Eugenio Charry Iglesias, nado na Coruña en 1896 ou 1897 e finado na mesma cidade o 4 de xullo de 1963, foi un futbolista galego que xogaba como porteiro.

Traxectoria Nacido na Coruña, era fillo de Soledad Iglesias Castiñeiras e do comerciante Eugenio Charry Gayón, que rexentaba na rúa Real coruñesa un establecemento especializado en paraugas e artigos de óptica, do que tivo tamén unha sucursal na rúa de San Pedro de Lugo. Estudou na Escola Superior de Comercio da Coruña, onde comezou a xogar ao fútbol como gardameta. A continuación pasou ao equipo infantil do Deportivo da Coruña, o chamado Invencible, e dende este subiu ao primeiro equipo en 1911.

Debutou co Deportivo o 14 de xullo de 1912, con só 15 anos, nun partido ante o Pontevedra Sporting. Durante os seguintes dous anos alternou con Rogelio Ramos a portería do club, do que foi tesoureiro dende 1912. Trala escisión do Deportivo Auténtico en 1914, pasou a formar parte do novo club, exercendo de igual xeito como porteiro e tesoureiro ata a súa retirada en 1916.

Posteriormente exerceu en ocasións como árbitro e foi secretario da Federación Galega de Fútbol baixo a presidencia de Arcadio Vilela. Tamén traballou como cronista deportivo no xornal El Ideal Gallego, onde asinaba como Hache. Foi representante na provincia da Coruña da casa de cementos Cosmos e rexentou un almacén destinado a materiais de construción e sanitarios primeiro na praza de María Pita e logo na rúa Sánchez Bregua. En marzo de 1931 foi elixido presidente da Mutua Mercantil Coruñesa.

Vida persoal Casou en xaneiro de 1926 con Manuela Pérez Gómez e foi cuñado do tamén futbolista Félix de Paz, casado cunha irmá da súa muller. Foi pai de Eugenio, Alberto e María Soledad Charry Pérez, esta última falecida con só 15 anos de idade.

Faleceu na Coruña o 4 de xullo de 1963.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados no século XIX Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Finados en 1963 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes