Alberto Caeiro da Silva, nado en Lisboa en 1889 e finado na mesma cidade en 1915, foi o primeiro heterónimo creado polo poeta portugués Fernando Pessoa, considerado o "mestre inxenuo" dos heterónimos Álvaro de Campos e Ricardo Reis, así como do propio Pessoa. Segundo a biografía ideada polo autor, Caeiro foi pobre e apenas superou a educación primaria. A súa primeira e máis famosa obra é O Guardador de Rebanhos, unha serie de 49 poemas principiada en 1914 e que continuou a editar até o seu pasamento en 1935. Como as obras de Pessoa en xeral, os poemas de Caeiro comezaron a recibir unha grande aclamación da crítica décadas despois da súa morte. A primeira colección dos poemas de Caeiro foi publicada en Portugal en 1946.
Caeiro foi unha figura moi ligada á natureza, ao tempo que desprezaba calquera tipo de pensamento filosófico, pois afirmaba que pensar obstrúe a visión. Ao pensarmos, entramos nun mundo complexo e problemático onde todo é incerto e escuro. Neste sentido, a súa poesía destaca pola súa obxectividade visual, que lembra a Cesário Verde, citado moitas veces nas súas pezas, polo seu uso do verso libre e dunha linguaxe simple e familiar. Poeta dunha completa simplicidade, consideraba que a sensación é a única realidade.
As súas obras máis recoñecidas son O Guardador de Rebanhos, O Pastor Amoroso e Poemas Inconjuntos.
Orixe alt=Número 4 da revista Athena|miniatura|Número 4 da revista Athena (1925) Fernando Pessoa (1888-1935) foi un dos poetas portugueses máis celebrados da literatura europea. Alberto Caeiro é o primeiro dos seus heterónimos, un termo que usou para describir unha mestura de pseudónimos e personaxes inventados, cunha biografía e estilo propios. Segundo unha carta enviada ao crítico literario Adolfo Casais Monteiro, Pessoa creou a Caeiro o 8 de marzo de 1914, cando escribiu a primeira serie de poemas que conformarían O Guardador de Rebanhos.
En xaneiro de 1925, publicáronse os primeiros materiais atribuídos a Caeiro: 23 poemas d'O Guardador de Rebanhos, que apareceron no volume 4 de Athena: Revista de Arte, unha revista literaria editada por Ruy Vaz e mais o propio Pessoa. No seguinte número, incluíronse varios dos Poemas Inconjuntos. Outras pezas saíron en Presença en 1931. Pessoa seguiu a revisar os poemas de Caeiro ao longo da súa vida, polo que existen moitas variantes dalgúns deles.
Eduardo Lourenço destacou a influencia de Walt Whitman no lisboeta nun ensaio de 1977 titulado Walt Whitman e Pessoa. Segundo este estudoso, os heterónimos Caeiro e Álvaro de Campos emerxeron como "unha explosión do universo de Pessoa ao confrontarse co universo de Whitman". Non obstante, namentres en Campos a pegada de Whitman é directa, en Caeiro aparece suprimida. Nun texto descuberto posteriormente, o heterónimo de Pessoa Thomas Crosse percibía similitudes entre Caeiro e Whitman, pero consideraba que o primeiro era superior e non tiña influencia algunha do segundo. Baseándose nesta forte negación do autor, o especialista Richard Zenith defendeu que a obra de Whitman tivo un peso considerable na creación de Caeiro.
Traxectoria alt=Carta astral de Alberto Caeiro coas súas datas e lugar de nacemento|miniatura|Carta astral de Alberto Caeiro coas súas datas e lugar de nacemento Segundo a cronoloxía máis divulgada, Caeiro naceu en Lisboa o 16 de abril de 1889. Porén, nunha anotación aparece o ano 1887, e indícase que tivo outros dous nomes que non utilizaba. Orfo de nai e pai, non exerceu ningunha profesión e estudou apenas até cuarto de primaria. Viviu gran parte da súa vida na quinta da súa tía avoa no Ribatexo; foi alí onde escribiu O Guardador de Rebanhos e, despois, O Pastor Amoroso. Ao remate da súa curta vida, regresou a Lisboa, onde redactou os Poemas Inconjuntos, antes de finar de tuberculose en 1915, cando só tiña vinte e seis anos.
Nos seus poemas, Caeiro gábase de ser un ignorante no que respecta a literatura e da súa escasa formación. Describiu os seus primeiros poemas, recollidos en O Gardador de Rebanhos, coma o traballo dun neno. Con todo, desenvolveu a súa propia poética baseada no verso libre e nunha visión do mundo que primaba a experiencia inmediata e rexeitaba calquera intento de atopar unha verdade subxacente ou un significado nas cousas. Como se indica nos seguintes versos:
Caeiro é a personaxe principal do universo ficticio de Pessoa, que este denominou como "ficcións do interludio" (en ). Deste xeito, funcionou como unha figura á que os outros heterónimos de Pessoa podían admirar; el mesmo, baixo o seu nome real, describiu a Caeiro coma o seu mestre. Así mesmo, foi capital na configuración do Programa geral do Neo-Paganismo Português, un texto no que António Mora, un dos heterónimos de Pessoa, buscaba explorar o neopaganismo do seu país con Caeiro como punto de partida.
Outro heterónimo de Pessoa, Álvaro de Campos, ofreceu esta descrición de Caeiro:
Obra En total, publicou 104 poemas, 49 en O Guardador de Rebanhos, 6 en O Pastor Amoroso e outros 49 en Poemas Inconjuntos.
Temas A poesía de Alberto Caeiro destaca polo seu obxectivismo. O poeta presenta cada impresión captada pola súa ollada, coa inxenuidade dunha crianza (non foxe para o soño ou a lembranza, ao contrario do propio Pessoa). Neste sentido, é primordialmente un poeta da natureza. Na mesma liña, fálase tamén do seu sensacionismo, xa que a súa obra presenta só sensacións verdadeiras, cun predominio do visual e do auditivo.
Así, Caeiro é contrario a toda filosofía. Poeta antimetafísico, recusa do pensamento e da comprensión racional ("pensar é estar doente dos olhos"), mais tamén do misterio e da mística. O seu rexeitamento radical de calquera forma de pensamento, que para el supón un afastamento do mero existir, atópase claramente representado nun dos seus poemas máis famosos:
Ademais, Caeiro ataca ás correntes filosóficas e literarias místicas, ás que acusa de caer nos mesmos erros que calquera outra forma de pensar:
Pola contra, abraza un panteísmo naturalista: Deus está en todas as cousas. Porén, ao contrario de posicións semellantes como a de Baruch Spinoza, Caeiro pon en cuestión a etiqueta mesma de Deus, pois temos evidencia sensorial de todas as cousas do mundo, mais non dunha unidade última que poidamos chamar "Deus":
Estilo Canto ao estilo, as pezas de Caeiro son discursivas e argumentativas. A través do símil, transforma o abstracto no concreto. A nivel léxico, predominan os substantivos concretos fronte os adxectivos. A linguaxe é simple e familiar, cunha preeminencia do presente de indicativo. As estrofas e a métrica son libres, grazas á ausencia de rima.
Recepción Como gran parte da obra de Pessoa, só uns poucos poemas de Alberto Caeiro foron publicados en vida do autor. Xa que logo, tiveron que pasar décadas para que estes fosen recoñecidos. Luís de Montalvor e João Gaspar Simões publicaron a primeira escolma da súa poesía, Poemas de Alberto Caeiro, no ano 1946. Dende entón, editáronse múltiples edicións e estudos. No Brasil, Maria Aliete Galhoz editou unha Obra poetica en 1960. Pola súa banda, Ivo Castro escribiu un traballo sobre Caeiro en 1986, e a primeira edición crítica dos seus poemas en 2015.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Álvaro de Campos Fernando Pessoa Heterónimo Ricardo Reis
Ligazóns externas Poemas Completos de Alberto Caeiro (en portugués)
Categoría:Poetas en lingua portuguesa Categoría:Poetas de Portugal