Juan Abascal, nado en Burgo de Osma (actual provincia de Soria) en 1784, foi un traballador de Correos e político liberal español que foi deputado no Congreso pola provincia da Coruña en 1839.

Traxectoria Incorporouse como interventor de Correos na súa cidade natal, traslándose en 1807 a Córdoba como oficial de administración. Durante a Guerra de Independencia destacou polo seu liberalismo, o que, tras o regreso de Fernando VII, levouno a ser perseguido ata o punto de deixar Córdoba. Readmitido posteriormente en Correos, instalouse en Granada, onde en 1818 foi novamente perseguido e detido pola Inquisición. Segundo algunhas crónicas, durante a súa detención delatou a outros liberais, o que o libraría da cadea e foi nomeado comisario ordenante do Exército en 1819.

Durante o Trienio Liberal ocupou o cargo de administrador de Correos en Valencia (1821) e, en 1823, foi designado xefe político da provincia. A intervención dos Cen Mil Fillos de San Luis e a fin do goberno liberal, levárono ao exilio en Francia, baixo a protección do marqués de La Fayette.

Co reinado de Isabel II regresou a España en 1834, traballando nos Correos de Barcelona, onde participou nun pronunciamento contra o goberno do moderado Francisco Martínez de la Rosa. Posteriormente, traballará ata 1837 como administrador da Casa Xeral de Correos en Madrid.

Aliñado co liberalismo progresista máis exaltado, foi candidato pola provincia da Coruña nas eleccións do 24 de xullo de 1839. Resultou escollido con 4 772 votos dun total de 7 524. Tomou posesión do escano o 10 de outubro de 1839, mais a lexislatura foi moi breve, sendo a cámara disolta o 18 de novembro dese mesmo ano.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1784 Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Finados en ano descoñecido