As Marchas da Dignidade, mellor coñecidas pola sigla 22-M, é o nome que reciben as protestas en forma de columnas procedentes de distintas partes de España, auspiciadas polo Movemento 15-M, que desembocaron en Madrid o 22 de marzo de 2014 en protesta das medidas gobernamentais durante a crise económica de 2008 a 2014.

Historia Orixes As orixes da protesta encádranse no ciclo de protestas do 2011 ao 2015 iniciadas polo Movemento 15-M en España como consecuencia da severa crise económica e da Gran Recesión mundial. A principios de 2014 diversos colectivos xurdidos arredor do Movemento 15-M convocaron unhas ‘Marchas’ ou columnas de persoas que sairían andando desde distintas partes de España para confluír en Madrid.

Desenvolvemento O 22 de marzo de 2014 estas marchas de decenas de miles de persoas entraron en Madrid desde diversos puntos da cidade, concentrándose en Atocha e estendéndose até a praza de Colón. Os medios de comunicación estimaron unha cifra de 1.500.000 manifestantes, o que a situaría entre as manifestacións máis masivas da historia da partitocracia española. A cifra variou entre os 2 millóns estimados pola organización e os 36.000-50.000 estimados pola Delegación do Goberno. O destacado desfasamento de cifras acaparou titulares en medios chamando á análise das imaxes aéreas.

Cargas policiais Ao concluír a manifestación producíronse cargas policiais e incidentes. Os servizos médicos recibiron petición de asistencia de 67 policías nacionais e municipais e 34 manifestantes. Inicialmente producíronse tamén 24 detencións, dos que tres eran menores de idade.

Consecuencias Diversos medios de comunicación ou políticos sorprendéronse do seu éxito de convocatoria (Julio Anguita estimara unha asistencia inicial de 100.000 persoas). Destacaron a falta de cobertura ou apoio da prensa ou partidos tradicionais, así como o traballo en equipo de persoas individuais organizadas e a unión de moi distintos movementos sociais (xornaleiros, sanitarios, xubilados, movemento anti-desafiuzamentos). As chamadas Marchas da Dignidade foron a última gran mobilización masiva do proceso de mobilizacións iniciado en 2011 e a maior de todas por participantes. Foi tamén a primeira manifestación en incluír unha violencia activa por parte dos manifestantes de todo o ciclo de protestas iniciadas en 2011. De forma paralela ao proceso das Marchas da Dignidade, o 11 de marzo de 2014 fundouse o partido político Podemos.

Ver tamén

Protestas de maio de 2011 en España Movemento 15-M Conflito de Gamonal de 2014

Notas

Categoría:2014 en España Categoría:Historia de España do século XXI