caluga son de cor variablemente laranxa no verán, e teñen unha máscara ocular negra no verán. A femia é máis apagada e máis gris, e as aves en inverno e as xoves son máis marróns, á parte dos tons maróns avermellados da cabeza. As patas son amarelas verdosas e o bico é negro.
En todas as plumaxes é moi similar aos seus parentes próximos a píllara mongol (A. mongolus) e a píllara tibetana (A. atrifrons). Distinguir estas especies pode ser doado en bandadas mixtas de invernada nunha praia india, onde a diferenza en tamaño e estrutura é obvia; outra cousa é identificar un só espécime vagante que chegue ao oeste de Europa, onde estas especies son moi raras. O problema débese a que a subespecie do suroeste de Asia da píllara de Leschenault é a máis similar ás outras especies polo seu bico máis pequeno.
Ecoloxía
O seu alimento son principalmente insectos, crustáceos, caracois e vermes anélidos,SeoBird life chorlitejo mongol grande que captura coa técnica de correr e parar, en vez de estar parada e sondar co bico como fan outras limícolas.
A súa chamada en voo é un suave trilo.
A píllara de Leschenault é unha das especies ás que se lles aplica o Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-Eurasiáticas (AEWA).«Waterbird species to which the Agreement applies» (PDF) (en inglés). AEWA. Arquivado do orixinal o 30 de marzo de 2012. Consultado o 6 de maio de 2012.
Galería
Notas
Véxase tamén Bibliografía Taylor, P.B. (1987) Field identification of Greater and Lesser Sandplovers, pp. 15–20 in International Bird Identification: Proceedings of the 4th International Identification Meeting, Eilat, 1st - 8th November 1986 International Birdwatching Centre Eilat
Ligazóns externas
Píllara de Leschenault - Texto sobre a especie en The Atlas of Southern African Birds.
Categoría:Carádridos Categoría:Animais descritos en 1826