A olaría de Bonxe aséntase en Outeiro de Rei (provincia de Lugo), onde no século XIX e ata mediados do XX boa parte dos fogares dispuñan de cadanseu obradoiro. As pezas teñen cor crema cun ton máis alaranxado de seren vitrificadas. Adoitan levar unha decoración pintada con barro branco en forma de fita con medias lúas que as caracteriza.
Os oleiros e as oleiras Manuel do María mantivo vivo o oficio cocendo unha fornada anual cando os anos da emigración afectaron a Terra Chá e a substitución de elementos de barro de uso doméstico por materiais como plástico e metal dificultaron a supervivencia económica de oleiros e oleiras. "As formas do Manuel do María, cacharreiro de Bonxe, como gostan de chamar nas 'tribos' do poeta Manuel María, o mellor cronista e defensor da chaira, eran ben coñecidas, tanto por ser transmisor dun dos oficios máis antergos, mellorado na cultura dos castros, como por ter as súas obras características enxebres da alfararía tradicional de Outeiro de Rei.
Resumía canto quedaba non só dos oleiros chairegos de Gaioso, Silvarrei e Tirimol dos que se vai perdendo a memoria, senón tamén dunha tradición oleira: lixeireza no peso, elementalidade do barro preciso do cor clara, un chisco afumada, as panzas raianas coa esfera perfecta, os bicos pronunciados desafiando a gravidade en varios xogos feitos cunha arte inigualable de subir o barro e ourillar, as asas trazadas con gracia, decoración característica coa policromía suave, en branco ou teixo, con paralelas e flores lisadas, onduladas, as 'cintas'.
Formas que puñan de manifesto a coordenación creativa, a habilidade técnica, intuíndo e retratando fielmente a máis xenuína arte dos oleiros de Bonxe, aqueles que abastecían as feiras luguesas, mindonienses, as terras de Melide e en especial as da Terra Cha: barreñas para a zorza, cacheleiras, cazolas, olas, pucheiros, queixeiras, xerras, cuncas, bonecos de entroido, fermosos botixos de rosca... o vidrado teixo podería completar as pezas".
Felipe Senén, extracto do obituario de Manuel do María en A Nosa Terra, número 581 (05/08/1993)Ademais del, Dolores de Outeiro de Rei e Manuel Fernández "Lolo de Anseán" eran outros oleiros de boa sona; xunto con "A Canteira", unha muller ben recoñecida pola súa elaboración de cuncas e a súa habilidade de traballar a pedra; "O Fontes de Penelas"; Euxenio "das Casas Novas"; Ramón "o Rosquilleiro" ou Xosé "o Pallón", quen conseguiu facer 106 ducias de cuncas nun día, por unha aposta, cando nunha xornada elaboraban arredor de 50 ducias. Lembran tamén "O Palloceiro", que vivía nun fogar con cuberto de palla e que cocía as olas na propia terra.
No retorno da emigración, Nicanor e Luz Divina volveron abrir o seu taller familiar. A última familia de oleiros en activo foi a de Indalecio Lombao e Xosefa Ferro, que tamén pecharon e volveron retomar o oficio, cun obradoiro co torno e forno renovados, ao que se incorporou a súa filla Xosefa Lombao "Pepa", logo da súa formación na especialidade de Cerámica na Escola de Artes Aplicadas de Lugo, na actualidade Escola de Artes Superior de Deseño e de impartir docencia en escolas e talleres. Pepa Lombao xubilouse en abril de 2024, mais segue a ensinar os valores da olaría tradicional no museo de Bonxe, en Outeiro de Rei.
As orixes nas fontes documentais En 1571, xa consta a existencia de oleiros na parroquia de Silvarrei, en Outeiro de Rei, nas Respostas do Reino ao interrogatorio de Felipe II para o reparto de moriscos granadinos que se encontra no Arquivo Xeral de Simancas.
Tamén existen referencias aos oleiros da Terra do Gaioso (Outeiro de Rei) nos escritos de Lucas Labrada, en 1804, sobre a Descrición económica do Reino de Galiza.
As formas tradicionais de Bonxe miniatura|Olaría de Bonxe no Museo do Pobo Galego. As principais pezas da olaría tradicional de Bonxe son de carácter utilitario na cociña como olas, xarras e xarros, pucheiros e gorretes, potas e potes, meleiros, chocolateiras, nateiras, porróns, porróns planos, porróns de rosca, cazolas, candís de aceite, portavelas, petos para aforrar, mamileiras, sellas e barreñóns.
Como curiosidade, tamén hai máscaras ou "carautas de entroido", cornetas con gran sonoridade para esas festas e xerras da trampa, con catro bicos para xogar aos enganos pois só sae auga por un deles e adoita mollar a quen pretende usala. As xerras da trampa distínguense porque son pezas que carecen de decoración branca.
Nos últimos anos, a estas tipoloxías tradicionais uníronse figuras creativas, da autoría de Pepa Lombao, de personaxes e animais xunto con outros elementos decorativos do fogar de deseño contemporáneo.
A preparación da materia prima O barro idóneo é unha mestura de dúas calidades para o facer manexable e resistente. Extráese das barreiras situadas na parroquia de Bonxe o máis alaranxado, pola presenza de óxido de ferro; e na de San Lourenzo de Aguiar, o máis agrisado. Nos últimos tempos úsase unha pa mecánica, sempre con atención á posible aparición dunha veta branca para a separar a man, coa axuda dun sacho do barro, pois é a que se utiliza para a decoración das pezas.
Logo déixase ao aire libre e mestúrase nas proporcións acaídas. Antigamente golpeábase cun mazo de madeira que denominaban "macico" sobre unha lousa que chamaban "a pedra do barro" ata conseguir que fose de textura uniforme. Despois amásase a man, críbase e grámase o barro para deixalo sen impurezas. O último amasado, coa cantidade precisa para facer cada peza, desígnase como "bater o barro".
O obradoiro O torno é de eixe alto. Os demais elementos son o taboleiro, as rodas, o sentadoiro, o tranqueiro, o vío e o coio. O taboleiro serve para pousar as ferramentas, as dúas rodas xiran sobre o eixe de bidueiro ou freixo, o sentadoiro é un banco onde se acomoda o cacharreiro ou cacharreira e o trancadoiro é unha madeira para apoiar un pé, ao tempo que o outro fai xirar a roda baixa que impulsa a roda alta -de castiñeiro ou piñeiro- sobre a que se moldea o cacharro. O vío é un anaco de madeira de toxo en forma de cilindro co remate cónico que se coloca embaixo da roda, para prolongar o eixe suxeito por unha caravilla, que é preciso cambiar cada dous meses polo desgaste. O coio é unha pedra de seixo soterrada no chan para facer de soporte ao vío e mantelo na posición acaída.
A canaveira ou pau de repeniscar é un instrumento para o torneado e a decoración incisa, confeccionado en tres tamaños con madeira de buxo ou de salgueiro e en forma de media lúa. Usábase para a ornamentación e para lle dar forma ao colo.
O hisopo é o pincel para decorar coa cor branca, que estaba feito de madeira con pelo de cabra, asno, cabalo ou vaca procedente das orellas ou do rabo destes animais.
Tamén usaban a trencha, un fío ou arame, para separaren as pezas da fondeira do torno e un cacho (cunca con auga) para conseguir a humidade precisa nas mans mentres moldeaban.
A raspadeira serve para eliminar o barro pegañento na roda do torno.
Após moldeadas, colocábanse nos andeis ou varelas cando chove ou ao aire libre á sombra cando vai calor.
O denominado "baño de alcoi" é o proceso de impermeabilización dos cacharros de Bonxe, para o que usaban sulfuro de chumbo, tal como xa describiu Pascual Madoz no Dicionario xeográfico-estatístico-histórico de España e as súas posesións de ultramar (1845 - 1850)
A decoración As pezas píntase con barro branco diluído procedente das vetas, cunha fita arredor da barriga da ola ás que se unen arcadas ou medias lúas invertidas na parte superior. No interior desas medias lúas insírese un punto, dous ou tres, que indican de menor a maior a capacidade e dimensións do cacharro.
Tamén levan círculos, follas ou flores. Hai pezas máis sobrias, cun afumado que lles confire un ton agrisado sobre a cor do barro.
A arquitectura tradicional do obradoiro oleiro Os espazos da vivenda-obradoiro, construída en cachotaría de xisto con cuberta da laxas, eran de planta rectangular. Enriba da cociña de lareira situábase o secadoiro para descansaren as olas antes de as cocer e aproveitaren a calor ascendente.
Os barreiros estaban acaroados á corte e, nas proximidades, había un alboio para almacenaren a leña coa porta orientada ao forno co obxectivo de facer máis curta a viaxe mentres cocían as pezas.
O forno O interior do forno tradicional dispón de dous arcos en ferradura, de clara tradición romana, con muros verticais de cachotaría ou de lousa, baixo os que se poñen os toxos e mais as carpazas, cun gallito, na zona de combustión e logo colocan as olas coa boca para abaixo na zona de cocción. Nun forno entran ata 300 cacharros polos que ten que circular o lume durante 8 ou 9 horas alcanzando 900 °C ou 1000 °C que se comproban mediante a vixilancia de tres elementos -as testemuñas- colocados para estimar a temperatura.
Ao rematar a cocción facíase unha cea e brindábase cunha copa de augardente co dito "Deus dea sorte coas olas" ao que respondían "agora xa están como han de ir".
A remodelación de fornos tradicionais foi propiciada pola Deputación Provincial de Lugo con fondos europeos (1998/2021).
Asociacionismo, exposicións e divulgación Na década de 1970, integrantes da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e da Unión de Traballadores do Ensino de Galicia (UTEG) visitaron os obradoiros de olaría que daquela permanecían en activo en todo o país para adquiriren pezas coas que logo organizaron exposicións, cos obxectivos de darlle prestixio, pulo e coñecemento á artesanía tradicional nas demais vilas e cidades galegas. Entre eles, figuraban pezas da olaría tradicional de Bonxe.
A Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira creouse en 2018 para dar a coñecer a olaría tradicional galega. Entre outras actividades, organizou unha exposición itinerante titulada 'Formas tradicionais da cerámica popular: Terra Chá. Bonxe' e a publicación dun libro homónimo coordinado por Luís Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga, comisarios da mostra. Ademais da descrición etnográfica e antropolóxica, esta publicación expón os resultados da utilización de métodos científicos vinculados á edafoloxía, xeoloxía, arqueometría e tomografía para facilitaren o coñecemento sobre materiais, temperatura da cocción, procedencia, grao de porosidade e das fendas, entre outros, froito da colaboración coa Unidade de Arqueometría da USC e a Fundación española para ciencia e tecnoloxía.
Cantigas populares na literatura oral No cancioneiro popular da Terra Chá son frecuentes as estrofas aos oleiros.
Bonxe na literatura da Terra Chá
Notas
Bonxe Categoría:Outeiro de Rei