O picanzo castaño (Lanius cristatus) é unha ave da familia Laniidae que vive principalmente en Asia. Está estreitamente emparentado co picanzo vermello (L. collurio) e o picanzo isabelino (L. isabellinus). O nome do xénero, Lanius, deriva da palabra latina que significa 'carniceiro'. O nome específico cristatus significa en latín 'cristado, emplumado'.

Igual que a maioría dos picanzos, ten unha distintiva "máscara de bandido" que cruza os ollos e vive principalmene en hábitats de mato aberto, onde se pousa na parte superior de arbustos espiñentos para buscar presas. Varias poboacións desta espallada especie forman subespecies que se reproducen na Asia temperada e migran aos seus cuarteis de inverno de Asia tropical. Aparecen por veces como aves errantes en Europa e América do Norte.

Taxonomía

En 1747 o naturalista inglés George Edwards incluíu unha ilustración e descrición do picanzo castaño no seu segundo volume da súa obra A Natural History of Uncommon Birds. Utilizou para el o nome inglés "The Crested Red, or Russit Butcher-Bird". Edwards baseou o seu gravado coloreado a man nun espécime que lle enviaran desde Bengala ao deseñador de estampados en seda Joseph Dandridge de Londres. Cando en 1758 o naturalista sueco Carl Linné actualizou a súa obra Systema Naturae para a décima edición, situou o picanzo castaño xunto con outros picanzos no xénero Lanius. Linné incluíu unha breve descrición, acuñou o nome binomial Lanius cristatus e citou o traballo de Edwards.

Recoñécense catro subespecies de picanzo castaño:

L. c. cristatus Linnaeus, 1758 – do centro e leste de Siberia e norte de Mongolia, India ata a Península de Malaca. L. c. confusus Stegmann, 1929 – do leste de Mongolia, sueste de Rusia e nordés da China, Península de Malaca e Sumatra. L. c. lucionensis Linnaeus, 1766 – do leste da China, península de Corea e sur do Xapón e sueste da China, Filipinas, Borneo e Sulawesi. L. c. superciliosus Latham, 1801 – da illa de Sakhalin (sueste de Rusia) e norte e centro do Xapón, sueste da China e leste de Indochina ata as illas menores da Sonda.

Descrición

miniatura|esquerda|upright|Exemplar inmaturo en Calcuta, India. Este picanzo é principalmente castaño nas partes dorsais e a cola é arredondada. A máscara negra pode ser máis clara en inverno e cunha cella branca por riba. A parte ventral é cor crema con flancos e ventre marróns avermellados. As ás son castañas e carece de manchas de "espello" branco. As femias tenden a ter un fino filete na parte inferior e unha máscara castaña escura, que non está tan ben marcado coma no macho. A distinción non é fácil para usala no campo pero foi testada con aves reprodutoras en Xapón, onde a femia pode ser identificada pola presenza dun parche para incubar. Utilizando moitas medidas pódese discriminar o sexo nun 90 % das aves. A subespecie lucionensis ten un píleo gris con tons marróns nas partes superiores e o sobrecú parece máis marrón avermellado que o resto da parte traseira dorsal. A cola é máis acastañada e non tan avermellada coma no picanzo vermello. As aves novas de lucionensis teñen un píleo castaño e carecen de gris na cabeza. A subespecie superciliosus ten unha ancha sobrecella branca e un píleo avermellado máis intenso. A cola é máis vermella e con puntas brancas.

Coñécense varias formas que poden causar confusión en Asia central, onde se solapan as poboacións de cristatus, isabellinus e collurio. A taxonomía foi moi cambiante e algunhas formas como phoenicuroides antes consideradas como subespecie de L. cristatus foron trasladadas á especie L. isabellinus. A subespecie lucionensis hibrida con superciliosus en Ishikawa, Xapón mentres que superciliosus hibrida con Lanius tigrinus no centro do Xapón.

Distribución 150px|esquerda|miniatura|upright|Ovos da especie na colección do Museo de Wiesbaden.

A forma nomeada reprodúcese no norte de Asia desde Mongolia a Siberia e inverna no sur de Asia, Myanmar e a Península de Malaca. Da raza confusus descrita na mesma rexión non se distinguiron ben as súas mrcas distintivas, pero dise que ten unha cella branca máis ancha e partes inferiores máis claras e é ás veces incluída dentro da poboación nomeada. A subespecie superciliosus (ás veces chamado picanzo xaponés) reprodúcese nas illas de Sakhalin, Kuriles e o Xapón e inverna en Hainan, Sumatra, Xava e as illas da Sonda. A subespecie lucionensis, ás veces coñecida como picanzo das Filipinas (nomes lolcais: tarat ou pakis-kis), reprodúcese en Corea e leste da China invernando principalmente en Taiwán e nas Filipinas, pero tamén nas illas Andamán e na India peninsular. Stuart Baker suxeriu que a especie pode reproducirse nos Montes Cachar de Assam, pero a idea foi cuestionada por Claud Buchanan Ticehurst.

Esa especie é rara en Europa e rexistáronse exemplares errantes nos Estados Unidos e o Canadá.

Comportamento e ecoloxía miniatura|Lanius cristatus lucionensis, o picanzo das Filipinas; repárese no píleo gris e gorxa branca que contrasta coas partes inferiores marróns avermelladas. En Calcata, India. É unha ave migratoria e novos estudos mostran que teñen unha gran fidelidade polos seus sitios de invernada, a miúdo tornando aos mesmos lugares cada inverno. Empezan a establecer os seus territorios de invernada pouco despois da súa chegada e as súas chamadas altas de parrafeo ou repenicantes son distintivas. As aves que chegan cedo e establecen os seus territorios parecen ter unha vantaxe sobre os que chegan máis tarde ás áreas de invernada. O momento da súa migración é moi regular, e a chegada en inverno á India é en agosto e setembro e a súa partida en abril. Durante o período invernal, realizan unha muda premigraoria. A súa canción nos cuarteis de inverno é débil e lembra un pouco a chamada do estorniño rosado e adoita incluír imitacións doutras aves. Cando cantan manteñen o bico pechado e só se perciben as pulsacións da gorxa, aínda que a ave abanea a súa cola arriba e abaixo mentres canta.

A estación reprodutora é a finais de maio ou xuño e o hábitat de reprodución inclúe a taiga, bosques a zonas semidesérticas onde constrúen un niño nas árbores ou arbustos, no que poñen de dous a seis ovos.

Aliméntanse principalmente de insectos, especialmente de lepidópteros. Igual que outros picanzos, empalan as presas en espiñas das plantas. Ás veces as súas presas poden ser tamén aves pequenas e lagartas. Tamén se atopou un Zosterops na súa despensa. Normalmente buscan presas desde un pousadoiro e baixan voando ao chan para capturalas.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Notas de identificación - Birds Korea Vídeos, fotos e sons - Internet Bird Collection Mapas de distribución - Natural History Resources

Categoría:Lánidos Categoría:Aves de Asia Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné