Ghost of Yōtei é un videoxogo de acción e aventura de 2025 desenvolvido por Sucker Punch Productions e publicado por Sony Interactive Entertainment. É unha secuela independente do videoxogo de 2020 Ghost of Tsushima. Ambientado en 1603 en Ezo, no Xapón feudal, conta a historia de Atsu, un mercenario que busca vingarse dos "Seis de Yōtei" por asasinar a súa familia hai dezaseis anos.

Ghost of Yōtei estreouse para PlayStation 5 o 2 de outubro de 2025. Recibiu valoracións positivas por parte da crítica e vendeu máis de 3,3 millóns de copias en novembro de 2025.

Desenvolvemento Ghost of Yōtei comezou a preprodución en 2021. A ambientación do xogo inspirouse nas múltiples visitas de Sucker Punch Productions ao norte do Xapón. O director creativo Jason Connell quedou impresionado pola beleza do Monte Yōtei reflectíndose sobre o lago Tōya. O equipo de desenvolvemento gravou sons da natureza no Parque Nacional de Shiretoko. O equipo contou con asesores culturais durante o desenvolvemento, ademais de visitar importantes lugares culturais e consultar co pobo ainu local nas súas viaxes ao Xapón.

O director creativo Nate Fox quería que unha secuela de Tsushima mantivese os seus elementos principais: "transportar o xogador ao romance e á beleza do Xapón feudal". O combate foi deseñado para imitar a sensación dun "filme de samurais clásico". En comparanza con Tsushima, o estudio quería facer o mundo de xogo de Yōtei máis variado, con actividades máis únicas para que os xogadores as completasen.

Estrea Ghost of Yōtei revelouse oficialmente dutante a presentación de State of Play de PlayStation o 24 de setembro de 2024, e foi nomeado ao Xogo Máis Agardado nos Game Awards en novembro de 2024. O 23 de abril de 2025, confirmouse que o xogo tiña previsto o seu lanzamento para a PlayStation 5 o 2 de outubro de 2025.

O 10 de setembro de 2025, Drew Harrison, creador de Sucker Punch, publicou unha brincadeira en Bluesky sobre o asasinato de Charlie Kirk. Ao día seguinte, Harrison informou de que fora obxecto dunha campaña de acoso continua e que algunhas persoas estaban a contactar co seu xefe nun intento de despedila. O cofundador de Sucker Punch, Brian Fleming, condenou o comentario, e Sony confirmou a Kotaku que xa non traballaba para o estudio. Tras o lanzamento do tráiler do xogo o 16 de setembro de 2025, moitos dos que responderon ameazaron con boicotear "Ghost of Yōtei" mentres tamén escribían "RIP Charlie Kirk".

O 20 de setembro de 2025, Ghost of Yōtei era un dos xogos máis vendidos nas listas de reservas da PlayStation Store, quedando en primeiro lugar en Australia e o Canadá, e en segundo lugar en Francia, Alemaña, o Xapón, Polonia, o Reino Unido e os Estados Unidos. O 27 de setembro, alcanzara o número un en trece países.

Notas

Categoría:Videoxogos de 2025 Categoría:Videoxogos desenvolvidos nos Estados Unidos de América Categoría:Videoxogos de Sony Computer Entertainment Categoría:Videoxogos dun só xogador Categoría:Videoxogos de PlayStation 5 Categoría:Videoxogos de mundo aberto