Miguel Ángel Martínez Coello, nado en Ourense o 10 de agosto de 1952, é un artista (pintor, debuxante, ilustrador, escultor e ceramista) galego.

Traxectoria

Ten o dobre grao en Cultura e Humanidades da Universidade de Vigo, sendo alumno e colaborador do Programa Universitario de Maiores no Campus de Ourense, e tamén ten colaborado coa UNED. Entre 2012 e 2015 foi docente na Escola de Artes e Oficios de Ourense e Verín.

En 1985 creou SIGNOS (empresa dedicada ao deseño e fabricación de creacións en porcelana). Impulsou o método educativo sobre obradoiros creativos onde traballaron Acisclo Manzano, Quessada, Virxilio etc. e mesmo se materializou a mascota do Pelegrín. A súa obra artística chegou a Europa, EE. UU. e Xapón, a onde se exportou a través de El Corte Inglés.

En 2007 creou a editora A Formiga Rabicha, na que editou poesía, narrativa e etnografía colaborando coa casa do Patrón de Lalín e Nós a Xente do Redor, da que foi impulsor. En 2015 comezou a publicar no Faro de Vigo máis de 200 artigos-documentais sobre a cultura, tradicións, xentes, balnearios e patrimonio galego. Foi responsable de prensa e comunicacións de FEGAUS, Federación de Asociacións Universitarias Sénior de Galicia, publicando os seus traballos na Revista 65 y más, Universitarios Senior.

Leva moitos anos investigando sobre a A Bela Otero, sobre a que publicou en 2012 A Bela Otero.

Como artista expuxo por vez primeira nos salóns da Sociedade Recreativa la Troya en Ponte Canedo-Ourense no ano 1967. A partir de 1970 realizou exposicións en Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, León, Palencia, Valladolid, Bilbao, Salamanca, Tarragona, Sevilla, Madrid, París, Venezuela, México, Portugal... As súas obras están presentes en moitas coleccións e museos de diferentes países.

Obras

La leyenda en su lugar / A lenda no seu lugar (2007). Con Martín Blanes. Ourense: A Formiga Rabicha. ISBN 978-84-612-0449-6.

A Bela Otero (2021). Ourense: A Formiga Rabicha. 360 páxs. ISBN 978-84-936432-9-4.

Ilustrador

As andrómenas e outros contos (2018), de Avelino Jácome e Manuel Blanco Villar. Editorial A Formiga Rabicha. 208 páxs. ISBN 978-8493643263. Historias no Fumeiro: Antropoloxía do sentimento (2021), de Avelino Jácome. Editorial Andrómena Senlleira. 208 páxs. ISBN 978-8412398519. En el barrio me llaman chino (2022), de Alberto Fernández Diz. Ourense: Andrómena Senlleira. ISBN 978-84-123985-2-6.

Notas

Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1952 Categoría:Pintores de Galicia Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Ilustradores de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo