Non confundir cos usos en pseudomedicina como a limpeza con carbón activado.

O carbón activado tamén coñecido como carbono activado, é un medicamento feito de carbón vexetal usado para tratar envelenamentos que se produciron por inxestión oral. Para que sexa efectivo debe usarse nun curto período de tempo desde que o envelenamento se produce, normalmente unha hora. Non funciona nos envelenamentos por cianuro, axentes corrosivos, ferro, litio, alcohois nin malatión. Pode tomarse por vía oral directamente ou administrarse por un tubo nasogástrico. Outros usos son dentro de máquinas de hemoperfusión.

Efectos laterais comúns do seu uso son vómitos, feces negras, diarrea e estrinximento. Un efecto lateral máis grave é a pneumonite, que pode orixinarse se é aspirado ao interior dos pulmóns. A obstrución gastrointestinal e o íleo son efectos adversos menos comúns pero graves. O seu uso durante o embarazo e lactación xeralmente é seguro. O carbono activado funciona adsorbendo a toxina sobre a súa superficie.

Aínda que o carbón vexetal foi usado desde os tempos antigos para os envelenamentos, o carbón activado empezou a usarse na década de 1900. É unha das medicinas que está na Lista de Medicinas Esenciais da OMS.

Usos médicos Inxestión de velenos O carbón activado utilízase para tratar moitos tipos de envelenamentos orais como por fenobarbital e carbamazepina. Non é efectivo para varios tipos de envlenamentos como: por ácidos ou bases fortes, ferro, litio, arsénico, metanol, etanol ou etilenglicol.

Aínda que o carbón activado é o axente máis comunmente usado para a descontaminación gastrointestinal en pacientes envelenados, os médicos deben determinar se o seu uso é indicado ou non. Nun estudo sobre envelenamentos agudos por pesticidas agrícolas e sementes de Cascabela thevetia, a administración de carbón activado non afectaba as taxas de supervivencia.

Problemas relacionados co tracto gastrointestinal As galletas de carbón vexetal vendéronse en Inglaterra desde inicios do século XIX, orixinalmente como remedio contra as flatulencias e problemas estomacais.

As tabletas ou cápsulas de carbón activado utilízanse en moitos países como medicina sen receita para tratar a diarrea, indixestión e flatulencias. Hai algunhas probas da súa efectividade para previr a diarrea en pacientes de cancro que tomaron irinotecan. Pode interferir coa absorción dalgúns medicamentos, e orixinar lecturas non fiables nos tests médicos, como no test de papel guaiaco (sangue en feces). O carbón activado tamén se usa para a preparación do intestino para reducir o contido de gas intestinal antes dunha radiografía abdominal para ver mellor os cálculos renais, pancreáticos e bile. Tamén se comercializou un tipo de galleta de carbón vexetal como produto para o coidado de animais de compañía.

Odontoloxía: retirada de empastes de amálgama

Os dentistas que teñen que retirar empastes de amálgama usando a técnica de retirada segura da amálgama de mercurio dan ao paciente "un lodo de carbón vexetal, clorela, ou adsorbente similar para enxaugar e tragar antes de iniciar o procedemento (a non ser que o paciente decline ou haxa outras indicacións que fagan que isto sexa clinicamente pouco axeitado)".

Outros Afirmacións como que o carbón activado fai cousas como branquear os dentes, curar as resacas por alcohol e impedir inchazóns, non teñen evidencias que as apoien. A limpeza con carbón activado tamén carece de probas e considérase pseudociencia.

Efectos laterais

A aplicación incorrecta (por exemplo, con entrada nos pulmóns) ten como resultado a aspiración pulmonar que ás veces pode ser mortal se non se inicia un tratamento médico inmediato. O uso de carbón activado está contraindicado cando a substancia inxerida é un ácido, un álcali ou un produto do petróleo.

Mecanismo de acción

O carbón activado é bioloxicamene inerte. Cando está en presenza dalgún veleno, adsorbe o composto químico sobre a súa superficie, facendo que non poida interaccionar co noso organismo. Isto é posible grazas á súa grande área superficial comparada co seu volume.

Historia O uso do carbón vexetal como produto medicinal remóntase ao Antigo Exipto no ano 1500 a.C., cando se usaba para neutralizar os malos cheiros das feridas. No ano 400 a.C., os fenicios usaban o carbón vexetal para melloraren o sabor da auga almacenada nos barcos ao almacenaren a auga en barrís carbonizados, o que indicaba que comprendían as capacidades do carbón vexetal de adsorber compostos químicos indesexables. O carbón activado na súa forma actual desenvolveuse durante o século XVIII, cando se usou primeiramente no proceso de refinado do azucre para eliminar as impurezas coloreadas do azucre crú. O uso médico do carbón activado empezou a inicios do século XIX; un experimento que se cita a miúdo que demostra as súas propiedades levouse a cabo en 1835, onde unha dose de estricnina mesturada con carbón activado non producía ningún síntoma de envelenamento.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Carbón Categoría:Toxicoloxía Categoría:Medicamentos esenciais da Organización Mundial da Saúde