Carlos Santiago Pereira, nado en Marín o 9 de setembro de 1951, é un exfutbolista galego, que xogaba na demarcación de gardameta. Despois de xogar no Pontevedra, foi traspasado ao Valencia, onde militou varios anos, gañando tres títulos, entre eles a Recopa de Europa 1979/80, na que destacou a súa actuación na final, detendo dous lanzamentos na quenda de penaltis. Xogou ademais no Alavés, no Racing de Santander, no Atlético de Madrid, no Celta de Vigo, no Arenteiro e no Gran Peña.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no Rápido de Pereiró, club modesto de Castrelos, de onde pasou á canteira do Pontevedra CF. Militando no equipo xuvenil do club foi convocado por Chao para xogar coa selección galega xuvenil.

Na tempada 1970/71 comezou a xogar co filial do Pontevedra, o Atlético Pontevedrés, adestrado por Martín-Esperanza, e na campaña seguinte debutou co primeiro equipo na Segunda División, nun encontro fronte ao Racing de Santander en Pasarón. Durante esa tempada compaxinou o filial co primeiro equipo, no que a titularidade alternaba entre Illumbe e Ardao, e na 1972/73 subiu ao primeiro equipo adestrado por Caeiro, facéndose coa titularidade por diante de Ardao e Amador, e disputando un total de 25 encontros. O equipo acabou descendendo a Terceira División, categoría na que Pereira continuou ocupando a portería unha tempada máis.

No ano 1974 foi traspasado ao Valencia CF por preto de 6 millóns de pesetas e o compromiso do club valenciano de xogar o Trofeo Luis Otero. Debutou na Primeira División da man do adestrador iugoslavo Milovan Ćirić na cuarta xornada da tempada 1974/75, ante o FC Barcelona no Camp Nou. Tardou só tres minutos en recibir un gol, obra de Cruyff, nun partido que o Valencia perdeu 5-2. Foi o seu único encontro da tempada, mentres que na seguinte xogou cedido no Deportivo Alavés en Segunda División.

Ao rematar a cesión volveu a Valencia, onde xogou os seguintes cinco anos, alternando a portería con Balaguer e Manzanedo primeiro, e con Sempere despois. Co equipo che gañou a Copa do Rei 1978/79 e debutou esa mesma tempada en competición europea, nun partido da Copa da UEFA contra o Argeș Pitești. Un dos mellores recordos que deixou en Valencia foi o encontro da final da Recopa de Europa 1979/80 contra o Arsenal FC, no que mantivo a cero a portería durante 120 minutos e detivo dous lanzamentos da quenda de penaltis que valeron o título para o equipo de Alfredo Di Stéfano, converténdose Pereira no heroe da final.

Na seguinte tempada disputou a Supercopa de Europa contra o Nottingham Forest, da que o Valencia tamén se proclamou campión.Mediada a tempada 1981/82 e sen contar con minutos no equipo de Pasieguito, saíu cedido seis meses ao Racing de Santander, onde foi titular ata o fin da campaña.

En agosto de 1982 fichou polo Atlético de Madrid onde xogaría as seguintes tres tempadas. No equipo adestrado por Luis Aragonés tivo a competencia de Mejías, pero aínda así disputou un total de 58 partidos oficiais, conquistando a súa segunda Copa do Rei na tempada 1984/85.

En setembro de 1985 foi cedido ao Celta de Vigo a cambio da metade da ficha do xogador, que ascendía a 7 500 000 pesetas. Alternou na portería con Maté e Chuco nunha campaña na que o Celta descendeu á Segunda División. Tras consumarse a perda de categoría non houbo acordo entre Celta e Atlético, polo que o xogador deixou Vigo tras disputar 15 encontros e encaixar 35 goles.

Na tempada 1987/88 asinou co Arenteiro, que da man de Agapito Viñas acababa de ascender por primeira vez na súa historia á Segunda División B. Coincidiu no equipo con xogadores como Sobrino, Sequeiros ou Quecho, e disputou 21 partidos, pero deixou o club do Carballiño en febreiro de 1988 debido á súa mala relación co presidente José Pérez. Para a seguinte tempada fichou co Gran Peña, equipo xa desligado do Celta de Vigo e co que xogou na Terceira División antes da súa retirada. Vida persoal

Foi irmán de José Santiago Pereira "Sansón" (1937-1985), que xogaba de porteiro. O seu sobriño Agustín seguiu os seus pasos como porteiro e militou durante unha década no Real Madrid.

Palmarés Valencia

Copa do Rei (1): 1978/79. Recopa de Europa (1): 1979/80. Supercopa de Europa (1): 1980/81.

Atlético de Madrid

Copa do Rei (1): 1984/85.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía en yojugueenelcelta.com . Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Marín Categoría:Nados en 1951 Categoría:Futbolistas de Marín Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Pontevedra CF B Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do CD Arenteiro Categoría:Xogadores do Gran Peña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes