Michael Heidelberger (nado o 29 de abril de 1888, finado o 25 de xuño de 1991) foi un inmunólogo estadounidense, que se adoita considerar o pai da inmunoloxía moderna. El e Oswald Avery demostraron que os polisacáridos dos pneumococos son antíxenos, o que lles serviu para demostrar que os anticorpos son proteínas. Pasou a maior parte da súa carreira inicial na Universidade de Columbia e un tempo comparable anos despois na facultade da Universidade de Nova York. En 1934 e 1936 recibiu a bolsa Guggenheim. En 1967 recibiu a Medalla Nacional de Ciencia e despois gañou o premio Lasker de investigación médica básica en 1953 e de novo en 1978. Os seus artigos consérvanse na Biblioteca Nacional de Medicina en Bethesda, Maryland.
Primeira parte da súa vida Heidelberger naceu en 1888 na cidade de Nova York fillo da parella xudea formada por David e Fannie Campe Heidelberger, un viaxante de comercio e unha ama de casa, respectivamente. Un irmán máis vello que tivo morreu pouco despois do nacemento; outro máis novo, Charles, naceu 21 meses despois del. O seu avó paterno, tamén chamado Michael, era un xudeu alemán que emigrara aos Estados Unidos a principios da década de 1840."1850 United States Census", United States census, 1850; Northern Liberties Ward 6, Philadelphia, Pennsylvania; roll M432_811, page 414A, line 1. Consultado o 2013-5-30.}} Heidelberger tivo unha filla nacida en Filadelfia en 1843.
O pai de Heidelberger tiña só estudos de escola elemental, e estaba na estrada de viaxe durante seis meses ao ano vendendo cortinas. Correspondeulle á nai de Heidelberger facerse cargo da casa e da educación de Michael. Ela asistira a unha escola privada para nenas en Norfolk, Virxinia, e despois de graduarse permanecera cuns parentes en Alemaña durante un ano. Ata que Michael cumpriu os doce anos, ela ensináballe a el e ao seu irmán máis novo en casa. Asistían a concertos clásicos, tiñan que falar alemán na mesa, e unha neneira ensináballes francés durante os seus paseos ao próximo Central Park. Posteriormente na súa vida agradeceu este adestramento tan temperán en linguas que eran fundamentais para o discurso científico na primeira metade do século XX.
Heidelberger decidiu cando tiña oito anos que queria ser químico, por razóns que nunca puido articular ou lembrar, pero que máis tarde considerou non máis que unha "idea cabezona". Experimentaba en casa mesturando medicinas e os ingredientes moi básicos que se incluían nos xogos de química para nenos que había daquela, ata que comezou os seus estudos formais de botánica, zooloxía, física e química na Escola da Cultura Ética, unha escola secundaria privada do Upper West Side de Nova York fundada pola Sociedade da Cultura Ética, un movemento relixioso humanista do cal os seus pais eran membros. Mantivo unha conexión coa escola ao longo da súa vida, invitando grupos de estudantes a visitar o seu laboratorio todos os anos.
A Heidelberger encantáballe a música e empezou a tocar o clarinete na orquestra da escola secundaria, afirmando "Ich bin ein Heidelberger!" (eu son un Heidelberger!) e tiña talento dabondo como para que músicos de concerto o animasen a que considerase facer unha carreira profesional como músico. En vez diso, aquilo convertérase na súa "principal relaxación". Tocou os mesmos dous insrumentos de madeira feitos a man, un clarinete en si bemol e outro en la, toda a súa vida, levándoos con el sempre que se xuntaba para facer actuacións de música de cámara en conferencias ou en casas de amigos.
Educación e investigacións iniciais sobre o cancro Cando Heidelberger empezou a traballar na Universidade de Columbia en 1905, a súa familia mudouse ao Upper West Side para que el puidese vivir máis preto da escola. Viviu alí durante o resto da súa longa vida. Recibiu todos os seus graos académicos da Columbia, culminando cun doutoramento (Ph.D.) en química orgánica en 1911. A súa tese tratou sobre os análogos da quinazolina, alcaloides que o seu asesor, Marston Taylor Bogert, esperaba —erradamente, como Heidelberger probou— producirían útiles tinturas cando se combinasen con ácido ftálico. Como estudante mantíñase economicamente vendendo xamón de Virxinia aos hoteis e tendas de venda por xunto da cidade nas tardes dos venres, gañando uns 50 dólares por semana, e ensinando química analítica baixo a dirección de Irving Langmuir no Instituto Stevens de Hoboken, Nova Jersey.
Instado polos seus pais, Heidelberger despois da súa graduación de doutoramento arranxou unha visita ao seu antigo médico de familia, Samuel J. Meltzer, que o tratara a el dunha febre tifoide cando era un neno pequeno e que agora era catedrático do Departamento de Fisioloxía do recentemente fundado Instituto Rockefeller de Investigación Médica. Meltzer aconsellou secamente a Heidelberger que non debería dedicarse á ciencia, porque "a ciencia non é unha profesión para o fillo dun home pobre". Heidelberger axiña se decatou que Meltzer estaba probando o seu compromiso coa ciencia, e el insistiu que quería ser químico. Meltzer cedeu, e enviouno a coñecer aos químicos do instituto, Phoebus A. T. Levene, Donald D. Van Slyke e Walter A. Jacobs, que Heidelberger atopou xuntos tomando o té. Aconselláronlle que fose a Europa para facer investigación posdoutoral, que entón se lle requiría a calquera científico que quixese atopar un posto nunha universidade que fixese investigacións avanzadas nos Estados Unidos.
Heidelberger seguiu o seu consello e en 1911 foi a Zürich a traballar por un ano no laboratorio de química orgánica do futuro premio Nobel Richard Willstätter na Eidgenössische Technische Hochschule. Alí perfeccionou a síntese do ciclooctatetraeno, un importante intermediario en investigacións de química orgánica. Willstätter axudou ao seu estudante nortamericano algo carente de cartos compartindo con el o custo das subministracións de laboratorio, acordando que cando se tivesen que mercar materiais caros, como nitrato de prata, tocáballe pagar a el, mentres que a Heidelberger tocáballe pagar os materiais máis baratos como o ácido sulfúrico. Heidelberg resumiu a súa experiencia con Willstätter como "a mellor formación que poderías ter". Seguiron sendo amigos durante décadas, durante a fuxida de Willstätter de Alemaña en 1938 e ata a súa morte en suíza en 1942.
Mentres visitaba os seus parentes en Alemaña no seu retorno desde Zürich, Heidelberger recibiu un telegrama do seu pai comunicándolle a oferta dun posto de Membro do Instituto Rockefeller, condicionado a unha entrevista persoal e aprobación polo director do instituto, Simon Flexner.
Instituto Rockefeller
Heidelberger pasou a selección e en setembro de 1912 empezou a traballar no laboratorio de Walter Abraham Jacobs sobre un derivado da hexametileno tetramina, un complexo que parecía prolongar a vida de monos con poliomielite e que Flexner esperaba puidese adaptarse para o seu uso en humanos. Os resultados pareceron prometedores ao principio, mais despois Heidelberger e Jacobs atribuíronos á perda de virulencia do virus.
No verán de 1915, despois de asistir a un campo de adestramento de oficiais en Plattsburgh, Nova York, para un exército de voluntarios proposto (unha rama do movemento para preparar os Estados Unidos para a súa entrada na primeira guerra mundial) e obtendo unha mención como francotirador, Heidelberger viaxou ao lago Kezar en Maine para pasar unhas vacacións. Despois de tocar alí a peza Nina de Pergolesi, o seu acompañante ao piano exclamou, "coñece a Nina," e alí se achegou unha xove dama, Nina Tachau. Casou con ela en 1916 aos compases dunha marcha nupcial composta polo propio Heidelberger. Nina era unha escritora e activista do capítulo de Nova York da Liga de Votantes Femininas e, durante a década de 1940, da Asociación Americana para as Nacións Unidas. Despois da súa morte de cancro en 1946, Heidelberger continuou o seu traballo en representación das Nacións Unidas, e foi membro da delegación estadounidense nas xuntanzas da Federación Mundial da Organización das Nacións Unidas en Praga, Bangkok e outras cidades. Coñeceu a súa segunda muller Charlotte Rosen nun concerto. Ela era violinista nun trío de Mozart no cal Heidelberger actuou. Casaron en 1956. Durante os dez anos antes da morte dela en 1988, coidou dela en casa, xa que padecía a enfermidade de Alzheimer.
Unha vez que os Estados Unidos declararon a guerra a Alemaña en abril de 1917, Heidelberger foi destinado ao Corpo Sanitario e asignado ao Instituto Rockefeller. Continuou a taballar con Jacobs, unha colaboración que durou máis de nove anos e produciu 44 artigos. Sintetizaron moitos fármacos, concretamente de arsénico aromáticos, para o tratamento de doenzas infecciosas, en especial a sífilis e a enfermidade do sono africana. En 1919 desenvolveron unha variante da "bala máxica" de Paul Ehrlich para a sífilis, o Salvarsan, que demostrou ser efectivo contra os tripanosomas, os parasitos que causan a enfermidade do sono africana. Variantes do tryparsamide, como o chamou Flexner, continúan administrándose hoxe. En 1953 o rei de Bélxica, mandatario colonial de partes de África nas cales a enfermidade do sono era endémica, honraron a Heidelberger e Jacobs polo seu descubrimento.
En 1921 Heidelberger trasladouse ao laboratorio de Donald D. Van Slyke no hospital Rockefeller, onde pasou os seguintes dous anos desenvolvendo un método de preparar grandes cantidades de oxihemoglobina purificada, coa súa capacidade de transportar oxíxeno intacta, para os estudos de Van Slyke da captación e liberación de oxíxeno no sangue. Cando Karl Landsteiner, o famoso inmunólogo austríaco e descubridor dos grupos sanguíneos humanos, chegou ao instituto en 1922, Heidelberger embarcouse con el en estudos das propiedades antixénicas de diferentes tipos de hemoglobina. Durante a súa vida Heidelberger sempre estivo orgulloso de afirmar que con quen primeiro aprendeu inmunoloxía foi con Landsteiner.
Durante este período, o bacteriólogo Oswald Avery pediulle a Heidelberger que lle axudase a dilucidar a química da "substancia soluble específica" que Avery e Alphonse R. Dochez atoparan na cápsula esférica que envolve o pneumococo e outras especies de bacterias. En 1923, Heidelberger e Avery informaron que esta substancia capsular, que determinaba o tipo específico de pneumococo e, con el, a súa virulencia, consistía en polisacáridos, moléculas de carbohidratos constituídas por moitas unidades de monosacáridos. O seu descubrimento estableceu por primeira vez unha relación entre a constitución química e a especificidade inmunolóxica de antíxenos, dando así ao campo da inmunoloxía unha firma orientación bioquímica. Tamén desbotaron suposicións prevalecentes daquela de que só as proteínas podían actuar como antíxenos.
Heidelberger dedicou o resto da súa carreira principalmente ás consecuencias derivadas do descubrimento transcendental de Avery e seu. Identificou e analizou a estrutura de diferentes polisacáridos dos pneumococos —atopáronse un cento deles desde entón—, así como doutros microorganismos, e estudaron o seu papel nas reaccións inmunitarias. En 1927 deixou o Instituto Rockefeller para ser o director do laboratorio químico do Hospital Monte Sinaí. Un ano despois trasladouse ao Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Columbia.
Universidade de Columbia A porta da súa oficina comparábaa co cruzamento da "Rúa 42 e Broadway" debido ao seu tráfico. Durante os seus 27 anos alí usou o seu coñecemento privilexiado da química dos antíxenos plisacarídicos para desenvolver métodos, en especial a reacción da precipitina, para illar anticorpos puros, que el demostrou que eran proteínas e que mediu en unidades de peso absolutas por primeira vez.