O paíño de Swinhoe (Hydrobates monorhis) é unha pequena ave mariña totalmente marrón da familia Hydrobatidae.
Etimoloxía O nome científico deriva do grego antigo. Hydrobates procede de hydro, 'auga', e bates, 'camiñante', e monorhis procede de monos, 'un', e rhinos, 'orificio nasal'. O seu nome común lembra a figura do naturalista británico Robert Swinhoe, que foi o primeiro en describir a especie en 1867.
Inicialmente, foi formalmente definido no xénero Oceanodroma antes que ese xénero fose considerado sinónimo de Hydrobates.
Distribución Reprodúcese en illas das costas do noroeste do Pacífico de Rusia, China, Xapón e Corea. Nidifica en colonias preto do mar en gretas entre as rochas e pon un só ovo branco. Pasa o resto do ano no mar, frecuentando no inverno o océano Índico e o mar de Arabia.
Reprodúcese na illa Verkhovsky (7.500 parellas), ao sur de Vladivostok, Rusia, e o Xapón (un mínimo de 1.000 parellas). Hai poboacións pouco coñecidas na China, Taiwán, Corea do Norte e do Sur, e os rexistros indican que a reprodución pode producirse tamén no Atlántico norte. En inverno, migra ao sur e oeste ao norte do océano Índico. Sato et al. (2010) tamén estimaron que a poboación mundial é dun mínimo de 130.000 parellas, co que confirma que a especie ten unha poboación moi grande. Porén, Birds Korea (2010) afirma que unhas 100.000 parellas nidifican no illote Gugeul, o que implica que posiblemente un 75 % da poboación global se reproduce nun só illote moi pequeno. A especie nidifica en seis ou sete illotes de reprodución en Corea do Sur. Aparentemente, hai datos anecdóticos de que algunhas colonias están en declive.
Descrición É unha pequena ave de 18–21 cm de lonxitude cunha envergadura de 45–48 cm, aínda que claramente máis grande que o paíño europeo. É esencialmente marrón escuro en todas as plumaxes, e ten un voo ondulante mentres captura comida planctónica na superficie do océano. A diferenza do paíño europeo, non segue os barcos.
En estrutura lembra un paíño de rabo gallado pola súa cola forcada, patas longas e comportamento en voo, mais non ten o sobrecú branco e as vocalizacións son diferentes. É difícil distinguilo doutras especies de Hydrobates completamente negras, e, por exemplo, ao primeiro rexistro en Inglaterra houbo que facerlle un test de ADN para eliminar a posibilidade de que fose un paíño de rabo gallado, xa que as poboacións de paíños de rabo gallado do nordés do Pacífico conteñen individuos que presentan sobrecús totalmente negros.
Hábitos e observación
Este paíño é estritamente nocturno nos sitios de reprodución para evitar a predación por gaivotas e palleiras, e mesmo evitan ir a terra nas noites claras con moito luar. Igual que a maioría dos paíños, a súa capacidade de andaren en terra está limitada a algúns curtos pasos arrastrando os pés dentro da súa toqueira. É estritamente peláxico fóra da estación reprodutora, e isto, xunto co remotos que son os seus sitios de reprodución, fai que o paíño de Swinhoe sexa unha ave difícil de ver desde terra. Soamente nas tormentas pode que esta especie sexa empurrada aos cabos da costa, pero incluso entón a confusión con outras posibles aves parecidas dificultarán a súa identificación. Aliméntase principalmente en voo metendo o bico na auga.
Conservación
É unha ave moi espallada pola súa grande área de distribución e previamente foi avaliada como en situación de preocupación menor na Lista Vermella da IUCN, pero foi cambiada a especie case ameazada en 2012. Espérase que a poboación sufra un declive moderadamente rápido nas seguintes tres xeracións, debido principalmente ao efecto negativo de especies introducidas (ratas, plantas exóticas nas que se enredan).
Estado de conservación no Atlántico norte O 8 de xullo de 1983, unha ave atrapada nas illas Salvaxes (arquipélago da Madeira), foi o primeiro rexistro confirmado desta especie no océano Atlántico.James, P. C., & Robertson, H. A. (1985). "First record of Swinhoe's Storm Petrel Oceanodroma monorhis in the Atlantic Ocean". Ardea. 73: 105-106. Desde entón, rexistráronse varios casos de avistamentos de paíños cunha plumaxe e características estruturais propias da especie no mar, principalmente no Atlántico norte, e varios exemplares capturáronse durante os meses do verán en Francia (1989), Inglaterra (en 1989 dous exemplares, e en 1990, con exemplares recapturados desde 1991 a 1994), España (1994), Noruega (1996, 1997), e de novo na illa da Madeira (1991, 1994).Morrison, S. (1998). "All-dark petrels in the North Atlantic". British Birds 91: 540-560. Ademais de no Atlántico norte e mar Mediterráneo identificáronse varios individuos no oeste do Atlántico norte, como un exemplar en Hatteras, Carolina do Norte, o 20 de agosto de 1993, outro o 8 de agosto de 1998 e outro o 2 de xullo de 2008, todos os cales foron aceptados como rexistros válidos en América do Norte.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Birding Israel Fotografías de Flicker Field Guide Birds of the World Fotografías de Russian Nature Vídeo nas costas da illa de Madeira
Categoría:Hidrobátidos Categoría:Animais descritos en 1867 Categoría:Taxons descritos por Robert Swinhoe