Wenceslao González Manteiga, nado en São Paulo o 31 de maio de 1956, é un matemático galego, catedrático da área de Estatística e Investigación Operativa pola Universidade de Santiago de Compostela. É membro da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
Traxectoria Licenciouse en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela en 1979 con premio extraordinario. Finalizou o seu doutoramento en 1982, tamén con premio extraordinario, sendo o primeiro doutor en Estatística de Galiza coa tese Consistency and Asymptotic Properties of Nonparametric Density and Regression Estimators.
Participou como socio das redes IAP Statistical Analysis of Association and Dependence in Complex Data dende o 2007 ata o 2011 e Developing crucial Statistical methods for Understanding major complex Dynamic Systems in natural, biomedical and social sciences dende 2012 ata 2017. Foi relator no Congreso Nacional de Estatística e Investigación Operativa (SEIO 2010), a European Conference on Mathematics for Industry de 2016 e na Conference of the International Society for Nonparametric Statistics de 2018 e 2024. Traballou na creación da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación Operativa (SGAPEIO) e é membro da Sociedade Española de Estatística, Investigación Operativa e Ciencia de Datos, da Real Sociedade Matemática Española, da Bernoulli Society, do Institute of Mathematical Statistics e International Statistical Institute. Nos últimos anos pertenceu ao comité científico do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e foi membro do Consello Galego de Estatística dende 2009.
Traballou na creación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), institución de referencia para a transferencia de tecnoloxía matemática á industria, integrado no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia. Desempeñou cargos editoriais en revistas, como Computational Statistics; Statistical Inference for Stochastic Processes; Annals of Institute Mathematical Statistics; Brazilian Journal of Probability and Statistics; Journal of the American Statistical Association ou Bernoulli.
Recoñecementos Ao longo da súa carreira recibiu numerosos recoñecementos nacionais e internacionais pola súa contribución á estatística non paramétrica e á inferencia estatística.
En 2017 foi nomeado membro da Real Academia Galega de Ciencias e, no mesmo ano, foi distinguido como Fellow do Institute of Mathematical Statistics (IMS), un dos poucos galegos nos que recaeu este galardón.
En 2020 recibiu a Medalla da Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa e o Premio SEIO-Fundación BBVA, en recoñecemento á súa traxectoria investigadora e o seu impacto na disciplina.
En setembro de 2021 foille outorgado o Premio Nacional de Estatística, concedido polo Instituto Nacional de Estatística, un dos máis altos recoñecementos neste campo no Estado español.
No ano 2023 foi nomeado académico correspondente da Academia de Ciencias Matemáticas, Físico-Químicas e Naturais de Granada.
En 2025 ingresou como membro numerario da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
Notas
Categoría:Nados en São Paulo Categoría:Nados en 1956 Categoría:Matemáticos de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela