Rodolfo Gutiérrez Fernández, nado en Ourense o 20 de agosto de 1930 e finado o 4 de maio de 1994, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa.
Traxectoria Era o fillo máis vello do vasco Francisco Gutiérrez, que fora enviado a Ourense para a construción da Ponte Nova e que se instalou definitivamente na cidade galega. Seu pai tentoulle ensinar o oficio de soldador, pero Rodolfo prefería o fútbol, escapando cando podía para xogar. Militou no Puente, antes de trasladarse a Verín, onde el e seu pai traballaron nun taller, e onde xogou no equipo da vila, o Verín CD.
En agosto de 1950 púxose a proba coa Orensana, equipo polo que acabou fichando para a tempada 1950/51, a segunda da historia do club na Segunda División. Debutou na primeira xornada contra o Racing de Ferrol no estadio do Couto, formando na defensa xunto a Padrón e Román. Realizou unha boa actuación marcando a Cándido Álvarez, pero ambos foron expulsados preto do final do encontro por agresión mutua. O adestrador Armando aliñouno só noutros seis partidos esa tempada, tendo máis protagonismo na seguinte, na que disputou 18 encontros.
Trala desaparición da Orensana no verán de 1952, fichou xunto con Ríos polo Deportivo da Coruña. Debutou na Primeira División na terceira xornada da tempada 1952/53, nun partido contra o Zaragoza no estadio de Torrero, onde se aliñou na defensa xunto a Antonio González e Antonio García. Habitual no once titular, xogou un total de seis tempadas no club coruñés, cinco delas en Primeira e a última en Segunda, disputando 146 partidos oficiais e marcando un gol contra a Real Sociedad.
Rexeitou ofertas de numerosos equipos, ata que en 1958 aceptou unha do Zaragoza, que pagou por el ao Deportivo 600.000 pesetas. Disputou 24 partidos co club adestrado por Otxoa na súa primeira tempada e xogou no club aragonés ata 1961, compartindo vestiario con outros futbolistas galegos como Cortizo, Wilson Jones, Mauro, Reija ou Marcelino. Pechou a súa carreira xogando no Atlético de Ceuta.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 1994 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores da UD Orensana Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes