A enfermidade do soro ou doenza do soro nos humanos é unha reacción a proteínas presentes en antisoros administrados a un paciente que derivan dunha fonte animal non humana, que ocorre como media uns 12 días despois da exposición. Entre os seus síntomas están erupción cutánea, dor nas articulacións, febre e linfadenopatía. É un tipo de hipersensibilidade, concretamente a hipersensibilidade a complexos inmunes (tipo III). O termo reacción similar á enfermidade do soro utilízase ás veces para referirse a unha doenza similar que se orixina pola introdución de certas substancias non proteicas, como a penicilina.

A enfermidade do soro pode diagnosticarse baseándose nos seus síntomas e usando un test sanguíneo e un test de urina. Pode previrse prescindindo do uso dunha antitoxina derivada dun soro animal e por medio de antihistaminas profilácticas ou corticosteroides. Xeralmente resólvese de forma natural, pero pode tratarse con corticosteroides, antihistaminas, analxésicos e (en casos graves) prednisona. Describiuse por primeira vez en 1905.

Signos e síntomas Os seus signos e síntomas poden tardar ata 14 días en aparecer despois da exposición (media 12 días). Poden ser similares aos que comunmente están asociados coa hipersensibilidade ou as infeccións. Síntomas comúns son: erupcións cutáneas e eritema. comechón e urticaria. dores articulares (artralxia), especialmente en articulacións de dedos e dedas. febre, usualmente aparece antes das erupcións. A febre pode chegar aos 40 °C. linfadenopatía (inchan os ganglios linfáticos), especialmente preto do sitio de inxección. malestar. Outros síntomas son: glomerulonefrite, hematuria (sangue na urina), esplenomegalia (agrandamento do bazo), hipotensión arterial (diminución da presión arterial) e en casos graves choque circulatorio.

Complicacións En casos raros, a enfermidade do soro pode ter graves complicacións. Entre estas están a neurite, miocardite, edema larínxeo, pleuresía e síndrome de Guillain-Barré.

Causas

A enfermidade do soro é unha reacción de hipersensibilidade de tipo III, causada por complexos inmunes. Cando se administra un antisoro, o sistema inmunitario humano pode considerar que as proteínas presentes no antisoro son antíxenos nocivos que hai que combater. O corpo produce anticorpos que se combinan con esas proteínas para formar inmunocomplexos. Estes complexos precipitan, entran nas paredes dos vasos sanguíneos e activan a fervenza do complemento, iniciando unha resposta inflamatoria e consumindo gran parte do compoñente do complemento 3 (C3) dispoñible. Poden encontrarse circulando no sangue, o cal diferencia a enfermidade do soro da reacción similar á enfermidade do soro. O resultado é unha vasculite leucocitoclástica. Isto resulta nunha hipocomplementemia, é dicir, un nivel baixo no soro de C3. poden tamén causar máis reaccións, causando os síntomas típicos da enfermidade do soro. Isto é similar a unha reacción de Arthus xeneralizada.

Antitoxinas e antisoros A enfermidade do soro adoita ser o resultado da exposición a anticorpos derivados de animais. Estes anticorpos encóntranse nos antisoros ou antitoxinas que se administran xeralmente para previr ou tratar unha infección ou envelenamento (por unha picada ou trabada velenosa dun animal).

Fármacos A enfermidade do soro pode ser causada por algúns medicamentos, como por exemplo a penicilina.

Outros Extractos alerxénicos, hormonas e vacinas poden tamén causar a enfermidade do soro. Porén, segundo unha avaliación nos Estados Unidos da Johns Hopkins Bloomberg School of Public Health, as vacinas recomendadas rutinariamente á pobaoción xeral non mostraron causar a enfermidade do soro, ata 2012, ano do estudo.

Diagnose A diagnose está baseada na historia clínica do paciente, incluíndo as súas medicacións recentes. Pode tomarse e analizarse unha mostra de sangue, que mostrará trombocitopenia (baixo nivel de plaquetas), leucopenia (baixo nivel de leucocitos), alta sedimentación de eritrocitos e unha diminución das proteínas do sistema do complemento C3 e C4. Unha análise de urina do paciente mostrará proteinuria e ás veces hematuria (sangue na urina con hemoglobinuria).

Diagnose diferencial Síntomas cutáneos similares poden causalos o lupus, o eritema multiforme e a urticaria.

Prevención Evitar as antitoxinas que poden causar a enfermidade do soro é a mellor maneira de previr esta doenza. Ás veces, os beneficios de usar antitoxinas supera os riscos no caso de picadas ou trabadas velenosas que poden poñer en risco a vida. As histaminas corticoides profilácticas poden usarse coas antitoxinas. Pode usarse un test alérxico cutáneo con antelación para identificar as persoas que poden estar en risco de ter unha reacción. Os médicos deberían advertir os seus pacientes de fármacos e antitoxinas aos cales son alérxicos se hai unha reacción. Os médicos despois elixen unha antitoxina alternativa se é apropiado, ou continuar con medidas profilácticas. Isto é importante se o paciente recibiu unha antitoxina antes, xa que a enfermidade do soro causada pode ser peor e ocorrer máis rapidamente.

Tratamento O tratamento con antisoro ou fármaco debería deterse tan pronto como sexa posible. Unha vez que o tratamento cesou, os síntomas xeralmente desaparecen nuns sete días. Os resultados son xeralmente bos.

Os corticosteroides, as antihistaminas e os analxésicos son a principal liña de tratamento. A elección depende da gravidade da reacción. En caos graves pode usarse a prednisona.

Tamén se describiu o uso da plasmaférese.

Epidemioloxía A enfermidade do soro está facéndose cada vez menos común. Moitos fármacos baseados en soros animais están sendo substituídos por fármacos artificiais.

Historia A enfermidade do soro foi descrita por primeira vez por Clemens von Pirquet e Béla Schick en 1905.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Hipersensibilidade Reacción de Arthus Reacción similar á enfermidade do soro

Ligazóns externas Reaccións similares á enfermidade do soro

Categoría:Inmunoloxía Categoría:Doenzas