Rodrigo Germade Barreiro, nado en Cangas de Morrazo o 23 de agosto de 1990, é un piragüista galego. Especialista nas distancias de 500 e 1000 metros do K2 e do K4, foi tres veces campión do mundo (2017, 2021 e 2022), dúas veces campión de Europa (en 2018 e 2023) e gañou unha medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 2020 e unha de bronce nos Xogos Olímpicos de 2024. Foi ademais tres veces subcampión mundial, unha vez subcampión europeo, medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos de 2018 e diploma olímpico en Río 2016.

Traxectoria Comezou a practicar piragüismo no seu Cangas natal e aos 10 anos competía e gañaba contra rapaces de máis idade, participando con documentación falsa. Xogou tamén ao fútbol na canteira do Alondras, pero deixouno aos 13 anos para dedicarse completamente ao piragüismo. Formou parte durante anos do Club Breogán do Grove e en 2007 entrou na Residencia Blume de Madrid.

En 2008, como júnior, conseguiu proclamarse campión de Europa en K2 500m, e subcampión en K2 1000m, nas probas disputadas en Szeged (Hungría), formando equipo co cambadés Paulino Otero.

En 2009 comezou a adestrar o K4 1000m, co obxectivo de cualificar o equipo español para os Xogos de Londres.Los gallegos Rodríguez Germade y Borja Prieto se acercan a Londres 2012 , El Correo Gallego, 10/4/2011. Porén, non abandonou o K2, co que participou nos Xogos Mediterráneos de Pescara en 2009, en 1000m co vasco Íñigo Peña. En 2010 fichou polo Piragüismo Aldán e ese mesmo ano proclamouse campión de España de K2 1000m canda Carlos Pérez Rial. Ademais competiu internacionalmente durante os seguintes anos en varias embarcacións de K4, formando equipo entre outros cos tamén galegos Borja Prieto, Diego Piña ou Jovino González.

En xullo de 2012, en Montemor-o-Velho, proclamouse subcampión de Europa sub-23 no K4 1000m, xunto a Álvaro Bravo, Óscar Carrera e Roberto Abal, medalla que repetiu na edición do ano seguinte, na que sumou tamén un bronce en K2 500. Na categoría absoluta, rematou en 2013 cuarto no Europeo absoluto e oitavo no Mundial, ambas no K4 1000. miniatura|Monumento homenaxe a Rodrigo Germade e outros padexeiros olímpicos de Aldán En 2015 quedou terceiro no Campionato de Europa disputado en Račice, formando equipo con Javier Hernanz, Óscar Carrera e Íñigo Peña, e obtivo un sexto posto co mesmo equipo no Mundial. En 2016 acudiu xunto aos mesmos tres padexeiros aos seus primeiros Xogos Olímpicos, os do Río de Xaneiro, participando na proba de K4 1000m. Conseguiron meterse na final, onde quedaron quintos, obtendo así un diploma olímpico.

En agosto de 2017 proclamouse campión do mundo en Račice, ao gañar o ouro na final de K2 500 m xunto a Marcus Walz. Ao día seguinte no mesmo certame, conseguiu o subcampionato mundial do K4 500, xunto ao propio Walz, Carlos Garrote e Cristian Toro, quedando segundos por detrás do equipo alemán formado por Liebscher, Rauhe, Lemke e Rendschmidt. En 2018, con Saúl Craviotto substituíndo no K4 a Garrote, repetiu o subcampionato mundial dos 500 metros, de novo por detrás do equipo alemán, e proclamouse campión de Europa en Belgrado na mesma distancia. Ademais quedou subcampión europeo no K2 500 con Walz, co que gañou tamén a medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos de Tarragona.

No 2019 en Szeged, volveu ser subcampión do mundo no K4 500 metros, rematando por terceiro ano consecutivo detrás do caiac dos mesmos catro padexeiros alemáns. En marzo de 2021 logrou clasificarse para a proba de K4 500 m dos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020. Na capital xaponesa, clasificáronse para as semifinais como primeiros da súa serie e metéronse na final ao acabar as semifinais tamén na primeira posición. Xa na regata final, colocáronse na primeira posición dende a saída, pero foron adiantados nos metros finais pola piragua alemá, obtendo deste xeito a medalla de prata. Un mes e medio despois proclamouse xunto a Walz, campión do mundo de K2 500, no certame celebrado en Copenhague, superando por menos dun segundo á embarcación alemá de Martin Hiller e Tobias-Pascal Schultz.

En 2022 proclamouse campión mundial por terceira vez, desta volta na proba do K4 500 metros, xunto a Craviotto, Walz e o tamén galego Carlos Arévalo, cos que derrotou por fin á embarcación alemá. En 2023 participou co mesmo equipo nos Xogos Europeos en Cracovia, que no referente ao piragüismo funcionaron como un Campionato Europeo, e conseguiron o ouro por diante dos ucraínos e os serbios. Ese mesmo verán gañou a súa sétima medalla no Campionato do Mundo, ao quedar terceiro na final do K2 500 metros xunto ao madrileño Adrián del Río, resultado co que se clasificou ademais para os seus terceiros Xogos Olímpicos.

Xa en París gañou a súa segunda medalla olímpica no K-4 500 metros, desta vez de bronce. Formando equipo de novo con Saúl Craviotto e Carlos Arévalo, e coa novidade de Marcus Cooper, metéronse sen problemas na final, onde remataron por detrás do equipo alemán e do australiano. Disputou tamén a modalidade do K-2 500 metros xunto a Germade, pero neste caso non conseguiron o pase á final, ao rematar quintos na súa tirada de semifinais. Accederon á final de consolación, onde conseguiron a vitoria e con ela o noveno posto final.

En 2026 regresou do Europeo de Montemor-o-Velho coa medalla de prata do K4 500 metros.

Palmarés internacional +Xogos OlímpicosAnoLugarCompeticiónMedalla2021 TokyoK4 500 m Prata2024 ParísK4 500 m BronceCampionato MundialAnoLugarCompeticiónMedalla2017 RačiceK2 500 m OuroK4 500 m Prata2018 Montemor-o-VelhoK4 500 m Prata2019 SzegedK4 500 m Prata2021 CopenhagueK2 500 m Ouro2022 DartmouthK4 500 m Ouro2023 DuisburgoK2 500 m Bronce2025 MilánK4 500 m BronceCampionato Europeo2015 RačiceK4 1000 m Bronce2018 BelgradoK4 500 m OuroK2 500 m Prata2023 CracoviaK4 500 m Ouro2026 Montemor-o-VelhoK4 500 m PrataXogos Mediterráneos2018 TarragonaK2 500 Ouro

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do piragüista no sitio web da Federación Internacional de Piragüismo . Datos do piragüista no sitio web do Comité Olímpico Internacional .

Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Nados en Cangas de Morrazo Categoría:Nados en 1990 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2024 Categoría:Medallistas olímpicos de Galicia Categoría:Medallistas olímpicos de prata por España Categoría:Medallistas olímpicos de bronce por España Categoría:Medallistas olímpicos en piragüismo Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2024