Anacleto José María Peña Salegui, nado en Getxo (Biscaia) o 19 de abril de 1895 e finado o 13 de xaneiro de 1988, foi un atleta, futbolista e adestrador de fútbol vasco.

Traxectoria Na súa etapa no Arenas de Getxo compaxinaba o fútbol co atletismo. En 1923 proclamouse con este club campión de España na disciplina de remudas 4x250 metros, e bateu o récord de España de 110 metros valados, cun tempo de 17 segundos e catro décimas. En 1925 foi campión de España dos 400 metros valados e en 1926 coroouse campión dos 110 metros valados.

Como xogador de fútbol gañou co Arenas a Copa de España de 1919, ao derrotar na final ao FC Barcelona, anotando el mesmo un dos goles do seu equipo na prórroga (5-2). Anteriomente xa xogara outra final de Copa, na edición de 1917, na que o Arenas perdeu na final contra o Real Madrid. Precisamente o equipo madrileño acabouno fichando no ano 1926, despois de máis dunha década no Arenas de Getxo.

Foi un dos primeiros futbolistas en asinar un contrato profesional co Real Madrid, co que xogou durante seis tempadas, formando un bloque no centro do campo con Prats e Esparza. O 10 de febreiro de 1929 disputou o primeiro partido do Real Madrid na Primeira División, goleando por 5-0 ao Europa.

No ano 1932 deixou o Real Madrid, á idade de 37 anos. Nese momento o Celta de Vigo fíxolle unha xenerosa oferta para ser xogador-adestrador en Segunda División. Adestrou en Vigo tres tempadas, actuando tamén como xogador en nove encontros en total. Nas súas dúas primeiras tempadas no equipo celeste rematou na sétima e na cuarta posición respectivamente, nunha liga de dez equipos, mentres que na terceira, a tempada 1934/35, acabou líder do seu grupo, xogando a promoción de ascenso pero sen conseguir subir de categoría.

O 26 de maio de 1935 dirixiu o seu último partido co Celta, nos oitavos de final da Copa do Presidente da República contra o Sabadell, onde ademais actuou como xogador, aos seus 40 anos de idade. Posteriormente foi adestrador do Oviedo, Osasuna, Arenas de Getxo, Sporting de Gijón, Barakaldo, e Gimnástica de Torrelavega, algúns deles en máis dunha etapa.

Selección española Foi internacional coa selección española 21 ocasións, debutando en 1921 nun partido amigable contra Bélxica en San Mamés. Participou nos Xogos Olímpicos de 1924 en París, caendo na primeira rolda contra Italia.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial do Celta de Vigo Historia do Celta de Vigo

Categoría:Nados en 1895 Categoría:Nados en Getxo Categoría:Finados en 1988 Categoría:Atletas de España Categoría:Velocistas Categoría:Atletas de valados Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Xogadores do Arenas Club de Getxo Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Futbolistas olímpicos de España Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1924 Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores do Celta de Vigo Categoría:Adestradores do Real Oviedo Categoría:Adestradores do CA Osasuna Categoría:Adestradores do Arenas Club de Getxo Categoría:Adestradores do Sporting de Gijón Categoría:Adestradores do Barakaldo CF