Noé Carrillo Collazo, nado en Teo o 28 de decembro de 2006, é un futbolista galego que xoga na posición de centrocampista no Deportivo da Coruña, da Primeira División.
Traxectoria Comezou a súa carreira deportiva no Club San Francisco Teo, inicialmente na disciplina de fútbol sala. Con 6 anos pasou a xogar ao fútbol no Praíña Sporting Club e posteriormente no Santiago de Compostela Club de Fútbol. En 2018, tras a absorción do Santiago por parte do CD Conxo Santiago, comezou a formarse neste equipo. En 2019 ingresou nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña.
O 6 de xuño de 2024, Carrillo renovou o seu contrato co equipo coruñés até 2027. O 31 de agosto dese ano debutou co Deportivo Fabril nun partido de Segunda Federación contra o Real Ávila, entrando como substituto nos 13 minutos finais. A pesar de ser titular habitual durante os seguintes meses, en novembro de 2024 sufriu unha lesión de xeonllo que o retirou dos terreos de xogo durante o resto da tempada.
En xullo de 2025, Carrillo reincorporouse no Fabril e xogou 6 partidos consecutivos co filial coruñés. Con todo, debeu retirarse novamente durante dous meses por mor dunha lesión de nocello. O 16 de decembro de 2025 tivo lugar a súa estrea co Deportivo da Coruña, entrando como substituto de Diego Villares nun partido dos dezaseisavos da Copa do Rei 2025/26. Neste encontro ante o RCD Mallorca, Carrillo anotou o gol decisivo que lle deu a vitoria ao club galego por 1-0 e que lle permitiu avanzar aos oitavos de final da Copa do Rei por primeira vez en 10 anos.
O 17 de xaneiro de 2026 debutou na Segunda División, na vitoria por 1-2 sobre o Almería no UD Almería Stadium, substituíndo no tempo de desconto a Mario Soriano. O 1 de maio, no seu terceiro encontro de liga co Deportivo, marcou o gol da vitoria no 2-1 fronte ao Leganés en Riazor, no seu primeiro contacto co balón despois de entrar como substituto de Luismi Cruz. Uns días despois, o club renovou o seu contrato ata 2029.
Tivo minutos tamén nas dúas seguintes xornadas, nas que o Deportivo conseguiu senllas vitorias e puxo pé e medio na Primeira División. Finalmente foi titular no derradeiro encontro de liga ante a UD Las Palmas, nunha xornada de festexos en Riazor, co ascenso xa asegurado.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiTotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril2024/25Segunda RFEF 100--1002025/26Segunda RFEF 222--222Total club32200322Deportivo da Coruña2025/26Segunda612182Total carreira 38 3 21 404 Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Noé Carrillo en LaPreferente.com Noé Carrillo en Soccerway
Categoría:Nados en Teo Categoría:Futbolistas de Teo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Nados en 2006