A guerra suevo-vándala dos anos 419 e 420 foi un conflito bélico que enfrontou aos vándalos asentados en Gallaecia contra os seus veciños suevos. O Imperio Romano de Occidente interveu en axuda dos suevos e impediu que os vándalos os vencesen aínda que, parece, que o seu obxectivo principal era acabar co usurpador Máximo de Hispania que se atopaba entre eles. Porén, non puideron evitar que estes fuxisen á Bética e se fixesen co control da provincia.

Antecedentes No ano 411, alanos, vándalos silingos, vándalos asdingos e suevos acordaron unha repartición das provincias hispanas que invadiran uns anos antes e en virtude do cal, asdingos e suevos tiveron que compartir a máis pequena delas: Gallaecia. Os catro pobos tentaron chegar a un acordo co Imperio que lexitimase, dalgún xeito, a súa ocupación, algo no que só tiveron éxito os asdingos e suevos quen lograron ser recoñecidos como foederati.

Contra o ano 416, o Imperio conseguiu reporse da grave crise que atravesara durante os dez anos anteriores e obrigou aos visigodos a que recuperasen Bética e Lusitania no seu nome como condición para acordar a paz con eles. Os vándalos asdingos, pola súa banda, tamén interviñeron na guerra como aliados de Roma e reconquistaron para ela Cartaxinense.

Tras as súas derrotas, os sobreviventes silingos e alanos fuxiron cara ao norte e uníronse aos asdingos cuxo rei adoptou o título de Rex Vandalorum et Alanorum e que, con estas incorporacións, viron aumentar considerablemente a súa poboación e poder militar.

Estalido e desenvolvemento dereita|miniatura|400x400px|Campañas de suevos, vándalos e Imperio romano de Occidente durante a guerra suevo-vándala en Hispania. O comezo da guerra foi consecuencia de dous elementos: por unha banda, o mencionado aumento de poboación e poder dos asdingos que fixo pequeno o territorio onde se asentaban; por outro, a presenza entre eles do usurpador Máximo de Hispania quen gobernara como emperador alternativo en Tarraconensis entre 409 e 412 e que, tras o seu deposición, atopou refuxio entre os invasores asentados en Gallecia. Nalgún momento, durante a segunda metade do ano 419, Máximo volveu proclamarse emperador. Contaba co respaldo dos vándalos quen repetían a estratexia que seguiran os visigodos con Prisco Átao consistente en elevar a un emperador monicreque que dese unha aparencia de lexitimidade ás súas actuacións.

A tensión cos seus veciños suevos levou a que se enfrontasen, ese mesmo ano 419, na batalla dos montes Nervasos (de incerta localización aínda que parece que situados entre León e Oviedo) onde os vándalos inclinaron a balanza ao seu favor e conseguiron rodear aos suevos. Para entón, as novas das hostilidades e da usurpación de Máximo xa chegaran ás autoridades imperiais quen organizaron un exército e o enviaron á zona ao mando do comes Hispaniarum Asterio. O obxectivo principal do Imperio era acabar con Máximo aínda que parece que, tamén, buscaba manter un equilibrio de poder entre os dous pobos bárbaros ou acabar con eles aproveitando o seu enfrontamento. O exército Imperial chegou iniciado o ano 420 e enfrontouse aos vándalos con éxito de tal maneira que estes tiveron que levantar o cerco e abandonar a Máximo á súa sorte. Dirixíronse, entón, a Bracara Augusta (Braga) aínda que Asterio non os perseguiu e confiou que outro exército romano que chegaba dende Lusitania ao mando de Maurocelo se encargase deles. No seu canto, retornou aos seus cuarteis e conduciu ao usurpador a Roma onde este foi executado.

Os vándalos, pola súa banda, atopáronse coas tropas de Maurocelo preto da citada Bracara Augusta e tras ser derrotados durante as primeiras liortas, optaron por fuxir cara á Bética sen que o exército Imperial fixese nada para evitalo.

Final da guerra e consecuencias Unha vez que os vándalos se estabeleceron na Bética, os suevos mantiveron o seu status de aliados do Imperio e puideron controlar, sen oposición, toda a provincia de Gallaecia que até entón tiveran que compartir cos vándalos. Os romanos, pola súa banda, consideraron un éxito a súa intervención xa que puideran abortar, no seu inicio, a nova usurpación de Máximo. De feito, Asterio foi recoñecido por iso co título de Patricio tras o seu regreso a Rávena.

Porén, o conflito revelouse axiña, realmente, como un desastre para o Imperio xa que quedaron desfeitos, en gran parte, os logros obtidos por Walia para el apenas dous anos antes. No canto de ter dous pobos bárbaros pacificados e asentados na pequena provincia de Gallaecia, atopáronse cuns suevos máis poderosos e cos vándalos instalados, de novo, na rica provincia de Bética.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Batalla dos montes Nervasos Cronoloxía de Galicia Bibliografía

Categoría:Vándalos Categoría:Guerras do Imperio Romano