A lingua ainu de Sakhalin é unha lingua extinta da familia ainu, ou se cadra varias linguas ainus, que foi falada na illa de Sakhalin, agora parte de Rusia.
Historia da lingua Os ainus de Sakhalin parecen ter estado presentes en Sakhalin relativamente cedo. As evidencias lingüísticas amosan que o protoainu se falaba no sur de Sakhalin e no nordeste de Hokkaido e que se expandiu desde esta rexión ao resto de Hokkaido, ás Kuriles e parcialmente ao norte de Honshu. Máis tarde, os ainus de Sakhalin expandíronse dende o sur de Sakhalin ata o norte e posiblemente a rexión do Amur. Un estudo realizado por Lee e Hasegawa da Universidade de Waseda, empregando evidencias lingüísticas, arqueolóxicas e xenéticas, descubriu que os ainus están significativamente ligados á cultura de Okhotsk do norte de Hokkaido.
A historia oral rexistra o desprazamento dos ainus do centro de Sakhalin ao que chamaban "tonchi", que, baseándose na evidencia toponímica, eran nivkh.
Os primeiros rexistros atestados do ainus de Sakhalin foron varias frases transcritas polo explorador neerlandés Maarten Gerritszoon Vries en 1643. En 1787, o explorador francés Lapérouse rexistrou 161 palabras en ainu de Sakhalin.
Despois da segunda guerra mundial, cando Sakhalin pasou a estar baixo control soviético, todos os ainus que vivían en Sakhalin menos 100 foron deportados ao Xapón. O derradeiro fogar ainu da illa desapareceu na década de 1960. A lingua sobreviviu máis tempo no Xapón, extinguíndose en 1994 coa morte de Tahkonanna.
No presente, existe hai un movemento entre os ainus de Sakhalin nados e criados en Hokkaido e Honshu para preservar a súa lingua e cultura, como a Asociación Ainu de Sakhalin (樺太アイヌ協会).
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Linguas ainus Categoría:Linguas mortas de Asia