Dositeo Rodríguez Rodríguez, nado en Ribas de Sil o 17 de setembro de 1935 e finado en Santiago de Compostela o 27 de marzo de 2020, foi un avogado e político galego do PPdeG.
Traxectoria Licenciado en Dereito e profesor mercantil, era interventor da Administración do Estado. Foi interventor adxunto do Ministerio de Sanidade. Traballaba en Lugo na Universidade de Santiago de Compostela cando foi designado en 1979 xerente polo daquela reitor Suárez Núñez. Naqueles tempos, Rodríguez era militante da UCD ao igual que Suárez Núñez, que fora senador. Logo da substitución de Suárez Núñez polo novo reitor, Carlos Pajares, Rodríguez permaneceu no posto uns meses ata que dimitiu en 1984.
Marchou traballar a Madrid pero regresou para a administración autonómica, primeiro como asesor do Presidente Albor, e logo como asesor do conselleiro de Indutria, Santos Oujo, durante o goberno tripartito. Durante a época de Manuel Fraga incorporouse como interventor xeral da Xunta de Galicia e como conselleiro da Presidencia e Administración Pública (1990-1999). Ademais do seu asento no goberno foi elixido deputado no Parlamento galego polo PPdeG (1993-1999).
Presentouse en 1999 como candidato a alcalde de Santiago de Compostela polo Partido Popular, pero non conseguiu a alcaldía e permaneceu como concelleiro e voceiro do Grupo Municipal Popular no concello e vicepresidente da Deputación da Coruña (2003). Abandonou estes cargos todos en 2006Dositeo Rodríguez deja la portavocía del PP en Santiago y su acta de concejal.
Foi membro do padroado da Fundación Camilo José Cela. En 2013 o goberno designouno membro do Consello de Contas en substitución do falecido Xosé Antón Orza, e permaneceu no seu posto durante dous anos, ata o verán de 2015, dado que fora imputado pola súa xestión na Fundación Camilo José Cela. En xaneiro de 2020 foi absolto dos cargos.
Vida persoal Faleceu aos 84 anos de idade como consecuencia da epidemia de coronavirus que afectou Galicia a comezos do ano 2020.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en galegos.info
Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Nados en Ribas de Sil Categoría:Nados en 1935 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en 2020 Categoría:Finados pola COVID-19 en España Categoría:Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da V Lexislatura do Parlamento de Galicia