Xosé Ramón Neira Pérez, chamado Moncho Neira, nado en Silva (Pol) o 21 de novembro de 1940 e finado en Barcelona o 5 de outubro de 2025, foi un empresario galego de restauración, coñecido por fundar a mariscaría Botafumeiro e o grupo gastronómico Moncho’s.
Traxectoria De cativo estudou Comercio en Lugo, pero deixou o ensino e comezou a traballar en restaurantes de Lugo como La Barra ou O Castroverde. Con 14 anos emigrou a Barcelona para traballar na hostalaría. Despois do servizo militar, que fixo en Cartaxena, regresou a Barcelona onde comezou a abrir restaurantes que logo vendía a outros propietarios: O Nabo de Lugo, Pazo de Neira, Mesón San Froilán, O Afilador, María Castaña...
En 1973, despois de dúas décadas a traballar e emprender, abriu Botafumeiro, un restaurante especializado en marisco e gastronomía galega situado na rúa Gran de Gràcia (Barcelona). Este restaurante foi un dos referentes da gastronomía galega fóra de Galicia, e un dos locais principais da comunidade da diáspora galega en Cataluña. Posteriormente foi abrindo novos negocios na hostalaría e creou o grupo gastronómico Moncho’s, que chegou a agrupar máis dunha ducia de restaurantes de diferentes formatos: mariscarías premium, restaurantes de comida máis informal, bares‐cafetería etc.
Vida persoal Estaba casado e tivo tres fillos: José, Naia Rym e Elia Aurora.
Notas
Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Cociñeiros de Galicia Categoría:Nados en Pol Categoría:Galegos de Cataluña Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes