Pentesilea é un personaxe da mitoloxía grega, unha amazona, filla do deus da guerra Ares e Otrere (filla á súa vez do mesmo Ares), e irmá de Hipólita. Tanto esta como a propia Pentesilea foron raíñas das Amazonas.

Tivo un fillo, Caístro (do que os mitógrafos non recollen que foi o pai), que daría nome ó río Caístro, en Asia Menor, e un neto, Éfeso, fundador da cidade homónima.

Foi a última raíña das Amazonas, tras seren practicamente extinguidas por Heracles no transcurso do noveno traballo do heroe. Trala morte de Pentesilea, o pobo das Amazonas foi esmorecendo ata desaparecer.Diodoro Sículo: Biblioteca histórica, II, 46, 5-6.

Guerra de Troia Pentesilea participou na guerra de Troia do lado dos troianos, ó mando dun grupo de doce amazonas (e todas morreron loitando contra os gregos), e distinguiuse pola súa heroicidade. Virxilio, na Eneida, recolle a narración que fai Eneas á princesa Dido da caída de Troya:

Non se sabe se acudiu por simple amor á guerra ou se tivo que abandonar a súa patria, fuxindo das EriniasOu Euménides (ou Furias, na mitoloxía romana), deusas encargadas de castigaren os crimes, especialmente os delitos de sangue. para ser purificada por Príamo, logo de matar accidentalmente á súa irmá.Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Epítome V, 1. Parece ser que matou á súa irmá Hipólita durante unha cazata, ou ben na loita que seguiu á voda de Teseo e Fedra, se ben tamén se di que foi o propio Teseo quen matou a Hipólita. En todo caso hai aquí unha incongruencia histórica pois Hipólita viveu dúas xeracións antes que Pentesilea.

A súa presenza na guerra produciuse xa avanzada esta, trala morte de Heitor, motivo polo cal non se lle menciona na Ilíada, que remata cos funerais en honor de Heitor.Robert Graves di que "é moi posible que os editores de Pisístrato suprimiran a pasaxe referida a ela" (Pisístrato foi un gobernante grego, do século VI a. C., que mandou transcribir os versos da Ilíada e a Odisea). pero sabemos da súa chegada a Troia neste momento grazas á Etiópida, poema épico que comeza "no momento no que a Amazona Pentesilea, filla de Ares e tracia de orixe, chegou xunto ós troianos, disposta a combater como a súa aliada".Elvira Barba, 465.

Ó pouco, Pentesilea morreu a mans de Aquiles, que lle cravou a lanza no peito. Foi o caso que este, cando quitou o casco do seu cadáver e se decatou da súa fermosura, se namorou dela e mesmo dise que cometeu necrofilia alí mesmo.Eustacio de Tesalónica, Comentarios sobre a Ilíada e a Odisea, p. 1696 (citado por Robert Graves, 730). Logo pediu axuda para darlle un enterro digno e un dos guerreiros gregos, Tersites, que lle sacara os ollos a Pentesilea, xa morta ou moribunda, tomou a risa o apaixonado comportamento de Aquiles e entón, este, matouno dun golpe. Pouco despois foi purificado por Odiseo, adversario declarado de Tersites.

Pero entón, Diomedes (primo de Tersites) colleu o cadáver de Pentesilea e botouno ó río Escamandro,O río Escamandro, tamén chamado Xanto, discorre á beira da cidade de Troia. Estaba personalizado nun deus fluvial que mesmo intentou afogar a Aquiles. tralo que Aquiles a sacou da auga e lle proporcionou un enterro con honores, aínda que tamén se di que isto o fixeron os propios troianos.Elvira Barba, px. 465.

Outras tradicións Existe unha narración do mito de Pentesilea na que foi ela quen matou a Heitor, que neste caso era fillo do deus Apolo.Tzetzes: Sobre Licofrón (s. XI), 266 (citado por Robert Graves, px. 728).

Iconografía

Pentesilea e as Amazonas representáronse numerosas veces desde a antigüidade. Destacan a copa do Pintor de Pentesilea (c. 460 a. C., no Staatliche Antikensammlungen, de Múnic) ou a ánfora pintada por Exequias (540-530 a. C.). No primeiro caso, Aquiles mata a Pentesilea cravándolle a espada na clavícula; no segundo, utiliza a lanza. En ámbolos casos, a cara de Pentesilea está descuberta, e os dous protagonistas míranse cara a cara. O momento da morte de Tersites tamén aparece nalgúns vasos do século IV a. C.

Nos Museos Vaticanos exponse un sarcófago romano (c. 240 d. C.) cun historiado relevo no que representan amazonas a pé e a cabalo loitando cos soldados aqueos.Elvira Barba, px. 633.

No Neoclasicismo rexurde o tema, incidindo no namoramento entre ámbolos dous personaxes, con obras de Antonio Canova (1798), Bertel Thorvaldsen (1801) ou Johann Heinrich Wilhelm Tischbein (1823).

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Pentesilea e Aquiles. Amor e morte en Ilión [consultado o 16.09.2026] Proxecto Warburg] ->Penthesileia Proxecto Perseo]

Categoría:Mulleres na mitoloxía grega