A Abadía de Pannonhalma (en latín: Abbatia Territorialis Sancti Martini in Monte Pannoniae) é o monumento máis destacado de Pannonhalma e un dos máis antigos de toda Hungría, fundado no ano 996. Sitúase preto da localidade, na cima dun outeiro (282 m). Crese que Martiño de Tours naceu ao pé deste outeiro, de aí o seu nome, Monte de San Martiño (en húngaro: Márton-hegy), do que o mosteiro tomou ocasionalmente a denominación de *Márton-hegyi Apátság*.

Este magnífico conxunto comprende unha basílica cunha cripta (construída no século XIII), claustros, unha enorme biblioteca que alberga 360.000 volumes, un refectorio barroco e a colección da abadía (a segunda maior do país).

Hoxe en día, viven no mosteiro uns 50 monxes. A abadía tamén xestiona unha escola masculina dirixida pola Orde Beneditina.

Historia

Fundouse como o primeiro mosteiro beneditino húngaro no ano 996 polo príncipe Géza, quen designou o lugar como asentamento para os monxes, posteriormente, converteuse nun centro da Orde Beneditina. O mosteiro construíuse na honra de San Martiño de Tours. O fillo de Géza, Estevo I de Hungría, concedeu terras e privilexios ao mosteiro. Anastasio de Esztergom (Astrik) exerceu como o seu primeiro abade.

Na biblioteca consérvase aínda o documento máis antigo en lingua húngara: a Carta da Abadía Beneditina de Tihany, que data do ano 1055. As edificacións orixinais da comunidade destruíronse en 1137, pero reconstruíronse posteriormente. Os piares e a bóveda gótica da basílica construíronse a principios do século XIII, incorporando muros da igrexa anterior. En 1486, a abadía reconstruíuse en estilo gótico durante o reinado de Matías I de Hungría. O mosteiro converteuse en abadía en 1541 e fortificóuse como resposta ás incursións otomás en Europa durante os séculos XVI e XVII. Estivo ocupado polo Imperio Otomán durante século e medio, o que obrigou os monxes a abandonar a abadía por períodos de tempo. A reconstrución non comezou ata que rematou a ocupación. Durante o mandato do abade Benedek Sajghó, leváronse a cabo obras de construción de estilo barroco no mosteiro.

Ao longo dos séculos XVII e XVIII engadíronse ao complexo ricas ornamentacións barrocas e ampliacións, gran parte da fachada actual data deste período. A abadía adquiriu a súa forma actual en 1832 coa incorporación da biblioteca e da torre, construída esta última en estilo clásico. A Ilustración tamén influíu na vida monástica durante o século XVIII. Na década de 1860, Ferenc Storno supervisou importantes reformas, especialmente na basílica.

Hungría converteuse nun estado comunista en 1945, en 1950, as propiedades da Orde e as escolas xestionadas polos bieitos confiscáronses polo Estado e non de lles devolveron ata o fin do comunismo en Hungría. O complexo foi obxecto dunha ampla reconstrución e renovación en 1995. En 1996, a abadía declarouse Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Acontecementos Pannonhalma recibiu a visita, entre outros, do patriarca Aleixo II de Moscova en 1994, do papa Xoán Paulo II en 1996, do patriarca Bartolomeu I de Constantinopla e do Dalai Lama no ano 2000. A princesa Estefanía de Bélxica faleceu aquí en 1945 e os seus restos inhumáronse na abadía.

En xullo de 2001, o corazón do antigo príncipe do Imperio austrohúngaro, Otto von Habsburg, depositouse na abadía.

En 2005 rodouse unha película sobre o abade Astrik, titulada *A közvetítő* (*O mediador*).

O complexo Basílica e cripta A actual igrexa de Pannonhalma, unha estrutura de estilo gótico, comezou a construírse no século XIII baixo a dirección do abade Uros e consagrouse en 1224. Descubrimentos arqueolóxicos recentes baixo a sección oriental da basílica remóntanse ao século XI. A parte máis antiga da basílica é o muro do lado sur. Datado no século XII, é un vestixio da segunda igrexa, consagrada en 1137 durante o mandato do abade David.

Durante as escavacións descubríronse dous portais na sacristía. Crese que un deles era a entrada norte da igrexa do abade David, mentres que o outro pertencía á do abade Uros. Tamén se atopou unha tumba, probablemente do abade Uros, entre o altar e o santuario.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Patrimonio da Humanidade en Hungría

Ligazóns externas Abadia de Pannonhalma Filme mostrando a abadia Enciclopédia Católica UNESCO [http://mek.oszk.hu/01900/01955/html/index279.html Cartas de

Categoría:Patrimonio da Humanidade en Hungría