Celso Pedro Blanco Álvarez, nado en Vigo o 7 de xullo de 1914, foi un futbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista, máis coñecido como Blanco.
Traxectoria Fichou polo Celta de Vigo na tempada 1935/36 da Segunda División Española ao igual que os defensas Varela e Ignacio co obxectivo de acadar o ascenso á máxima categoría. O equipo finalmente conseguiu o obxectivo o 19 de abril de 1936 nun encontro contra o Xerez CD que rematou con vitoria céltica por 5-0.
Blanco realizou unha moi boa tempada na que, coa confianza do adestrador Ricardo Comesaña, disputou 22 dos 24 encontros xogados polo equipo. Isto levouno a ser convocado pola Selección de fútbol de España xunto a José Vega para disputar dous encontros amigábeis, contra Checoslovaquia e contra Suíza, porén non chegaría a debutar.
Porén a súa carreira futbolística en ascenso viuse truncada co golpe de estado do exército e co comezo da Guerra Civil Española.
Unha vez finalizada a contenda foi fichado polo Atlético de Madrid (naquel momento Atlético Aviación). Na tempada 1939-40 converteuse nun dos cinco primeiros futbolistas galegos en gañar a liga española, xunto cos seus compañeiros no Atlético Juan Vázquez, Cesáreo Bachiller, Enrique Rubio e Guillermo. Finalmente unha grave lesión foino apartando dos terreos de xogo, disputando o último encontro en Primeira División o 14 de marzo de 1943.
Palmarés Co Real Club Celta de Vigo: campión da Segunda división de España na tempada 1935/36.
Co Athletic Aviación Club de Madrid: campión da Primeira división española nas tempadas 1939/40 e 1940/41.
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1914 Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de España Categoría:Finados en ano descoñecido