Teruko "Terry" Ishizaka (石坂 照子, en xaponés Ishizaka Teruko), nada en Yamagata (Prefectura de Yamagata) o 28 de setembro de 1926 e finada na mesma cidade o 4 de xuño de 2019,石坂照子さんが死去 免疫学者 foi unha científica xaponesa e inmunóloga, a cal, xunto co seu marido Kimishige Ishizaka, descubriu os anticorpos da clase IgE (inmunoglobulina E) en 1966. O seu traballo foi considerado un grande avance na comprensión da alerxia, e por este traballo recibiu o Premio Passano de 1972 e o Premio Internacional da Fundación Gairdner de 1973.

Traxectoria Teruko naceu en Yamagata o 28 de setembro de 1926. Seu pai era un avogado e a súa nai ama de casa, e ambos a "animaron a seguir unha carreira profesional".

Obtivo un título de medicina da Escola Médica para Mulleres de Tokyo en 1949 e un doutoramento da Universidade de Tokyo en 1955.

De 1949 a 1957 ela e mais o seu marido Kimishige Ishizaka traballaron no laboratorio de Keizo Nakamura, onde ela estudou os mecanismos da anafilaxe. En 1957, a parella trasladouse ao laboratorio de Dan Campbell no Instituto de Tecnoloxía de California para estudar o complexo inmune e en 1959 regresou ao Xapón para continuar o seu traballo nos Institutos Nacionais da Saúde Xaponeses.

En 1962 os Ishizaka incorporáronse ao Instituto e Hospital para a Investigación da Asma Infantil (CARIH, posteriormente chamado National Jewish Health) de Denver. En 1966, anunciaron o seu descubrimento dos anticorpos IgE. Aproximadamente ao mesmo tempo, S.G.O. Johansson e Hans Bennich fixeron o mesmo descubrimento en Uppsala, Suecia. En abril de 1969, publicaron un artigo conxunto.

En 1970, os rumores que había dunha fusión do seu Instituo co Hospital Nacional Xudeu fixeron que a parella se trasladase ao Centro da Alerxia e Inmunoloxía da Universidade Johns Hopkins de Baltimore.

En 1989 Teruko publicou unha investigación que demostraba que un mastocito humano tamén se desenvolvía a partir de células nais hematopoéticas, algo que se demostara antes só en ratos. Ese mesmo ano, o seu marido converteuse no primeiro director científico do Instituto de La Jolla de Inmunoloxía, así que se trasladou con el a California, e retirouse en 1993.

Polos seus logros a parella foi galardoada co Premio da Fundación Passano en 1972, co Premio Internacional da Fundación Gairdner en 1973 e co Premio Borden en 1979. Teruko Ishizaka foi a primeira muller científica xaponesa que recibiu o Premio Behring Kitasato.

Vida persoal En 1949, Teruko casou co seu colega científico Kimishige Ishizaka. Tiveron un fillo, Yutaka Ishizaka. En 1996, despois da xubilación do seu esposo, ambos volveron á cidade nativa dela de Yamagata no Xapón.

O 4 de xuño de 2019, Teruko morreu con síntomas da enfermidade de Parkinson en Yamagata, Xapón, á idade de 92 anos. O seu marido morrera o ano anterior, o 6 de xullo de 2018 tamén aos 92 anos. Teruko foi coñecida no mundo da ciencia pola súa xenerosidade e espírito de colaboración.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Cronoloxía das mulleres na ciencia

Categoría:Nados en 1926 Categoría:Finados en 2019 Categoría:Inmunólogos do Xapón Categoría:Médicos do Xapón Categoría:Nados na prefectura de Yamagata Categoría:Alumnos da Universidade de Tokyo