Damián Canedo Midón, nado en Santiago de Compostela o 8 de marzo de 2003, é un futbolista galego que xoga como defensa no Deportivo Fabril, da Primeira Federación.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no Amio e no Aríns, antes de entrar na canteira do Xuventude Oroso. Tras rematar a súa etapa como infantil foi incorporado o Celta de Vigo, que mantiña un convenio de colaboración co club de Oroso. Na súa primeira campaña na Madroa estivo ás ordes de Srđan Bajčetić no cadete B, co que se proclamou campión do seu grupo da Liga Galega ademais de campión galego. Na seguinte tempada, xa no cadete A de Adri Abalo, fíxose co título da División de Honra Cadete, ao tempo que era un habitual nas convocatorias da selección galega sub-16.

No verán de 2019 fichouno o FC Barcelona. Na súa primeira campaña no club catalán xogou co Xuvenil B, mentres que nas dúas seguintes compaxinou este co Xuvenil A, co que conquistou a Copa de Campións.

En 2021, finalizada a súa etapa como xuvenil, desvencellouse do Barcelona e regresou a Santiago para asinar como xogador do Compostela de Fabiano, da Segunda Federación. Co conxunto compostelán disputou 23 encontros, todos agás un como titular, e marcou un gol diante do Zamora.

As súas boas actuacións no Compos propiciaron a súa fichaxe en xullo de 2023 polo Betis para xogar no seu filial, o Betis Deportivo, tamén na Segunda Federación. No filial bético contou con poucos minutos, tendo por diante a defensas como Mendy e Visus, polo que disputou só 8 partidos, 6 deles como titular. No mercado invernal foi cedido a un equipo de superior categoría, o Mérida, da Primeira Federación, que ocupaba postos de descenso. Xogou 14 encontros, 9 deles saíndo dende o inicio, e contribuíu a que o equipo escalase posicións e salvase a categoría.

En 2024 volveu a Galicia e fichou polo Fabril, da Segunda Federación. Na primeira tempada na Coruña tivo como adestradores a Gilsanz e Manuel Pablo e foi un dos xogadores máis utilizados, chegando a disputar a promoción de ascenso. Titular indiscutible na tempada 2025/26, en decembro chegoulle a oportunidade de debutar co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, na segunda rolda da Copa do Rei ante o Sabadell, onde substituíu nos minutos finais ao tamén fabrilista Samu Fernández. A súa rápida progresión cortouse só seis días despois, cando nun adestramento sufriu unha grave lesión no ligamento cruzado dun xeonllo, o que o afastou dos terreos de xogo durante o que restaba dunha tempada, na que o Fabril conseguiu o ascenso. A pesar da lesión, o club renovou o seu contrato.

Palmarés Fabril Segunda Federación (1): 2025/26.

Notas

Categoría:Nados en 2003 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña