A batalla do Campo da Matanza foi un enfrontamento lendario ocorrido durante o reinado de Afonso II (791 - 842). Segundo a tradición oral e o folclore local, esta batalla tivo lugar no ano 813 nas proximidades da vila do Cádavo (concello de Baleira, Lugo), nun tramo do antigo Camiño Primitivo. Inda que carece de confirmación documental directa, a lenda relata unha vitoria cristiá contra as tropas musulmás do Emirato de Córdoba, vinculada a restos arqueolóxicos e símbolos heráldicos da zona.

Historia Durante o reinado de Afonso II, os cristiáns enfrontábanse ás incursións do Emirato de Córdoba, gobernado por Hixam I (788 - 796). Este último impulsou campañas militares contra os territorios cristiáns do norte, destacando as ofensivas de 794 e 795. Os irmáns Abd al-Malik e Abd al-Karim, comandantes andalusís, usaban tácticas de distracción, mentres un exército atacaba ás forzas cristiás en Áraba, mentres outro avanzaba cara a Oviedo.

Afonso II, criado no mosteiro de Samos (Lugo), consolidou a ruta entre Oviedo e Lugo que posteriormente sería coñecida como Camiño Primitivo. Esta vía, crucial para o transporte militar e o comercio, pasaba por este "Campo da Matanza", unha zona estratéxica para emboscadas debido á súa xeografía accidentada.

En 795, tras a derrota na batalla de Lutos (794), onde morreu Abd al-Malik, Hixam I ordenou unha nova campaña liderada por Abd al-Karim. Este saqueou Oviedo e derrotou a Afonso II en Babias (León), pero unha columna secundaria andalusí que operaba en Galicia foi emboscada e aniquilada en lugar descoñecido.

Hipótese A tradición oral sostén que no 813, tras o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago, Afonso II enfrontouse ás tropas musulmás no Campo da Matanza. A batalla, descrita como unha masacre, deixou restos de armaduras e armas, e o escudo da antiga casa consistorial de Baleira (hoxe no Cádavo) representa un cabaleiro cristián atacando a un guerreiro musulmán.

Inda que as fontes históricas non mencionan ningunha batalla en 813, estudosos propoñen que a data real puido ser 795, axustando un erro de 18 anos por diferenzas entre os calendarios xuliano e gregoriano. Isto relacionaría o evento coa campaña de Abd al-Karim e a desaparición dun corpo secundario do exército andalusí en Galicia.

O topónimo "Campo da Matanza" aparece en varias zonas da península asociado a batallas lendarias entre mouros e cristiáns, e a táctica de emboscada en retiradas era habitual en Afonso II, como se demostra na batalla de Lutos (794). Segundo esta hipótese, as tropas musulmás estarían a retirarse cara a Oviedo, para reunirse co continxente principal, cando foron emboscadas no Campo da Matanza. Afonso II, coñecedor do terreo polos seus anos en Samos, lanzou un ataque sorpresa. A carga cristiá, combinada cun posible cerco posterior, explicaría a alta mortalidade andalusí.

As aparicións esporádicas de restos humanos e armas na zona non foron estudadas metodicamente, o que mantén o evento no ámbito da hipótese.

Ademais non é probable que os restos atopados na zona sexan do século IX, pois debido ás condicións climáticas, situación e o tipo de solos ácidos, desintégranse en poucos anos. Os restos aparecidos no século XX, poden ser de batallas máis recentes, pois o Campo da Matanza éstá nunha vía de paso entre Lugo e Asturias.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Batalla de Lutos Batalla do río Nalón Batalla das Babias Afonso II Camiño Primitivo

Categoría:Batallas en Galicia Categoría:Batallas do Emirato de Córdoba Categoría:Batallas do Reino de Galicia Categoría:Batallas da Reconquista Categoría:Batallas do século VIII Categoría:Batallas do século IX Categoría:813 Categoría:795