Kostas Vaxevanis (en grego: Κώστας Βαξεβάνης), nado en Agia Paraskevi, illa de Lesbos, en 1966, é un xornalista grego. É o dono e editor da revista Hot Doc.
Traxectoria Vaxevanis iniciou a súa carreira xornalística en Rizospastis en 1988. Posteriormente traballou noutros xornais como Eleftherotypia, Kathimerini, To Pontiki e To Vima.
En 1991, empezou a traballar en canles como NET e Mega Channel converténdose en correspondente de guerra en zonas como Bosnia, o Golfo Pérsico, Palestina, Kurdistán, Albania e Kósovo.
Hot Doc e a lista Lagarde En abril de 2012, Vaxevanis iniciou a publicación da revista quincenal Hot Doc. En outubro dese ano, foi arrestado despois da publicación dun documento denominado a lista Lagarde, unha listaxe de 1991 nomes de cidadáns gregos con contas na sucursal grega do banco HSBC, suxerindo que podían ser evasores de impostos. Foi acusado de «violación de datos persoais sensibles». A lista publicada contiña nomes de clientes da sucursal en Xenebra do HSBC, e segundo a revista, «correspondíase coa lista de 2.059 persoas» da lista Lagarde, que contiña os datos dos titulares das contas entregados no outono de 2010 ao ministro de Economía grego pola súa homóloga francesa, Christine Lagarde (de aí a denominación de lista Lagarde). Vaxevanis foi posto en liberade unhas horas despois. Ao abandonar o edificio, dixo aos xornalistas: «O fiscal tenta protexer aos evasores. Eu só cumpro co meu deber. En lugar de arrestar aos evasores e ao ministro que ten a lista nas súas mans, tentan arrestar a verdade e a liberdade de prensa.»
O 29 de outubro de 2012 a fiscalía fixou unha data para un xuízo rápido. The New York Times condenou a persecución nun editorial titulado «Greece Arrests the Messenger» afirmando que «os representantes electos gregos deberían prestar máis atención a investigar posibles crimes financeiros e menos a perseguir xornalistas.» O xuízo no que foi declarado inocente foi celebrado o 1 de novembro. Ante o fiscal, Vaxevanis declarou:
A estratexia da defensa de Vaxevanis centrouse en resaltar o feito de que a revista Hot Doc non publicou ningún tipo de dato privado, só os nomes e a profesión dos titulares das contas, sen mencionar a cantidade de diñeiro depositado.
Posteriormente agregou que: "Lagarde deu listas similares a Alemaña, Francia, España e Italia, e en cada un deses países actuouse e ingresos á súa vez foron reclamados. Aquí, estannos constantemente dicindo que eles abordarán a evasión fiscal, xa que é a raíz dos problemas económicos do noso país, e non fixeron absolutamente nada, porque hai xente na lista que son amigos de quen exerce o poder."
Vaxevanis terminou asegurando que Hot Doc continuaría desenterrando escándalos "porque iso é o que os gregos queren"... "A elite política afíxose a que a gran prensa non lles molesta, pero investigación é o que facemos".
Premios 2013: VII Premio Internacional de Xornalismo Julio Anguita Parrado.
Notas
Véxase tamén
Edward Snowden Hervé Falciani Julian Assange Wikileaks
Ligazóns externas Kostas Vaxevanis: Por que publiquei a lista Lagarde.
Categoría:Xornalistas de Grecia