Oda Sakunosuke (en ), nado o 26 de outubro de 1913 e finado o 10 de xaneiro de 1947, foi un escritor xaponés. Adóitase agrupar no movemento dos buraiha (en ; en galego: "Escola da irresponsabilidade e a decadencia"), xunto con Osamu Dazai e Ango Sakaguchi.
Traxectoria Oda Sakunosuke naceu en Ōsaka o 26 de outubro de 1913. A súa carreira abarca o Xapón anterior e posterior á segunda guerra mundial. Como habitante de Ōsaka, escribiu sobre a vida e os costumes desta cidade, así como o xeito de ser da xente común. En 1939, o seu relato Zokushu 俗臭 ("Vulgaridade") quedou finalista do célebre premio Akutagawa. Ao ano seguinte, saíu do prelo Meoto zenzai 夫婦善哉 ("Viva o matrimonio!"). Co título inspirado nunha tenda de doces de Ōsaka, narra a historia dunha muller que persiste na súa relación malia que o seu home dilapida os cartos a eito, adoita visitar os bordeis e nunca cumpre as súas promesas.
As personaxes de Oda non encaixan nos moldes sociais tradicionais, quer pola súa franca humanidade, quer pola súa individualidade e teimosía (tal é o caso de Roppakukinsei 六白金星, "Seis estrelas de platino") ou por unha cruel necesidade de supervivencia. En Sesō 世相 ("O signo dos tempos"), publicado en 1946, Oda describe os primeiros meses da ocupación estadounidense tras a rendición nipoa, marcados por unha carencia de alimentos tan severa que as racións do goberno non abondaban, o que conduciu á creación dun importante mercado de contrabando. Durante a súa vida, moitas das obras de Oda foron censuradas.
Tamén escribiu dramas para a radio, e o guión da película Katte kita otoko 還って来た男 ("O retornado"), de 1944, dirixida por Kawashima Yūzō. Tamén produciu numerosos ensaios de crítica literaria, entre os que destaca Kanōsei no bungaku 可能性の文学 ("A literatura das posibilidades"), de 1946.
En 1947, tras sufrir unha hemorraxia pulmonar causada pola tuberculose, faleceu no hospital de Tōkyō. Despois do funeral, o seu amigo Osamu Dazai publicou unha elexía acusando aos críticos da súa súbita morte. Foi soterrado na súa cidade natal.
Influencia En 1963, erixiuse un monumento na súa honra financiado polas súas amizades preto do templo Hozenji de Ōsaka. Trátase dunha das localizacións principais de Meoto zenzai.
En 1983, coa participación da Sociedade Literaria de Ōsaka, fundouse un premio literario na súa honra para conmemorar o 70 aniversario do seu nacemento. O galardón busca promover a tradición literaria da rexión de Kansai, da que Oda foi un representante contemporáneo. Concédese anualmente a unha obra destacada de ficción escrita por un autor novel.
Unha fotografía asinada do autor está pendurada no restaurante Jiyūken de Ōsaka. Este local abriu como cafetaría en 1910, e fíxose popular polo seu arroz con curry. Aparece con frecuencia nos escritos de Oda. A inscrición que acompaña ao retrato di que Oda finou, mais deixou nos seus textos algo do bo sabor do curry.
Traducións En castelán Oda Sakunosuke (2023). El signo de los tiempos. Tradución directa de Yoko Ogihara e Fernando Cordobés. Satori Ediciones. .
Véxase tamén Ligazóns externas Meoto zenzai (Aozora Bunko)
Categoría:Escritores do Xapón Categoría:Finados en 1947 Categoría:Nados en 1913 Categoría:Escritores en lingua xaponesa